David Castro fai anuncios electoralistas con proxectos sen concretar.

- David Castro anuncia un pump track amosando un debuxo nun papel, sen datos nin orzamento, e realizado nun lugar moi discutible, debaixo das ventás dunha urbanización.
- Ese proxecto, o segundo que presenta para ese parque en menos de dous anos, non se vai realizar, se se realiza, antes do 2024.
- David Castro rise da veciñanza. Catro anos de abandono do parque infantil da praza da Carballeira, e en vez de reparar o deterioro, fai anuncios electoralistas.
David Castro aposta polo populismo puro e duro e a propaganda sen contido na recta final do mandato. Este pasado venres erguémonos co anuncio de que o goberno local proxecta a instalación dunha pista pump track no parque da praza da Carballeira. Un proxecto que ten máis de medida desesperada para entrarlle ao electorado de Barrantes, que de proxecto serio.
De partida, o proxecto é o segundo que se presenta para esta zona do centro de Barrantes, para un parque que está, como recoñece o propio goberno local, nun estado lamentable. E tal e como pasara coa proposta anterior, está elaborado pensando máis nos votos que en solucionar problemas ou mellorar instalacións. Atendendo ao exposto na prensa, o que se pretende facer nesa zona é instalar unha pista pump track e outras actuacións. Sobre a instalación da pista chega con mirar o debuxo que se pasou á prensa para entender que non se pode poñer en ese sitio concreto, e que pretender colocala aí vai ser conflitivo, pois, tal como explica o noso voceiro, Enrique Oubiña “a David Castro, tendo espazo abondo para poñer esa instalación, non se lle ocorreu mellor cousa que colocala debaixo das ventas de toda unha urbanización, pasando por alto a realidade de que ese tipo de instalacións son bastante ruidosas, motivo polo cal, xunto a outras cuestións de seguridade, deben colocarse a unha distancia prudencial das vivendas”.
Tamén se anuncia que se vai proceder substituír os peches perimetrais dos dous parques infantís. Isto, de ser así, supón unha rectificación con respecto á proposta anterior, onde David Castro pretendía saltarse a lexislación vixente e deixar os parques de xogos sen valla perimetral. Con todo, se pretende unificar as dúas áreas de xogo desa zona volvera incorrer nunha ilegalidade e non poderá facelo. A lexislación é moi clara a este respecto e establece que as áreas de xogo infantil deben estar divididas por franxas de idade e separadas entre elas fisicamente, ou sexa, con vallas ou setos.
Todo isto xa llo advertimos no seu momento, “cando anunciou a bombo e pratillo un proxecto que pretendía eliminar as vallas e substituílas por un banco de pedra de 6.000€, un absurdo como unha catedral, e que ao final quedou en nada, como era previsible. Agora volve as andadas, propoñendo cousas sen xeito nin dereito”.

Futuribles sen concretar
O proxecto non só resulta pouco axeitado en canto ao que se pretende facer. Segundo se informou, a realización irá con cargo ás liñas económicas do plan Leader nas anualidades 2023/2024 que xestiona o GDR. Ou sexa, que non se vai realizar neste ano 2023, pois o proceso para acometer investimentos dentro destes plans acaba de iniciarse e nin sequera está aprobada a axuda económica, como moito presentado o proxecto, se é que presentou. Non só iso, “o suposto proxecto, pois a día de hoxe non pasa de suposto, non conta con orzamento, nin partida económica, nin está en proceso de licitación, nin nada de nada. A todos os efectos, o que temos son catro raias nun papel e moito fume electoral”.
Neste aspecto parécenos unha completa tomadura de pelo á veciñanza que David Castro anuncie obras a futuros en plena precampaña electoral. Pero o máis grave é que mentres David se entreten facendo debuxos no departamento de urbanismo e anunciando soños electorais, os parques infantís están cada día en peor estado, e nin sequera as escasísimas actuacións realizadas para lavarlle cara se fan ben, como vimos de comprobar noutro parque infantil tamén en Barrantes.
A realidade, é que cando esta lexislatura remate en maio, en catro anos David Castro ao núcleo urbano de Barrantes, que concentra a máis da metade da poboación de todo o concello, teralle aportado dous bancos para sentarse, e ningunha solución a ningún dos problemas que presenta a zona.
Para Oubiña “David Castro anda nervioso e actúa á desesperada con actitudes que de tan populistas resultan ata ridículas e refírome tanto ao anuncio de obras como a outras cuestións vistas nas redes sociais. Non sabemos se é que a integración no PP que xa todo o mundo da por feita e eles mesmos andan anunciando coa boca pequena se lle complicou, ou se caeu na conta de que, a parte de partido, un alcalde que pretenda a reeelecion ten que demostrar valía, ter traballado e unha xestión que o respalde, todo o que el non ten, pero sexa o que sexa que lle pase, eu pídolle que predique co exemplo e sexa algo máis prudente”.
Dende Somos Ribadumia temos claro que o núcleo de Barrantes precisa mellorar en moitos aspectos urbanísticos. E que hai que dotar elementos como ese pump track para a xente moza ou outras instalacións para xente menos nova, como parques de calistenia e, nese parque concreto, zonas de sombra, fontes de auga, aseos… Pero nada diso se pode facer de calquera maneira, nin moito menos anunciar obras sen xeito nin dereito mirando o calendario electoral. Hai que actuar con sentido, tendo un proxecto integral, ben elaborado e adecuado aos espazos públicos e que estableza as necesidades que se deben atender. E o máis importante, antes de nada, hai que manter o que se ten, e non deixar que todo se pudra para logo poñerse a facer promesas para o posibles futuros agardando así xuntar catro votos.
