David Castro usa a alcaldía para promover a súa carreira no PP.
- David Castro é xa o candidato oficial do PP, pero négase a dimitir dos seus cargos en IR para poder facer campaña dende a cadeira de alcalde.
- Pilar Martínez e Mar Moimenta, dúas dimisións en diferido e en formato “gato de Schöringer, dimiten pero non dimiten.
- Completa falta de ética, de dignidade é de moralidade política.
Como dixemos días atrás, dende Somos Ribadumia non valoramos as decisións personais. Pero os momentos políticos é as formas son importantes. David Castro anunciou o venres que se integraba no PP el e a totalidade do seu equipo. Tal como explica o noso voceiro Enrique Oubiña “o normal, tamén o ético e o respectuoso cara o seu propio partido, digo IR, sería que, senón antes, nese momento dimitise dos seus cargos municipais el e as concelleiras e concelleiros de IR que o acompañen nesa nova andaina, e a partir de aí que se centrara en facer campaña ou o que lle parecera. Pola contra, David optou por seguir abusando da súa posición de poder, e usar o seu cargo de alcalde para autopromoverse de cara a maio”.
Esta maneira de actuar confirma as ambicións sen medida de David Castro, que de repente recorda que foi concelleiro do PP, aínda que non recorda tanto que foi un dos que traizoaron a Nene Barral respaldando a súa expulsión do PP, nin que foi o xefe de campaña de Salomé Peña no 2003 , enfrontándose precisamente a IR, nunhas eleccións onde o PP estivo a piques de perder o goberno polo fracaso da súa campaña electoral, e tampouco recorda que el quedou fóra daquel goberno do PP porque era o sexto dunha lista onde só entraron cinco, porque Rafael Louzán, a diferencia de Luís López, non o consideraba válido para ser candidato de peso, moito menos alcalde. Confírmanse as ambicións sen medida de David Castro, así como as súas ansias de vinganza, pero tamén se confirma que David Castro carece de moral, de escrúpulos e de respecto cara a veciñanza, saltando dun partido a outro e de volta en función dos seus intereses propios, usando os altofalantes que ten polo grao de alcalde por IR para facer campaña polo PP e tendo unhas actitudes totalmente faltas de respecto coas persoas que votaron a un e outro partido.
Esta maneira de actuar parécenos totalmente indigna nun cargo público. David Castro presentouse cos Independientes por Ribadumia, e non é ético, nin moralmente aceptable que agora estea facendo campaña, anunciando obras e investimentos para a próxima lexislatura e perdido votos e vendendo favores dende o seu altar de alcalde conseguido cun partido cando se vai presentar por outro. “Sabemos que non vai dimitir porque sabemos que David Castro é un completo cobarde no que á práctica política se refire e carece de dignidade, pero neste sentido queremos dicirlle á nosa veciñanza que nin unha mosca fai verán nin en Ribadumia somos todos falsos como ese señor. Moitos máis somos as e os que estamos aquí por mellorar o noso Concello e a vida da veciñanza e non por buscar unha cadeira con nómina alta ou cumprir vinganzas en plan culebrón venezolano. En Somos Ribadumia, e agora vese con total claridade, somos xente moi seria”.
As concelleiras de Schrödinger
A “práctica totalidade dos Independientes” resultou ser bastante menos. Máis aló do enfado evidente de unha boa parte da xente de Independientes, palpable e contrastable na rúa e de que o propio David Castro declarou que varias persoas non o van acompañar na lista que pretende levar as siglas do PP sen xente do PP, onte tivemos coñecemento de que Pilar Martínez e Mar Moimenta, as dúas persoas de máis peso dentro do goberno de David Castro, decidiron non acompañalo nesa aventura, e dimitiron dos seus cargos no Concello , concellarías, representacións en órganos varios e as liberacións que cobraban por eses cargos. “Visto o titular parece unha actitude coherente, e un comportamento ético correcto: non aceptan que David pase ao PP e dimiten. O que pasa é que son dimisións en diferido, fora de tempo, e bastante falsas”.
Porque o que non fan estas dúas concelleiras é deixar as actas de concelleiras de IR, nin pasarse ao grupo de non adscritas. Polo tanto, dimiten das responsabilidades pero manteñense no partido apoiando a David Castro ata o final da lexislatura. “Ao actuar así, están apoiando a campaña de David Castro no PP, así que non veñan dicindo que elas do PP non queren saber nada, porque o delas na práctica é unha cuestión de imaxe pública persoal, non ideolóxica, e actuando así por suposto que están apoiando ao PP e a carreira dentro del de David Castro“.
Se estas dúas concelleiras estiveran realmente en contra desta operación e non quixeran formar parte, xa terían dimitido fai moito tempo pois o anuncio realizouse o pasado venres, pero fai meses que elas estaban informadas. Pero non só non dimitiron dos seus cargos antes, senón que agora asegúranlle a David Castro estabilidade para que remate o mandato sen altibaixos. “ As concelleiras de Schrödinger, non están e ao mesmo tempo están. E tampouco gratis, pois ao renunciar as liberacións cobraran asistencia a plenos e comisións, así que aínda rascaran uns euros ata final de lexislatura”.
As declaracións feitas polas propias concelleiras reafírmannos na nosa postura, e ademais son unhas declaracións con moito fondo. Chama a atención que fagan referencia a Nene Barral, cando o cerebro e alma de IR nesta segunda etapa (dende o 2015), e tamén a persoa que máis defendeu a integración no PP xunto a David Castro, é Feliciano Barral, que ata o pasado outono figurou como presidente do Partido.

O resto do texto resúmese en que marchan sen marchar, moita bágoa de cocodrilo pero cabe recordarlles que se o seu obxectivo era que o PP non gobernara non están traballando para iso, máis ben ao contrario, e se o seu obxectivo era cambiar as formas de goberno do PP, tamén fracasaron. Se pretendían cambiar o uso partidista das institucións aí esta David Castro usando a alcaldía para promocionarse noutro partido, se querian acabar coa crispación mal lles foi e mal o fixeron, pois aí están as declaracións en plenos de Pilar Martínez atacando á vida privada de Enrique Oubiña e outros ataques de xente do seu partido que publicamente esas dúas concelleiras defenderon en pleno municipal, as ameazas a veciños e persoal laboral do Concello, e a tensión xerada cos ataques da xente de IR ao PP. Se querian rematar co obscurantismo resulta que temos o goberno funcionando ao 100% en modo “prácticas oscurantistas” , ocultando información de todo tipo, unhas formas das que as concelleiras foron e seguen sendo cómplices e mesmo artífices nalgún caso. En política os feitos falan por nós, e os feitos de Pilar e Mar contradín moito do que agora expoñen.
“Non minten de todo. Ribadumia si cambiou moito con respecto aos gobernos do PP, dos que por certo Nene Barral foi o máis destacado alcalde, pero mudou entre 2015 e 2019, anos nos que dende Somos Ribadumia e do PSOE lle tivemos a corda agarrada en corto a esta xente Ribadumia funcionou como Concello dunha maneira moi distinta da actual”.
E ademais non marchan, siguen apoiando a David.
O resumo de todo isto, con dimisións e sen dimisións, “é que dende o pasado venres os Independientes por Ribadumia son o Partido Popular de Ribadumia. E a efectos de voto no pleno tamén, non no legal, pero si no moral, que é o que buscan David Castro e o PP de Galicia. Do PP ”real” ou “antigo” de Ribadumia – non sei como definilos – xa non o teño tan claro, pois é evidente que na casa azul as decisións de Luís López non caíron nada ben, pero en todo caso falan os feitos, así que verase no pleno do xoves”.
Dende Somos Ribadumia só podemos lamentar este espectáculo circense carente de toda ética e respecto pola cidadanía, con individuos como David Castro usando a política como trampolín persoal e para atender a cuestións persoais, vinganzas e problemas de ego varios e con concelleiras que se comportan como personaxes da prensa rosa, tentando ocultar con maquillaxe e xestos de pura aparencia a súa realidade. Ribadumia merece un goberno moito máis serio, e dende logo non merece un alcalde de tan baixa catadura moral. .