A Xunta está mandando reclamacións de ata 600€ polo canón da auga e vertedura dos anos 2015 a 2019.

- Están chegando facturas do ano 2015, 2016, 2017, 1° semestre do 2018 e 2° semestre do 2019. E con recargo do 5%, que pode chegar ao 20%.
- Caos absoluto na xestión do cobro da auga e o saneamento.
- Pedimos a David Castro que aclare que está pasando.
Dende Somos Ribadumia vimos de ter constancia de que a Xunta está mandando cartas a unha boa parte da nosa veciñanza reclamando pagos polo canón da auga e o coeficiente de vertedura de anos e semestres que van dende o 2015 ao 2019, con importes que van superar os 600€.
E non entendemos o motivo. Tal como explica Oubiña “os impostos da Xunta van incluídos nas facturas que emite o Concello. Se se pagaron esas facturas, os canóns da Xunta tamén están pagados. Se non se pagaron o Concello debería ter reclamado esas facturas, cousa que non pasou. Polo tanto ou ben a Xunta está duplicando cobros, ou ben o Concello ou incluso a ORAL cometeron algún erro na súa xestión. Erro que agora vai pagar a veciñanza, con recargo de entre o 5% e o 20%”.
Pola nosa banda puxémonos en contacto coa Oficina de recadación da Xunta e confirmaronnos que efectivamente están mandando cartas dese tipo, en dous lotes, un reclamado o pago de canón de auga e coeficiente de vertedura dos anos 2015, 2016 e incluso 2017, e un segundo lote que está aínda pendente de envío, correspondentes co primeiro trimestre do ano 2018 e segundo trimestre do ano 2019. Tamén nos confirman que a actuación para eles é totalmente normal, correspóndense co proceso habitual ante situacións de impago, e que non consta que o Concello advertira de ningún erro nas facturacións. Pero resulta que os casos dos que estamos tendo coñecemento son de veciñas e veciños que aseguran ter todos os pagos ao día, mesmo nalgún caso domiciliado bancariamente, polo que se o Concello emitiu as facturas correctamente eses pagos están realizados. “Entón que pasa aquí? Esqueceuse o concello de pagarlle á Xunta o que lle correspondía? As cartas están chegando sen aviso previo por parte do Concello, que sería quen debera reclamar se hai impagos ou como mínimo informar se xorde algúnha cuestión, que os Bandos non están só para anunciar os viaxes do imserso. David, como sempre, ante os problemas garda silencio agardando que ninguén se dea conta”.

Dende Somos Ribadumia estámoslle pedindo á veciñanza que nos consulta por este tema que corroboren que as facturas foron ou non pagadas no seu día. Se están pagadas é un erro de fácil solución, pero senón se pagaron entón non deben unicamente os canons da Xunta, senón tamén as taxas municipais, co cal non se explicaría a inacción do Concello. Pero está resultando complicado porque o período 2015-2019 estivo sometido a diversas problemáticas, por un lado un erro na lectura dos contadores, que provocou unha facturación errónea que houbo que corrixir, e por outro lado o cambio de sistema cando se municipalizou o servizo, polo que a veciñanza entre facturas mal emitidas, as correccións, unhas que foron pola ORAL e outras que xa chegaron polo concello, xunto á modificacións nos prazos de facturación e modelo, teñen algo de lío.
E tampouco no concello parece ser que estean axudando moito. Temos coñecemento de persoas que que foron ao concello a informarse do que estaba pasando e a única resposta que recibiron foi que houbera un fallo na transferencia de datos cando se municipalizou o servizo. “Pero ese non pode ser o problema, menos logo de catro anos de servizo municipalizado. Os contadores están nas portas das casas e o Concello é o responsable de identificar aos propietarios se hai erros nese aspecto. E dende logo se os recibos están domiciliados, pouco erro de identificación pode haber. Ademais, se a Xunta reclama o canon da auga, que se establece en base ao consumo da vivenda, é porque o Concello pasou o detalle dese consumo”.
Sexa como for, as facturas están chegando. E nós pedímoslle a David Castro que explique publicamente que está pasando, se houbo un erro ou non e no seu caso aclare cal. E se o problema é da Xunta que faga as xestións pertinentes para solventar unha situación que de partida está dando sustos de entre 300€ é 600€, e cuns recargos que temos a sospeita de que os veciños os van ter que asumir sen ter culpa de nada.