David Castro admite publicamente que o PP comprou a alcaldía de Ribadumia.

- Nunha entrevista nunha canle de TV, David Castro dixo que o PP favorecería a Ribadumia a cambio do seu paso ao PP.
- Dirixímonos ao PP provincial e a Alfonso Rueda para que aclare se é certo que o goberno do PP favorece as súas alcaldías e se leva oito anos prexudicando a Ribadumia.
- David admitiu ser incapaz de xestionar correctamente os 5 millóns de euros que move cada ano e de cumprir os seus compromisos electorais, e admite que se vendeu polo asfaltado de catro pistas e por cinco saneamentos, que non sumarían nin 300.000€, cando ten máis de 1’5M € de remanente no banco.
- Por certo, a administración que máis fondos destina a Ribadumia cada ano, logo do goberno central, é a Deputación, que dota de maneira directa e sen pedirlle a alcaldía a ninguén, catro veces máis que a Xunta de Galicia.
- O que David Castro non dixo, foi o que se leva el persoalmente co seu paso ao PP.
De todas as escusas que David Castro podía poñer para xustificar a venda do seu partido e da alcaldía de Ribadumia ao PP, e logo todas as mentiras que leva dito, optou polo inaudito. Tal como explica o noso voceiro Enrique Oubiña, “nuha entrevista concedida a unha canle de TV comarcal, David Castro, que durante toda a entrevista refireuse a si mesmo en terceira persoa recordándonos a aquela Aida Nizar dos tempos máis duros da tele-lixo, declarou que os motivos polos cales se pasaron el e parte o seu equipo ao PP foron estritamente económicos”. En concreto dixo, e recalcou en varias ocasións que “ pasamos ao PP porque nos permite acceder a maior financiamento”.
Estas declaracións a nós deixáronnos moi preocupados. Xa sabiamos e xa denunciamos en varias ocasións que a Xunta de Galicia se esquecía de Ribadumia nos orzamentos de cada ano. Pero unha cousa é que o goberno da Xunta estableza prioridades en base a urxencias ou en base aos seus proxectos políticos, e outra moi distinta é que bloquee posibles investimentos e prexudique á veciñanza dun concello co obxectivo de exercer presión sobre un goberno local distinto do PP, ou que use os recursos económicos da Xunta para comprar alcaldías.
Pola nosa banda, imos dirixirnos ao Partido Popular Provincial e tamén ao señor Alfonso Rueda, para que aclaren por canto comprou o PP a alcaldía a David Castro , e se leva oito ano prexudicando a Ribadumia por non ser o goberno local do PP. Tamén pediremos que aclaren a cantos concellos máis está prexudicando e favorecendo en base as siglas que gobernan, pero de partida, queda patente, e David Castro así o confirma coas súas declaracións, que cando gobernos como Cambados, o Grove, a Illa ou Vilagarcía acusan á Xunta de abandono ou de prexuízo, detrás hai unha motivación política, e que o PP non ten problemas en prexudicar a veciñanza deses concellos incluídos os seus propios votantes, con tal de ir contra os gobernos “inimigos”.
A xestión de David Castro.
Por outra banda, estas declaracións de David Castro son algo contradictorias. Porque ao longo da entrevista dixo en varias ocasións que precisaba recursos económicos para poder atender a diversas “peticións veciñais, algunhas de fai sete anos” , en concreto referiuse a saneamentos e asfaltado de pistas, o único tema do David Castro sabe falar.
O que David Castro non dixo é que a Deputación é a administración, logo do goberno central, que máis fondos aporta a Ribadumia, catro veces máis que a Xunta. É iso sen contar os plans que David Castro perdeu. “Entón por que David, xa postos a venderse, é dado que polo visto non foi por causas ideolóxicas, non se pasou ao PSOE, que acaba de regalarlle 400.000€?? Que lle ofreceu o PP ? Que se vai levar el? “.
Estas declaracións, en todo caso “demostran a incapacidade para o goberno de David Castro, e a aínda maior incapacidade para a xestión económica. David Castro ten máis de 1’5 Millóns de euros no remanente, e manexa un orzamento anual que arranca nos 4’5 millóns e que por exemplo no 2022 vai rematar en case 6 Millóns. Como pode ser que con todos estes cartos para gastar David Castro non fora capaz de realizar media ducia de saneamentos e asfaltados, obras que non chegarán aos 300.000 € ?”
A resposta á pregunta, novamente é que David Castro minte. O que David Castro leva facendo nestes últimos catro anos foi priorizar os investimentos para beneficiar á súa xente e para captar votos. “Pero que ninguén se confunda, quen leve catro anos agardando por un saneamento ou polo asfaltado dunha pista levaos agardando porque para David non é unha prioridade, e porque intencionadamente agardou a este momento para agarrar os votos con promesas de futuro”. É falamos con coñecemento de causa, na lexislatura anterior Oubiña dedicou a maior parte do plan concellos a completar a rede de auga é saneamento, deixando xa preparadas no 2019 as obras que faltaban para que nesta lexislatura quedara todo completo. “E dende logo, ” coa Xunta no tempo que eu estiven e naquilo que eu participei, tivemos entendendo e logramos investimentos ou acordos como a cesión do centro de saúde ao Sergas, ou as liñas económicas para o polígono que superaron o millón de euros, e que só elas xa superaron a todo o logrado por David Castro do PP nestes catro anos, que foi cero”.
David Castro é un incapaz no político que tivo que vender a alcaldía por pura desesperación é por un interese meramente persoal, porque en catro anos non foi quen de xestionar correctamente os case 20 Millóns de euros dos que dispuxo. A súa xestión demóstrao, en vez de usar correctamente os cartos, preferiu dedicalos a mellorar os accesos a unha empresa amiga, e a favorecer a catro familias en concreto, tirando os cartos en peches de perpiaño e deixando os traballos importantes sen facer, e se quedaban dúbidas despexounas todas o mércores ao dicir que se vendía por uns asfaltados e uns saneamentos.