David Castro négase a recuperar o convenio con BATA.

- IR votou en contra da moción de Somos Ribadumia que pedía recoñecer o traballo desa entidade e recuperar o contrato anual.
- David Castro deixa quedar novamente en vergoña a Ribadumia por 4.000€, por unha cuestión de personalismo político e por interese electoralista.
- Tamén nesta ocasión, David Castro negouse a debater coa oposición, e abusou da posición de alcalde.
No pleno ordinario do pasado xoves 1 de xullo, expúxose – o debate foi impedido por David Castro – unha moción presentada por Somos Ribadumia tres semanas antes que buscaba emendar o que dende Somos Ribadumia consideramos que é un erro de xestión política e que amosa pouco compromiso social: a liquidación do convenio de colaboración con BATA.
Os argumentos esgrimidos pola parte de IR foron, en verbas de Oubiña, “do máis variopinto, dende que non existe obrigación legal nin de ningún tipo ata insinuar que ese colectivo non realizaba o seu traballo correctamente, pasando polo de que non quixemos negociar ningunha modificación da moción ou polo de que non hai necesidade de contar con este colectivo”. Todos argumentos falsos, algúns desmentidos polo propio David Castro, que como en outras ocasións, na mesma intervención foi quen de dicir unha cousa e máis a contraria. Con todo, IR fixo un esforzo importante por pretender culpar a Oubiña, que foi precisamente quen presentou a proposta, de que esta non saíra adiante, algo bastante absurdo nun partido con ampla maioría que neste caso non presentou ningunha emenda á moción, tendo tres semanas para facelo.
“É moi lamentable que David non solo non tivera argumentos razoables, senón que aínda por riba volvera abusar da súa posición impedindo, non so o debate, senón tamén a posibilidade de que dende Somos Ribadumia puideramos dar cabida a calquera proposta súa ou doutros partidos, pois impediunos falar e tamén pechar o punto como corresponde a quen presenta a proposta, e o único que puiden facer foi ler a moción”.
Dende Somos Ribadumia temos claro que David Castro non quere a BATA en Ribadumia. Seguramente o motivo real sexa que prefire meter os cartos en outros asuntos con máis rendemento electoral. Estamos falando dun convenio que non aportaba votos, pero aportaba moito ao Concello e non supoñía un problema económico, pois non chegaba aos 10.000 €/ano, reducido agora á metade, e que a concelleira de contas, Pilar Martinez xa se ocupou de deixar claro que de partida non había motivo para renovar, nin despois de setembro nin para o 2022, aínda que faltoulle valentía para deixar claro se ese convenio se ia liquidar definitivamente ou non.
A suposta alternativa presentada por David Castro, contar con BATA para cuestións puntuais a nós non nos vale “porque esas persoas non andan ao xornal, nin traballan polo caldo, que son o tipo de traballadores que lle gusta a David. Esas persoas son un colectivo que quere integrarse na sociedade partindo dunha situación de desventaxa, e esa integración pasa pola estabilidade laboral, non por recibir de cando en cando unha esmola para quedar ben”.
Dende Somos Ribadumia lamentamos que debido á xestión de David Castro , o Concello que no 2012 foi xunto a Vilagarcia o primeiro en abrirlle as portas a este colectivo dando exemplo, sexa agora o primeiro en pecharllas. Que os Independientes nin sequera propuxeran o voto separado dos puntos de acordo para cando menos deixar patente un mínimo de consideración polas persoas que forman BATA e de recoñecemento ao seu traballo, que levan realizando dende o 2012, e moi ben ademais, deixa tamén constancia da súa falta de empatía e de sensibilidade social.
Queremos trasladar o noso agradecemento ás agrupacións locais do PP e do Psoe, que apoiaron a nosa moción, aportando argumentos de peso e lamentaron, como lamentamos nós, a falta de argumentos de IR, e que deixa claro claro que IR é a única formación política de Ribadumia que se opón a contar con este colectivo, e mesmo que os despreza.
Na mañá seguinte ao pleno transmitímoslle a BATA a nosa decepción por non lograr que o goberno entrara en razón con este asunto, e tamén a nosa confianza en recuperar a relación entre o noso concello e ese colectivo na próxima lexislatura, se o goberno non corrixe o rumbo antes, e volver contar cun equipo deses profesionais plenamente integrado no noso concello.