O plan municipal de apoio ás vítimas de violencia de xénero “Conta Conmigo” , exemplo a seguir noutros concellos.
- O pleno de Mugardos aprobou unha moción para dotar economicamente e poñer en marcha un plan similar nese concello.
- Outros concellos como As Pontes tamén levaron esta iniciativa a pleno, e outros como Ponteareas ou Salceda de Caselas mostraron interese neste plan.

Enrique Oubiña nunha charla con voluntarios/as e comerciantes partipantes no plan “Conta Conmigo Ribadumia”
O plan “Conta Comigo Ribadumia” foi posto en marcha pola concellería de servizos sociais, responsabilidade de Enrique Oubiña, no 2018, co obxectivo de crear unha rede cidadá de apoio as vítimas de violencia de xénero, a través de persoas voluntarias por unha banda e pola outra convertendo negocios locais en puntos seguros, e que tivo moi boa acollida, como demostran as mais de trinta pegatinas co logo da iniciativa que están presentes nos comercios do núcleo de Barrantes, e os 15 voluntarias e voluntarios que realizaron as horas de formación ofertadas dentro deste plan, e entraron a formar parte do voluntariado ribadumiense.
A iniciativa, que tivo unha importante repercusión a nivel autonómico, está no punto de mira de moitos gobernos e forzas políticas, que amosan o seu interese, chamando ó noso Concelleiro de Servizos Sociais ou visitando Ribadumia para informarse sobre o seu funcionamento, como foi o caso de Luis Villares, voceiro de En Marea, ou de Paula Vazquez Verao, deputada parlamentaria, que a finais do ano pasado visitaban o noso concello e coñecían de man dos comerciantes e de voluntarias a realidade deste plan.
Varios foron xa os gobernos ou concelleiros de forzas políticas que amosaron o seu interese neste proxecto, O Grove, Ponteareas, Salceda de Caselas… E algúns están dando pasos para avanzar no mesmo sentido. O Concello de As Pontes, levou en novembro por iniciativa de Xuntos por As Pontes a proposta de integrar este plan nas súas políticas de igualdade. Non saíu adiante anque o goberno local, socialista, aceptou por en marcha propostas similares.
Quen si aprobou por en marcha un plan das características do ribadumiense foi o goberno de Mugardos, que a finais do 2018 aprobaba, a instancias de Iniciativa Cidadá de Mugardos, dotar unha partida neste 2019 e poñer este plan en marcha.
Para Somos Ribadumia, como parte do goberno, é un orgullo ver como as iniciativas postas en marcha dende o departamento de servizos sociais son imitadas por outros concellos, pois iso demostra que estamos a realizar un traballo positivo, que vai facilitar dalgún xeito a vida das persoas, obxectivo co cal nacemos fai agora catro anos.