David Castro falsea os números para intentar vender como éxito o que é un sonoro fracaso de xestión.

- Un ano despois de perder dúas liñas económicas que supoñian un investimento total de 1.372.000 € ( Plan Ágora + Plan ReacPon) David Castro gábase de lograr un convenio por valor de 704.482,97 € .
- David Castro di que o concello so aporta 211.000 € pero aporta case 400.000€.
- Despois da chapuza de presentarse a dúas liñas de axuda para a mesma obra e perder as dúas, vende como logro unha obra que apenas vai solucionar nada, e logo de axeonllarse ante a Deputación.
- David Castro non quería aceptar a titularidade de 305 m na rúa Condesa, e rematou aceptando 980 metros en tres vías distintas do Concello.
- Sen novas do patio cuberto para o colexio, nin da nova cafetería para o Umia, nin da nova sede de protección civil. E o aparcadoiro actual do Umia en perigo.
Faltou Enrique Oubiña do último pleno por motivos laborais, e David Castro respirou tranquilo, tanto que dedicou boa parte do tempo para explicar o convenio asinado coa Deputación para unha obra de mellora da seguridade viaria nun tramo da rúa Condesa en Barrantes, a mentir con total descaro.
Dende Somos Ribadumia queremos deixar claro que non nos opoñemos a ningunha obra que vaia en mellora da seguridade da nosa veciñanza, pero debemos aclarar varias cuestións sobre as que David Castro faltou a verdade de maneira sonroxante.
En primeiro lugar o baile das cifras. David Castro, tal como explica o no noso voceiro Enrique Oubiña “minteu no pleno cando dixo que no seu momento perdeu 400.000 € do plan ReacPon. A realidade é que David Castro perdeu os 601.000€ do plan Ágora, e os 771.000 € do Plan ReacPon, pois estas son as cifras dos investimentos totais previstos neses dous plans, en base aos proxectos presentados polo goberno local. E perdeunos por dous motivos, o primeiro pretender xogar a picaresca presentando o mesmo proxecto a dúas liñas de axuda distintas, podendo presentar dous plans distintos e realizar desta maneira investimentos por valor 1.372.000 € no noso Concello. O segundo por non solicitar a titularidade do tramo de vía afectado, que era da Deputación”.
Por outra banda, David Castro asegurou que o Concello tiña que poñer menos cartos, comparando a parte que o Concello lle correspondería no caso de non perder o Plan ReacPon, 342.000 €, cos 221.000 € que debe poñer neste novo convenio. “O que David Castro esqueceu nomear é que para poder levar a cabo esta obra nova, primeiro tivo que facer fronte á compra dunha parcela de 1000 metros, por valor de 163.000€, co cal en realidade neste proxecto o Concello de Ribadumia está poñendo 384.000€. Polo tanto, David Castro vai investir neste proxecto 42.000€ máis dos que se investiría no plan ReacPo
Outro aspecto a resaltar é a diferenza das obras propostas. Mentres que no Plan ReacPon se propoñía unha serie de actuacións de mellora urbanística, incluíndo un patio cuberto para o Colexio, con este novo convenio, que en total vai custar case 870.000 €, “ao final todo se vai limitar a facer unhas beirarúas e un aparcadoiro para o colexio, sen dubida necesario, pero o resto de promesas de David Castro para a contorna e para o campo do Umia desaparecen do taboleiro, deixando ademais , case un 1M de euros despois a maior parte dos problemas sen resolver e coa dubida, que David Castro non aclarou, de se co novo aparcadoiro vai eliminar o aparcadoiro actual ao carón do campo de A Bouza, unha situación ante a cal o Umia C.F. amosase contrario”. E ademais, topámonos que foi preciso requirir da veciñanza cesións de terreos para poder facer as beirarúas e con que unha boa parte do custe da obra se vai ir nos peches novos que hai que facerlle a eses veciños. Todo isto demostra que David Castro é incapaz de pensar e proxectar unha obra que non consista en poñer tubos e farolas, asfaltar e facer muros de perpiaño.
Tampouco hai que deixar de lado as condicións postas pola Deputación e o cambio de actitude da David Castro, que pasou de ameazar co xulgado a aceptar o que lle puxeron diante cos ollos pechados. Como dixemos, as liñas dos plans Ágora e ReacPon perdéronse por non aceptar a titularidade dos 305 metros de vial afectado na rúa Condesa, un vial titularidade da Deputación. “Tanto eu mesmo como Pepe Lede do Psoe instamos a David Castro a aceptar a titularidade dese tramo de vía e non perder esas axudas tan importantes, pero David Castro insistiu con moita autosuficiencia en que el nunca aceptaría a titularidade dun tramo de vía que lle corresponde á Deputación, cousa que de partida é mentira pois xa aceptara no 2019 un tramo de máis de 400 metros na rúa A Torre. Un ano despois de amosarse tan firme nesta cuestión, David Castro non so aceptou a titularidade dese tramo de vía, senón que tragou a titularidade de dous tramos máis. Non quería asumir 305 metros, e acabou asumindo 980, mais do triple”.
En resumo, as ansias electoralistas de David Castro, que necesita anunciar algunha obra de importancia para tentar tapar os catro anos desidia municipal, levárono a aceptar unhas poucas farangullas e tragar da Deputación todo canto dixo que non ía tragar. Un fracaso a todos os niveis. Ademais a obra nin sequera se vai facer nesta lexislatura. “Repítese a situación dos anos 2014 e 2015, cando o PP renunciou a un proxecto de importancia en Barrantes logo de aprobalo no 2014, e a dous meses das eleccións apaareceu cun parche en forma de reforma do ximnasio. E como daquela o PP, David Castro, que acaba de recordar que é pepero de toda a vida, pretende comprar á veciñanza con caramelos en forma de cifras económicas anunciando obras no último minuto; pero se no 2015 a tomadura de pelo non colou con aquel PP todopoderoso, agora, cun PP comprado no bazar chino, menos”.
“E todo isto sen ter aprobado o orzamento, acudindo unha vez máis ao remantente de crédito, do cal en menos dun anos fundeu preto de 1 M€. A conclusión máis clara disto é que urxe poñer a David Castro lonxe dos cartos da veciñanza, porque non esta deixando nada, e aínda por enriba sen resultado visible nin mellora algunha para a vida da veciñanza”.