David Castro, con tres arquitectos no Concello, usa un “asesor” externo “gratuíto” para facer xestións coa Deputación.

  • En pleno admitiu contar cun asesor externo, sen contrato e sen vinculación co Concello para que dera a cara por el en varias xuntanzas coa Deputación. E isto tendo 3 arquitectos en nómina no Concello.
  • Unha asesoría supostamente “desinteresada” que David Castro se negou a explicar.
  • David Castro asegura descoñecer cantas xuntanzas mantivo coa Deputación nos últimos seis meses para resolver o conflito polas subvencións perdidas e a rúa Condesa.
  • A quen está autorizando David Castro a acceder a información municipal? En mans de quen está o Concello de Ribadumia?

    No último pleno, o noso voceiro Enrique Oubiña realizou varias preguntas relativas ás supostas xuntanzas mantidas polo Concello, anunciadas a bombo e platillo en marzo con ameaza xudicial incluída. “queriamos saber cantas xuntanzas se mantiveran, quen participou nesas xuntanzas e que resultado deron, pois a día de hoxe do macro proxecto de David Castro só sabemos que non se parece ao prometido en campaña, que os planos cambian cada mes, que non consegue financiamento, e que de momento ao concello xa lle custou preto de 200.000 €, sen mover un ladrillo”.

  Hai que dicir que de partida David Castro respondeu con evasivas, sinal de que as supostas xuntanzas non deron resultado positivo e que David Castro segue atascado coa Deputación. E foi ante as evasivas de David Castro, que chegou a declarar que non sabe cantas xuntanzas tiveron lugar por estas cuestións, e moi interesado en ocultar que persoas participaron nas xuntanzas pola banda do Concello, que Oubiña preguntou directamente pola presenza dun arquitecto externo ao Concello nesas xuntanzas. David Castro, sumamente molesto porque Oubiña tivera coñecemento de que esa persoa estivera nesas xuntanzas, e apertado  pola evidencia que xa non podía negar, só acertou a aclarar que esa persoa participara de maneira altruísta, ou sexa sen cobrar, nesas xuntanzas.

   David Castro confirmou que esa persoa non tiña no momento desas xuntanzas ningunha relación contractual co concello. Isto, ademais de consecuencias laborais, pois esa persoa estivo traballando sen ningunha garantía laboral, algo moi irregular nun Concello, expón outras cuestións de suma gravidade. Por un lado, que esa persoa, por moito que vaia acompañando a un alcalde, non ten ningunha capacitación para falar en nome do Concello, nin moito menos para analizar documentación ou falar de proxectos urbanísticos sobre os que non ten ningunha responsabilidade. Neste caso, nin sequera asinou os proxectos que David Castro presentou para os plans da Deputación, e que son o motivo do debate, logo da perda de medio millón de euros pola pésima xestión municipal.

E por outra banda esta o acceso a datos municipais, que aparentemente David Castro ofrece a calquera persoa que el considere sen contar con ningunha garantía legal nin moito menos de protección de datos. “Resumindo, que á vista dos feitos non sabemos a que persoas, sexa esta ou sexan outras, David Castro está dando acceso a datos internos do concello, ou mesmo persoais. O que si, sabemos é que os profesionais non traballan gratis, menos nestes termos. Se fan algo gratis é porque  ou ben están facendo un favor que van a cobrar, ou están devolvendo un favor anterior, e en calquera caso os traballos “altruistas”, en política, son moi sospeitosos”. E iso non é tampouco un tema menor.

  Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar que persoas alleas ao Concello participen da súa xestión sen ter o seu correspondente  contrato laboral. Tampouco podemos aceptar que David Castro, incapaz por si mesmo de facerse valer ante a Deputación, se faga acompañar por persoas alleas á vida municipal. E dende logo, que con tres arquitectos en nómina do Concello, David Castro opte por un arquitecto externo para tratar cuestións relativas ao urbanismo municipal, parécenos totalmente inaceptable.

   Para Oubiña “hai un problema de actitude persoal, pois David Castro, alcalde a todos os efectos, é incapaz de ir el só a unha xuntanza, facer valer o seu cargo e defender a posición do Concello ou os seus propios proxectos para Ribadumia,  e isto nótase ben, tanto no feito de ter que acompañarse dun terceiro nas xuntanzas, como no fracaso para lograr fondos municipais. Unha incapacidade que nós tememos que o levará a vender a cadeira de alcalde para poder lograr investimentos”.

   Pero despois hai un problema de xestión política que non se vai resolver vendendo a alcaldía. David Castro non entende o funcionamento da administración e da política. Non entende que non pode andar por aí en reunións para tratar temas municipais acompañándose de matóns ou técnicos anónimos. Non estamos nunha serie de Netflix. Nun concello as relacións  con terceiros teñen que estar perfectamente legais, claras e transparentes, e as persoas que van a falar en nome do Concello de Ribadumia deben estar legalmente capacitadas para facelo”.

Dende Somos Ribadumia, á vista dos feitos, preguntámonos: quen ten acceso aos datos municipais e a datos privados da nosa veciñanza?   Quen está falando en nome de Ribadumia nas xuntanzas, sexan públicas ou privadas? En mans de quen está o Concello de Ribadumia?

David Castro segue perdendo subvencións por incompetente. Desta volta, 26.000€ por non leer a letra pequena. Pero o peor é o resultado da actuación.

 

  • Perdeu a maior parte dunha axuda de vicepresidencia da Xunta por non encaixar correctamente o proxecto nas condicións da liña económica.
  • Un erro que obrigou a dotar fondos na última modificación de crédito.
  • A actuación nos parques infantís, inexistente, e deixando as reparacións necesarias sen realizar.
  • Visto o resultado, en que gastou David Castro os 50.000€ desta actuación??

      No último pleno, para tentar xustificar unha modificación de crédito de 207.000 €, a concelleira de contas, Pilar Martínez, declarou ata en tres ocasións que unha parte deses cartos había que dotalos por culpa da Xunta de Galicia, que había minorizado sen motivo unha subvención solicitada para unha actuación nos parques infantís do Concello. No mesmo pleno David Castro, sendo interpelado por esa subvención, desmentiu o dito pola concelleira e declarou que en realidade a minoración, que supuxo recibir 12.000 € no canto dos 38.000 € previstos,  sí tivo un motivo concreto, que foi non ter en conta no proxecto presentado o recollido nas bases da convocatoria, que especificaba que non se podían pedir axudas para parques que xa foran subvencionados en anos anteriores. En resumo, que o Concello perdeu unha boa parte desa axuda por non leer ou non facer caso da letra pequena da convocatoria, tendo que acudir despois ao colchón económico da nosa veciñanza para pagar a factura desa mala xestión.

O goberno de David Castro colocou o cartel da obra nunha valla podre e sen reparar. Exemplo de incompetencia máis claro imposible de lograr.
Bueno, igual si; volveron facer o mesmo en Barrantes, ao amarrar o cartel a unha valla podre ao caron dunha papeleira rota.

  Dende Somos Ribadumia podemos asumir que unha subvención se rexeite por cuestións normais, pero non porque David Castro ignore as condicións das convocatorias e pretenda recibir os cartos pola súa cara bonita. Esta mala maneira de actuar, propia doutros tempos e funcionamentos políticos pero pouco acaída hoxe en día, xa levou ao goberno a perder case medio millón de euros da Deputación o pasado ano, así como outras liñas de axudas, ata sumar en tres anos de lexislatura máis de 1 Millón de euros perdidos, unha cantidade moi importante para un concello como o noso.

E total que os parques infantís seguen en mal estado.

  Con todo, a axuda solicitada a Consellería de Infraestruturas, que en contra do que declarou Pilar Martinez, xa estaba recollida no orzamento xeral aprobado en marzo, contaba cun orzamento de 48.520 €, dos cales a Consellería  unicamente concedeu 12.000€, debido aos erros no proxecto presentado.

Os parques con sombra teñen o caucho cheo de verdín pola falta de mantemento, un perigo para os nenos.

   Pero dende Somos Ribadumia preguntámonos, unha vez máis, en que gasta David Castro os nosos cartos.  Esta  semana fixemos unha visita aos parques infantís de Ribadumia, e somos incapaces de entender en que fundeu o goberno eses 48.000€, dedicados supostamente nunha parte importante segundo se  dixo no pleno  a “posta a punto de TODOS os parques infantís”, pois os parques, xa non é que en xeral presenten a mesma imaxe de abandono dos últimos anos, senón que non hai ningunha mellora realizada.

As vallas dos parques, podridas e sen mantemento.

Tal como explica o noso voceiro. “Visitamos todos os parques e áreas infantís do Concello, e a única mostra dunha reparación que vimos foi a colocación dunha cadea nun columpio en Besomaño, o parque con menos uso do concello, e aínda teño dubidas de que sexa nova. Polo demais, nin se substituiron pezas rotas, nin se colocou nada novo”.

Chapuzas varias, como reparar cordas rotas con cinta americana.

  De feito, a imaxe dos parques infantís chegou a un punto moi dramático. En Sisán o caucho do chan estase esfarelando, no parque infantil de barrantes ten buracos importantes quedando o formigón de debaixo á vista, e en Leiro está cuberto dunha capa de verdín que o converte nunha perigosa pista de patinaxe; todas as redes das canchas están rotas; en Lois o brazo dun tobogán leva roto dende o verán do ano 2019, e non sabemos como foi posible, pero a madeira foi pintada sen que ninguén reparara a rotura, que está apañada polas mestras da aula infantil, para evitar feridas nas crianzas; en Barrantes, unha tea de araña de corda foi “apañada” con cinta americana, unha chapuza que agora loce toda desfeita, e unha tea similar en Ribadumia ten os arames á vista, sendo un perigo para a rapazada. E en xeral, a falta de limpeza e de coidados é moi evidente.

Tamén hai exemplos de actuacións complicadas. Por exemplo este brazo dunha rampa sita no parque infantíl de Lois leva dende o 2019 rota. Pois foi pintada, os tornillos cambiados, pero o brazo non se reparou.

  Dende Somos Ribadumia preguntámonos que actuacións amosou David Castro a Luís López e Natalia Prieto na súa visita o día 30 de agosto, se o parque no que se fixeron non ten ningunha peza nova, a area está invadida pola herba, e algún dos xogos que hai presenta un deterioro importante. De feito, ata  o cartel da actuación foi colocado nunha valla podre e rota.

O xoguete ao carón do cal David Castro, Mar Moimenta, Luís López e Natalia Prieto se fixeron unha bucólica foto rodeados de nenos, ten importantes deficiencias.

   En resumo, David Castro pide subvencións mal, e despois inviste os cartos peor.  Dende Somos Ribadumia non podemos compartir esta maneira de xestionar os fondos públicos, baseada en buscar titulares malgastando os cartos. E dende logo, no podemos admitir que os parques infantís estean nas condicións de abandono que están. Pero sobre todo, preguntámonos en que se están gastando os cartos da nosa veciñanza.

Nin sequera se repararon os elementos defectuosos.

David Castro funde 420.000€ dos aforros da veciñanza en menos de seis meses.

  • A mala previsión do goberno ao elaborar o orzamento obrigan agora ao goberno a meter a man no colchón de aforro, fundindo de golpe máis da metade deste.
  • Dúas modificacións de crédito  en menos de seis meses para facer fronte a cuestións correntes, exemplos da pésima capacidade de xestión do goberno.
  • Descontrol completo co gasto corrente, que xa se come a metade do orzamento anual sen que ninguén saiba explicar en que se van os cartos, e  mentres David Castro bloquea á oposición o acceso aos contratos menores e ao rexistro.

      No último pleno o goberno de David Castro aprobou en solitario a segunda modificación se crédito, por un valor de 207.000 €, que sumada aos 212.000€ da modificación de crédito de maio, supón modificar o orzamento inicial aprobado en marzo nun 10%, disparandoo 420.000 €, unha metedura de man no colchón da veciñanza froito dunha pésima previsión e peor xestión.

  Dende Somos Ribadumia a priori non temos nada en contra das modificacións de crédito, cando se realizan dende un uso racional dos fondos públicos e atenden a urxencias sobrevidas que non puideran preveerse no orzamento.  Non é o caso das dúas modificacións de crédito, a primeira sacada da chisteira por David Castro só dous meses despois de aprobar o orzamento, é esta segunda realizada en menos de seis meses. Tal como explicou o noso voceiro no debate plenario, “cando o goberno aprobou o orzamento en marzo deixou fóra cuestións importantes das que aínda que quixera facernos creer que non sabía nada, tiña perfecto coñecemento”.

Porque en Marzo o contrato e a prórroga do SAF xa estaban vencidas e a empresa estaba xa dentro dos seis meses de prórroga obrigatoria que establece o estado para que os concellos que non fan as cousas en tempo e forma, caso do de Ribadumia, poidan solventar sacando un novo concurso ou asumindo o servizo. Do mesmo xeito en marzo o goberno local xa sabía que a empresa adxudicataria da gardería renunciara a seguir xestionando a mesma logo de esgotar todas as prórroga e prazos, como tamén sabía que tiña que facer fronte ás aportacións ao GDR e a unha suba nos gastos mancomunados da auga. De feito, todos os gastos aos que agora hai que facer fronte mediante modificacións de crédito eran de coñecemento do alcalde en febreiro deste ano porque son cuestións de funcionamento básico”.

  Cando en marzo dende Somos Ribadumia nos opuxemos ao orzamento fixémolo entre outras cuestións porque non eran acordes á realidade de Ribadumia e condenaban ao concello a ter que acudir a modificacións de crédito posteriores, todo o cal queda agora demostrado, como queda demostrada a incapacidade de David Castro para xestión dos cartos que son de todos e todas as ribadumienses.

  Pero o problema non é só de falta de previsión. Dixemos no seu momento que o concello tiña descontrolado o gasto corrente, e os datos corroboran o que décimos de xeito máis que contundente. Se o goberno actual en tres anos aumentou a previsión o capítulo do gasto corrente en 173.000€ pasando dos 1.668.219 € (ano 2019)  a 1.841.439 € para este ano 2022, a realidade é que no ano 2019 o gasto corrente comeuse mais de 1.700.000 €  de todos os veciños e veciñas de Ribadumia, e neste 2022, a falta de catro meses para rematar o ano, xa leva mais de 1.900.000 €.

En tres anos o gasto corrente disparouse en máis de 200.000 €. E este ano levamos case 2.000.000 € e aínda estamos comezando setembro. David Castro leva toda a lexislatura sendo incapaz de gastar dentro do que el mesmo prevé nos orzamentos.

  “ E todo isto sen que ninguén poida ou queira explicar a onde van os cartos do gasto corrente. O concello nunca tanta mala imaxe tivo e o estado lamentable das instalacións e espazos públicos é algo indiscutible, por moito que o goberno intente negalo, nin por moito que agora David Castro se meta nunha voráxine de  parches e arranxos preelectorais. Así que, a onde van os cartos? Ninguén o sabe e o goberno non o explica, pero chama moito a atención o bloqueo feroz ao que David Castro somete á oposición, impedíndonos acceder aos contratos menores e ao rexistro. Un escurantismo que, sumado a unha situación de gasto descontrolado nun goberno que está paralizado, dan para pensar”.

En resumo, o orzamento é unha previsión, pero quen o elabora, neste caso o goberno de David  Castro, ten que saber en que pretende  gastar os cartos e atender nel ás obrigas que corresponden. Logo poden xurdir urxencias, pero resulta que aquí as urxencias veñen dadas pola falta de previsión de quen goberna, que deixou fóra dos orzamentos case medio millón de euros en gastos que eran seguros, unha maneira moi irresponsable de facer as cousas cuxa consecuencia é a de fundir agora a metade do remanente que había no 2020 , dedicando uns aforros que deberían ir a investimentos en beneficio da veciñanza a pagar as facturas da mala xestión de David Castro. E aínda quedan catro meses de ano por diante.

  E todo isto mentres David Castro volve retrasarse un ano máis na presentación do resultado contable do ano anterior, pasándose de novo a legalidade polos forros e volvendo por en perigo axudas económicas doutras administracións.

Demagoxia do goberno local levando a pleno mocións a favor do piragüismo mentres lle recorta fondos a O Muíño.

  • David Castro presenta unha moción para propoñer á Medalla de Galicia a Manuel Fontán e resto de padexeiros das últimas competicións sen coordinalo nin falalo coas partes afectadas, e descoñecendo a realidade dese deporte.
  • Tivo que ser Enrique Oubiña quen se puxera en contacto con O Muíño e co Presidente da Federación para explicar a moción e os obxectivos da mesma.
  • David Castro negouse a aceptar unha modificación do acordo proposta por Oubiña a instancias de Fredi bea, condenando así o acordo aprobado ao ostracismo, por non ser consecuente coa realidade do piragüismo galego.
  • O goberno local non concreta a partida para o Descenso do Umia, e recórtalle a axuda anual a O Muíño.

   Na presentación do Descenso do Umia, David Castro lanzouse á piscina sen flotador e sen saber nadar, anunciando que ia propor a Manuel Fontán para a Medalla Galicia. O resultado dese ataque  de electoralismo puro foi unha moción levada a pleno coa ansia de lograr un titular de prensa. 

   A moción – aprobada por unanimidade –  propoñía entre outras cuestións “propoñer a Manuel Fontán e demais integrantes da delegación galega de padexeiros e padexeiras que acadaron medallas nas diferentes competicións internacionais celebradas este ano para ser distinguidos coa Medalla de Galicia 2023 e deste xeito recoñecer o gran traballo que se ven realizando nesta modalidade deportiva por parte dos clubs galegos de piragüismo”. Tamén se propoñía trasladar este acordo á Federación para que se fixera eco desta iniciativa e a trasladara a clubs e Concellos no obxectivo de que se sumaran a ela.

  “O problema desta proposta é que de partida foi realizada dende a ignorancia de cal é a situación real do piragüismo galego, e sen comentar nin consultar nin ao padexeiro en cuestión, nin a O Muíño, nin tampouco á Federación, algo que non so sería o correcto, se non tamén o educado”.

  Tivo que ser Enrique Oubiña quen se puxera en contacto con O Muíño e o presidente  da Federación, Fredi Bea, para informar da proposta e pedirlle a súa opinión. O resultado desas consultas foi que dende Somos Ribadumia decidimos facernos eco do proposto por Fredi Bea, que é por de relevancia non so os resultados dos padexeiros galegos desta tempada, que por certo aínda non rematou, senón  de toda a historia da Federación, non en van o piragüismo galego leva cinco edicións dos Xogos Olímpicos logrando medallas e diplomas, acumulando xa 30 galardóns, sendo a disciplina deportiva con maiores logros do deporte galego, moi por enriba da segunda, a vela, con 9, aos que hai que sumar todos os logros nacionais e internacionais.

    A proposta de acordo que trasladou ao Pleno foi a de “Propoñer a Manuel Fóntán e  ao resto de integrantes da Federación Galega de Piragüismo dende a súa fundación, e en nome de todos eles, pasados e presentes, á Federación Galega de Piragüismo para ser distinguida coa medalla Galicia 2023, e deste xeito recoñecer o gran traballo que se ven realizando nesta modalidade deportiva por parte dos clubs galegos de piragüismo, e por suposto do club Ribadumiense O Muiño”. Esta proposta apenas modificaba o texto, pero permitíalle ter o contido necesario para que puidera ser asumida por todos os clubs de piragüismo de Galicia, e tamén polo Concellos, forzas políticas e outras entidades, e así poder darlle un pulo de cara a conseguir a mais que merecida a Medalla de Galicia, suposto obxectivo da moción, pero o goberno local desestimou a proposta porque polo visto Oubiña tiña que ter asumido o papel de goberno antes, comunicarse el coa Federación con máis tempo e pasarlle a proposta ao goberno dous ou tres días antes.

   “Escusas  de mal pagador. O que pasou foi que pillamos ao goberno nun renuncio ao presentar unha proposta que quixeron vender como importante sen tela traballado o mínimo, sen falar con quen correspondía, sen coñecer o mundo do piragüismo  e sen ter nin idea do que é a Medalla de Galicia, nin a quen se lle outorga, nin por cales méritos. Unha proposta condenada ao ostracismo”.

  Dende Somos Ribadumia ademais de lamentar a falta de visión do goberno local, e o seu afán electoralista, queremos ademais recordarlle a David Castro que o que  precisan o Náutico O Muíño  e Manuel Fontán non son mocións, son recursos e cartos. O goberno local leva anos negándose a ampliar as partidas das axudas anuais, co resultado de que co aumento de clubs deportivos este ano o piragüismo veu reducida a súa axuda en case un 30% con respecto ao ano anterior. Unha diferenza económica importante. Non so iso, o propio goberno local admitiu en pleno que a día de hoxe non está confirmada a cantidade coa que se vai axudar a pagar o Descenso do Umia, deixando ao club ao pairo e a proba do ano próximo sen garantías de poder realizarse.

Tamén convén recordar que dende o PSOE propúxose que a moción fora asumida pola Corporación ao completo como moción conxunta. PP e Somos Ribadumia sumámonos a esa proposta pero IR negouse con argumentos absurdos e infantís, porque o que querían era un titular.

Lograron o titular, pero perderon a oportunidade de demostrar que son un partido de goberno, capaz de deixar as súas terras políticas e persoais de lado cando se trata de asuntos como este, que van máis aló da política”.