O Concello de Ribadumia leva meses co acceso ao servizo de Axuda no Fogar bloqueado.

  • Veciños e veciñas de Ribadumia coa Axuda no Fogar concedida, non poden acceder ao servizo debido á desidia do goberno, que ten atascado o funcionamento do servizo.
  • Inaceptable situación que afecta a varias familias dende o mes de xuño.
  •  Os atrasos na convocatoria do novo concurso provocaron que a empresa adxudicataria quedara nun posible limbo legal ao estar dando servizo sen contrato en vigor.
  • Preguntado en pleno, o goberno non foi quen de dar unha resposta por esta situación.
  • Como sempre, fainas o alcalde, pero áganas os veciños e veciñas de Ribadumia.

   No pleno celebrado onte púxose de relevancia unha situación tan inaudita como inaceptable. Tal como explica o noso voceiro, “resulta que o goberno local permitiu que varias familias do noso concello non puideran acceder ao servizo de Axuda no Fogar tendoo xa  concedido porque David Castro non tivo a ben facer o posible por ter un acordo coa empresa adxudicataria dese servizo, cuxo contrato venceu o pasado mes de febreiro, un acordo que permitira, cun mínimo de garantías legais, manter o servizo sen incidencias ata que se resolvera o novo concurso, que acumula meses de retraso”.

  O problema da desidia do goberno local, unicamente preocupado á vista do vivido no pleno de onte pola vida privada dos concelleiros da oposición e polos titulares de prensa , é que esas familias, logo de moito loitar por lograr acceso a un servizo tan fundamental como é a axuda no fogar, un proceso burocrático complexo e longo que moitas veces chega xa tarde, atopáronse con que o goberno local non lle proporcionaba o servizo que xa tiñan concedido, tal como é a súa obriga. Non só iso, tamén se encontraron co silencio da administración local, que non deu resposta aos requirimentos para solventar a situación.

Oubiña preguntou por esta cuestión no pleno na noite de onte e a resposta foi o silencio, “unha vez máis, o goberno local non está cumprindo coas súas obrigas, ademais nalgo tan importante como isto, pero ninguén sabe nada, e David Castro sabe aínda menos”.

A situación roza ademais o esperpento no legal. Oubiña preguntou pola situación legal das relacións entre concello e empresa adxudicataria. A resposta da Secretaria Municipal foi que as prorrogas estaban esgotadas pero que a empresa debía manter o servizo de xeito extraordinario ata que se resolva o novo concurso. Pero esta situación non esta nada clara. “Esta maña volvín dirixirme á Secretaria co contrato na man, e resulta que segundo ese contrato, que se formalizou sendo eu concelleiro, no 2017, a empresa non debería estar prestando xa servizo ao esgotarse todos os prazos, incluído o prazo extraordinario. Parece que agora o Concello fixo consultas legais ao respecto, porque non está claro se a empresa pode deixar de dar servizo e este debe pasar ao Concello, ou esta obrigada a seguir con el. Pero mentres esas dúbidas se resolven, dende xuño non se dan altas novas no servizo, o goberno local mira para outro lado e as familias pagan o pato”.

   Dende Somos Ribadumia temos claras dúas cousas. A primeira que agora quen cargara coas culpas serán a empresa primeiro e Enrique Oubiña e Somos Ribadumia despois. A segunda que pola conta que lle ten ao goberno, unha vez feita pública a situación, esta resolverase , e de feito Oubiña fixo un rogo neste senso no pleno, co obxectivo de que esas persoas teñan o servizo que lles corresponde por dereito de maneira inmediata, e vimos de ter constancia, non polo goberno precisamente, que onte só estaba preocupado por saber que usuarios e usuarias se habían posto en contacto con Somos Ribadumia, de que a situación vaise resolver nos próximos días ou semanas.

Esta non é a primeira vez que o Concello deixa de lado as súas obrigas cos servizos básicos. A mesma situación deuse coa gardería municipal, que o goberno local se veu obrigado a asumir , cando a empresa adxudicataria, con todas as prórrogas do contrato esgotadas , e cansa da falta de resposta  por parte do goberno de David Castro, deixou de prestar o servizo no pasado mes de maio.

  Dende Somos Ribadumia lamentamos que pola desidia do goberno local, que sabendo que os contratos se ían esgotar non atendeu as súas obrigas nin asumiu as súas responsabilidades , os nosos veciños e veciñas paguen os pratos rotos. Agardamos que a situación se normalice canto antes e pedimos a David Castro que, aínda que sexa na parte final do mandato, xa que non foi antes, deixe de mirar para outro lado e cumpra co mandato da cidadanía, que é gobernar.

David Castro tira miles de litros de auga pública ao non resolver as fugas existentes.

  • Unha fuga a plena vista na contorna de Pontearnelas, evidencia a falta de interese de David Castro en controlar o uso da auga pública, a súa nula conciencia medioambiental, o seu desprezo polo correcto uso dos recursos que se pagan con fondos públicos, e a súa actitude negacionista coa situación de seca.
  • O mal uso da auga pública por parte do goberno local, moi preocupante.
  • Miles de litros de auga pagados por toda a veciñanza, tirados ao río ou perdidos a través dun número descoñecido de fugas.

   A chamada dun veciño, intrigado por unha canle de auga correndo por un dos aliviadoiros da ponte de Pontearnelas , que resultou ser unha fuga de auga pública, puxo de manifesto o que xa levamos tempo dicindo dende Somos Ribadumia: que David Castro e os Independientes desprezan por completo os recursos públicos, ademais de que non xestionan nada e teñen o Concello completamente ao pairo.

 O noso voceiro Enrique Oubiña e parte do seu equipo desprazouse onte a Pontearnelas para comprobar se a canle de auga referida “ ven dalgunha vea subterranea natural que polo que fora se desviara por ese aliviadoiro ou, como sospeitamos, trátase dunha fuga de auga municipal. E non erramos na sospeita, tal como queda recollido no vídeo que gravamos comprobando que efectiventd a auga que corre por esa canle é clorada, ou sexa da traída municipal.”.

A existencia desta fuga de auga en concreto chama a atención porque, a pesar da falta de mantemento e limpeza na estrutura e contorna da ponte, a fuga está a plena vista na senda fluvial de Pontearnelas, pola que pasan moitas persoas a diario. Preguntando nas casas próximas e a algún habitual da zona topamos coa sorpresa de que foron varias as persoas que advertiron a membros distintos do goberno desa canle de auga que non debería estar alí.

   Para Oubiña “o pasotismo a hora de resolver estes problemas non sorprende. A finais do mes pasado xa nos fixemos eco de como unha fuga en plena vía pública no centro de Barrantes tardouse nove meses en resolver. Nove meses durante os cales a auga, ao igual que está en Pontearnelas, estivo fuxindo da rede pública minuto a minuto de día e de noite,  coa correspondente perda de miles de litros de auga depurada e dos euros que custa a depuración”.

   Non fai falla estar pasando unha seca como a que estamos pasando para pór de relevancia a importancia da correcta xestión da auga pública, un recurso limitado que ademais custa cada ano centos de miles de euros das arcas municipais, que se enchen cos impostos de toda a veciñanza. Pero resulta moi preocupante que nin sequera na situación actual o goberno local teña nin a máis mínima conciencia medioambiental nin o máis mínimo respecto polos recursos públicos nin se preocupe de dar un mínimo exemplo de xestión responsable. 

Descoñecemos cantas fugas, a plena vista ou ocultas, ten a rede pública do noso Concello. E o grave é que o goberno local tamén o descoñece, porque non está dedicando absolutamente nada a buscar as posibles fugas ou, cando menos, a resolver as que se coñecen. De feito, tal é a desidia que mentres os concellos veciños toman medidas de aforro de auga, en Ribadumia nin sequera se revisa a regulación dos sistemas de rego dos espazos públicos, non digamos xa reducir o seu uso, co resultado de que hai boquillas que levan semanas regando o asfalto no canto de regar a herba, ou perdendo auga, sen que ninguén faga nada. En resumo, “David Castro é un negacionista que non quere asumir a situación de seca que estamos atravesando, e que mira para outro lado mentres o resto de alcaldes da comarca e a  presidenta da Mancomunidade fan chamamentos ao uso responsable e advirten de que pode haber problemas co suministro se a situación se manten”.

  Dende Somos Ribadumia queremos pedirlle a David Castro, unha vez mais, responsabilidade e xestión. E que volva a senda que dende Somos Ribadumia deixamos marcada no mandato anterior, neste caso dedicar recursos a buscar e resolver fugas de auga ao longo e ancho do Concello, unha delas precisamente en Pontearnelas, e malos usos como o do campo de herba natural da Senra, que ata a chegada de Oubiña ao goberno local se regaba con auga da rede pública. E sobre todo, queremos pedirlle un mínimo de respecto pola veciñanza. A rede de auga pública, e a depuración da auga que se distribúe as nosas casas e se usa para as zonas e espazos públicos págase todo cos cartos da veciñanza, e o goberno local debe dar exemplo do uso correcto dos recursos públicos.

Lamentamos a mala xestión de David Castro do Trofeo Concello de Ribadumia de fútbol.

  • A proba contaba de maneira habitual coa participación dos clubs locais. Dende que David Castro ten a maioría, converteuse nunha ferramenta de división entre clubs e aficións.
  • Unha proba pagada con fondos municipais, pensada para promover os clubs locais e axudarlles a recadar fondos, pero na que non se conta co Xuventude Sisán, o club máis novo.
  • David Castro incapaz de mediar entre direccións e xestionar este evento deportivo, para que as aficións dos diferentes clubs locais puideran participar e gozar del.

   O Trofeo Concello de Ribadumia, que este ano alcanzou a súa trintava edición, era ata o ano pasado unha proba emblemática do noso concello, ao contar de maneira habitual, pois ese era o seu cerne, cos dous clubs locais, o C.D. Ribadumia e Umia C. F., ao que este ano debería sumárselle o Xuventude de Sisán C. F.. Porén, no canto de avanzar nos valores positivos do deporte e da sá competitividade , David Castro transformou coa súa acción partidista este evento deportivo nun elemento de división entre clubs, de tal xeito que, ao final, cando debíamos ter un torneo con como mínimo tres equipos locais, por segundo ano topámonos con que só participa o club que carga coa xestión do evento, que ata agora foise alternando entre Umia e Ribadumia.

   As filias e fobias futbolísticas de David Castro e de boa parte do seu equipo de goberno non son nin novas nin descoñecidas para a veciñanza, e aínda que dende Somos Ribadumia non imos valorar as prioridades persoais de ninguén,  hai un problema moi grave a nivel de xestión política cando  esas prioridades no persoal saltan ao ámbito político. Pasou antes con outros gobernos e volve pasar agora con David Castro, só que agora dun xeito nada disimulado.

Xustamente esa falta de capacidade para separar o ámbito persoal do político, sumado á xa endémica incapacidade de xestión de David Castro, foi o que levou a está situación, pois ao non ser capaz de abstraerse e actuar como corresponde a un alcalde, David Castro permitiu que as diferenzas entre as direccións de dous clubs, que non imos valorar por non ser do noso ámbito de actuación, impediran que por segundo ano consecutivo o Trofeo Concello de Ribadumia fora o que deberá ser.

   Tal como explica o noso voceiro “precisamente para evitar estas situacións aprobouse en Pleno Municipal un regulamento  para o Trofeo Concello de Ribadumia, no ano 2017. Un regulamento que deixa moi claro que ese evento é de responsabilidade exclusivamente municipal, que se fai cargo de todos os custes, e que unicamente deixa en mans dos equipos locais, de maneira alterna, a súa xestión deportiva, así como os beneficios económicos que poidan repercutir. Tamén quedou moi claro, e David Castro e o seu equipo estiveron moi de acordo nisto, en que  aínda que os clubs tiñan liberdade organizativa e de elección de equipos, o Trofeo debería  contar prioritariamente cos clubs locais, no formato competitivo que o club organizador decidise, pero respectando este principio que debía servir para poñer en valor os principios de convivencia no deporte local, da sá competitividade, e para establecer lazos de unión entre aficións. Nada diso acontece dende que David Castro se agarrou á súa maioría absolutista”.

  E non só iso. Dende Somos Ribadumia entendemos que habendo un novo club futbolístico, xa non diremos antes, pero unha vez superada a súa  primeira tempada e xa asentado na competición  deportiva, o normal sería que dende o goberno se lle dera a oportunidade de organizar o Trofeo Concello de Ribadumia este ano, para axudarlles no posible a saír adiante nestes primeiros momentos. Pero David Castro non só non tivo este xesto, senón que directamente ignorou a existencia deste club e da súa afición, como testemuñan as súas declaracións na presentación do Trofeo a semana pasada, onde non se fixo nin unha soa mención a este club, mentres se poñen escusas que ninguén creu para xustificar a ausencia do Umia no evento e a inexistente intermediación de David  Castro para evitar este bochorno.

   Lamentamos esta pésima xestión no ámbito deportivo do goberno local nun evento que ínsistimos é de responsabilidade municipal, e agardamos que de cara ao ano próximo o goberno que haxa en Ribadumia teña algo máis de capacidade de goberno. Dende logo se nós estamos nese goberno o que se mirou nestes dous últimos anos non se vai repetir. E aínda que somos moi comprensivos e respectuosos coas decisións das directivas deportivas dos nosos clubs, agardamos tamén que esas directivas volvan ser conscientes da importancia da imaxe que trasladan, e tamén da importancia de que haxa competicións de ámbito local que unan aficións,  onde se participe con deportividade e exemplaridade, e que axuden a construír un concello dende o respecto e os valores positivos do deporte, máis aínda nun Concello onde os clubs deportivos non teñen instalacións propias e deben usar instalacións de propiedademunicipal, construídas e mantidas cos impostos de todos e todas as ribadumienses, incluídos os que non gustan do fútbol.

  Dende Somos Ribadumia  seguiremos traballando para que o goberno local deixe de usar interesadamente ás entidades deportivas e aumente as partidas económicas onde corresponde, buscando acordos e mellorando as bases de reparto, para que os clubs teñan acceso a máis recursos municipais, un aumento dos recursos que David Castro leva bloqueando dende o ano 2017.

Cal é a situación  real do suministro de auga en Ribadumia?

  • David Castro un día asina un comunicado pedíndollle a veciñanza precaución no uso da auga pública e que non se enchan as piscinas con ela, e ao seguinte di nos medios que Ribadumia ten os depósitos cheos e hai auga suficiente.
  • Todos os Concellos da contorna agás Ribadumia toman medidas de restrición nos usos municipais da auga (regadío de zonas públicas, limpeza, etc).
  • Oubiña: “porque David Castro ocultou o comunicado que asinou con Cambados, Meis e Meaño? ” .

   Dende Somos Ribadumia queremos amosar a nosa preocupación pola extraña situación que vive o noso Concello, aparentemente o único da comarca que non ten problemas de abastecemento de auga pública.

  O noso Concello abastécese da depuradora de Treviscoso, ao igual que outros concellos da comarca, como Cambados ou Meis, cos que ademais Ribadumia comparte liñas de abastecemento. Porén, mentres en Cambados e Meis e o resto da comarca levan xa semanas tomando medidas de control sobre o uso da auga pública, en Ribadumia, tal como explica o noso voceiro “ vivimos nun aparente oasis de fartura de auga, coas rotondas mais verdes e con mais abundancia de rego da comarca, sen medidas de ningún tipo, nin tampouco chamamentos á cidadanía en favor dun uso responsable”.

Ribadumia aparentente ten tanta dispoñibilidade de auga que nalgunha rotonda, como a dos Castaños, régase o cespede e régase tamén o asfalto.

   Por se a cuestión non era bastante confusa, encontrámonos coas incoherencias de David Castro. O 3  de agosto, co deposito de Ribadumia en mínimos,  os medios facían público un comunicado conxunto de Ribadumia, Cambados, Meis e Meaño no cal os alcaldes e a alcaldesa deses concellos, incluído David Castro, facían un chamamento ao uso responsable da auga e a non utilizar a auga pública para usos non prioritarios, como encher piscinas, lavar os coches ou regar xardíns. Porén, mentres o resto de concellos emitían bandos municipais e compartían comunicados a través das redes  informando da situación e pedíndolle á veciñanza o uso responsable da auga, e ao tempo poñían en practica restricións de carácter municipal no rego das zonas públicas e outros usos como  limpeza viaria, restricións que seguen mantendo no día de hoxe, Ribadumia fixo como que non pasaba nada, seguiu usando a auga pública para regar as zonas verdes do concello e para todo o que considerou aparentemente sen mirar o consumo, e non fixo ningún tipo de advertencia á veciñanza, nin sequera compartiu o comunicado conxunto nas redes, un silencio co que pretendía evitar que a veciñanza tivera coñecemento dese comunicado.

   Este pasado mércores, nunhas declaración a un medio de radio, David Castro dixo que Ribadumia, a diferenza do resto de Concellos, non ten problemas de auga de ningún tipo e  asegurou que non é necesario tomar ningún tipo de medida restritiva. Declaracións que van no sentido oposto ao comunicado asinado por el mesmo días antes e ás declaracións de todos os alcaldes da comarca que advirten de que aínda que a captación vai tirando, a situación non é boa e pode empeorar nos case dous meses que aínda quedan de verán, e  polo tanto hai que ser comedidos no uso de auga.

Con regas diurnas e nocturnas. En plena e dura seca Ribadumia é o Concello da comarca coas rotondas mais regadas.

    Dende Somos Ribadumia non entendemos dúas cousas. Por un lado, “como pode ser que un día nos diga á veciñanza , aínda que coa boca pequena, que temos que pechar as billas que hai pouca auga, e ao seguinte nos diga que podemos abrir sen medo que hai auga abondo?”. Por outra banda, non comprendemos como pode ser que abastecéndonos todos os concellos da mesma depuradora, Ribadumia, que  ademais non ten máis fonte de suministro que esa, non teña ningún tipo de problemas de abastecemento e o resto de Concellos teñan que estar con medidas de control para evitar ter que tomar medidas  restritivas para á cidadanía.

  Tal como o expresa o noso voceiro, “David Castro ou ben esta mentindo novamente, ou ben está sendo un completo irresponsable. As medidas que tomaron o resto de concellos están pensadas para evitar tomar outras máis restritivas e que afecten á veciñanza se a situación de seca se agrava, mentres que o noso alcalde usa a estratexia da cigarra, vivir ao día destragando auga sen medida. Iso, ademais de ser pouco ético, pois os concellos deben ser os primeiros en facer un uso responsable da auga, con seca ou sen ela, e de ser moi pouco solidario co resto de concellos, pon en risco o abastecemento de auga potable de toda a veciñanza, a nosa e a do resto de concellos, así como das empresas e centros de atención á cidadanía, como os centros de saúde ou as garderías”.

   Dende Somos Ribadumia pedímoslle a  David Castro que aclare a situación, e que explique, ante unha seca innegable, que esta facendo o Concello de Ribadumia para controlar o seu consumo de auga, ou no seu caso que  vai facer se por mor de non tomar medidas preventivas a situación se agrava.