David Castro abandona o polígono industrial de Cabanelas.

  • Mentres que Oubiña xestionou entre 2015 e 2019  case 500.000 € en investimentos para o polígono, David Castro dedicou e conseguiu  dende 2019  un total de 0 €.
  • A degradación do entorno, aumenta cada semana que pasa.
  • David Castro nin sequera é quen de realizar xestións para lograr axudas como está facendo Cambados con Sete Pias. 

   A principios deste mes, “mentres David Castro se dedicaba a atacar á nosa formación e a xustificar tanto as festas en pandemia na súa casa como  os actos de violencia dos seus colegas de partido, Xurxo Charlín presentaba en Cambados un investimento de 120.000€ para o polígono de Sete Pías”.

   A subvención xestionada polo goberno cambadés forma parte dunha liña de axudas da Xunta de Galicia aos polígonos industriais, que durante a lexislatura pasada ambos concellos, Ribadumia e Cambados, pedían conxuntamente, logrando así importes maiores que supuxeron unha importante  posta ao día de ambos polígonos.

  Ademais desas liñas, que permitiron investir en ambos polígonos preto de 400.000 € en 3 anos, na lexislatura pasada acometéronse outras obras por valor de case outros 100.000 €,algunhas ademais  de importancia máis aló do propio polígono, como a reparación da liña de saneamento, que debido a un intercambio entre as redes de fecais e pluviais  supoñía unha importante carga de auga ao colector de Cabanelas  que provocaban a súa saturación a nada que chovera, algo que hoxe non acontece, sendo os desbordes ao Umia moito menores”.

   O compromiso de Somos Ribadumia e as xestións de Enrique Oubiña permitiron ter un polígono en mellores condicións, ben saneado, coa rede de beirarrúas completada, con totems electrónicos informativos,  e en xeral máis seguro e cunha imaxe moi mellorada.

   Pero todo iso rematou en maio de 2019.  Dende que logrou a maioría absoluta, David Castro  deixou completamente de lado o polígono de Cabanelas, e o goberno local xa non dedica tempo a buscar investimentos para o noso polígono industrial, un dos  motores da nosa economía e onde hai moito traballo por realizar. E non so se deixaron de realizar xestións e lograr fondos. O propio polígono loce cada vez peor imaxe, coas zonas verdes mal coidadas, cos totems informativos apagados unhas veces, funcionando mal outras, a sinalización sen coidar, e mesmo con varios problemas de seguridade viaria e para as persoas,  como os que esta provocando o tellado solto da estrutura abandonada do que ia ser un hotel, da que xa advertimos en varias ocasións.

  Ademais, se antes había colaboración co Concello veciño, que permitía investimentos e melloras mutuas, como foi a xestión da conexión dende Cambados das redes de fibra de gas natural, agora so temos polémicas como a  vivida  semanas atrás a conta dunha avaría na rede de saneamento, que levaron a Fátima Abal a  criticar o comportamento e declaracións de David Castro.

    Dende Somos Ribadumia lamentamos que o goberno local non entenda a importancia de investir fondos no mantemento e mellora dos polígonos industriais, cando as empresas si miran en que condicións están os polígonos e que servizos ofrecen para asentarse. Ademais, é evidente que hai que retomar o camiño iniciado na lexislatura pasada por Enrique Oubiña e Somos Ribadumia  para recuperar toda a masa de terreo do polígono que agora mesmo non se está utilizando, e que suporían dispor dunha importante bolsa de parcelas onde asentar empresas e centos de novos postos de emprego.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s