Todos os partidos e concelleiros da oposición reprobamos a actitude e comportamento de David Castro.

  • Comunicado conxunto das agrupacións locais de  PP e  PSdeG,  e Somos Ribadumia.         

   Logo dos sucesos acaecidos na noite do venres 4 ao sábado 5 de xuño, as tres forzas políticas solicitamos de xeito público a comparecencia inmediata  do Alcalde David Castro Mougán para dar explicacións de determinados sucesos e de certas declaracións posteriores emitidas polo propio alcalde, así como  a convocatoria por parte de alcaldía dun pleno extraordinario onde debater estas cuestións e sometelas ao criterio do pleno municipal. A maiores do feito público, a agrupación local do PP presentou un escrito por rexistro municipal o 9 de xuño, con nº de entrada 2021 1510, no cal formalmente solicitábase  o xa exposto, deixando un prazo de cinco días antes de tomar outro tipo de iniciativas. Ese prazo venceu o 14 de xuño e a día de hoxe nin tivo lugar ningunha comparecencia pública aclaratoria nin tampouco se convocou un pleno extraordinario, optando o alcalde pola opción de incluír un punto na orde do día do pleno ordinario do 1 de xullo, para dar conta supostamente do acaecido nesa festa, sendo consciente de que os “dar conta” non supoñen máis que a aportación de información, sen posibilidade de intervención por parte da oposición.

Por todo isto, acolléndonos aos nosos dereitos e  ante a falta de iniciativa por parte da alcaldía, vémonos na obriga de solicitar na maña do 29 de xuño  un pleno extraordinario, cuxo único punto a debater será unha moción conxunta, asinada tamén por todos os concelleiros da oposición, e presentada xunto coa solicitude de pleno extraordinario.

  O que os concelleiros que asinamos esta moción queremos por de relevancia é a gravidade dos ataques que un concelleiro da corporación recibiu a noite referida, cando dúas persoas que saían da casa na que vive David Castro logo de que a Garda Civil disolvese unha festa que alí se celebraba se achegaron a vivenda dese concelleiro para increpalo e ameazalo, uns feitos  inaceptables en democracia, e tamén a gravidade das reaccións, tamén inaceptables, de IR e de David Castro.

   Ningunha persoa pode ser obxecto de actos deste tipo polo mero feito de participar na vida política do seu concello e defender os seus ideais de maneira democrática. A política é apaixonante –  os e as que participamos nela sabémolo ben – pero iso non pode xustificar nunca ningún tipo de acción violenta, nin verbal nin física nin doutro tipo. Neste aspecto as agrupacións políticas deben velar por evitar que se produzan este tipo de situacións, non alimentando determinadas actitudes, defendendo funcionamentos democráticos, e  evitando levar as diferenzas políticas ao ámbito persoal. E todas as persoas que participan en política, pero moi particularmente as persoas que ostentan cargos públicos, deben ser moi contundentes a hora de condenar calquera actitude ou feito que implique o uso da violencia en calquera das súas formas.

E neste caso concreto, lamentablemente, nin Independientes por Ribadumia nin David Castro actuaron acorde aos preceptos referidos. Ao contrario, David Castro lonxe  de condenar este ataque, aínda tivo a ben facer unhas declaracións públicas totalmente lamentables, menosprezando a función pública dun concelleiro, amosando un claro prexuízo cara esa persoa e por extensión cara o resto da corporación.

Non podemos obviar a imaxe que con estas actitudes  se transmite da vida política no noso Concello. A falta dunha resposta contundente e contraria a este tipo de actos por parte de David Castro e de IR da a entender á cidadanía que o alcalde de Ribadumia e o seu partido aproban estes comportamentos, e iso é inaceptable.

  Ademais, Independientes por Ribadumia é un partido que está participando da vida política de Ribadumia nun sistema democrático, que se rexe por normas democráticas, e como partido ten a obriga de tomar medidas para corrixir os comportamentos incorrectos que poidan darse no seu seo, e facelo de xeito público e exemplarizante cando acontezan feitos como os aquí expostos.

   Por todo isto presentamos xunto coa solicitude do pleno extraordinario unha moción co obxectivo de deixar clara no Pleno Municipal a nosa postura contraria ao uso da violencia, para reprobar a David Castro polo seu comportamento, a súa actitude e  as súas declaracións públicas logo do ataque  acontecido a un dos membros da corporación de Ribadumia, e para instar a Independientes por Ribadumia a tomar medidas no seo do seu partido para corrixir estes comportamentos e rematar con esta escalada de tensión política que vai mais aló de todo o razoable.

  O pleno solicitado xa foi convocado por David Castro , e terá lugar este xoves 1 de xullo a partir das 23:00 horas, logo de que teña lugar o pleno ordinario previsto para ese mesmo día as 21:00 horas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s