Category: Sen clasificar
Pedímoslle á Conselleira de Educación que faga unha aposta firme por reformar o colexio de Ribadumia.
- O anuncio logo das queixas de Somos Ribadumia é positivo, pero da a impresión de ser meramente electoralista.
- A Consellería non aclarta a que se refire cando anuncia obras no Colexio.
- Pedímoslle que se a intención é seria inclúa a correspondente partida no orzamento.
Ao día seguinte de que a prensa se fixera eco das nosas queixas por que o PP deixe fora do orzamento a reforma máis que necesaria do CPI Xulia Becerra Malvar, a Consellería de Educación ven de anunciar que con cargo a unha partida xenérica van facer algun tipo de obra nese colexio.
Debemos dicir en primeiro lugar que nos aledamos, e agradecemos este cambio de criterio e que a priori a Consellería se mostre consciente de que hai que actuar no Colexio de Barrantes, o cal que demostra que, mentres outros gardan silencio, o intenso traballo de Somos Ribadumia, xunto á nosa posición clara na defensa dos intereses da nosa veciñanza, ten eco e resposta alí onde corresponde.
Pero non podemos obviar que o anuncio da Consellería se fai usando de comodín unha partida xenérica para toda Galicia, onde tanto poden coller compromisos cun colexio, como con cincuenta, e que despois poden quedar en nada, ou en simple maquillaxe. Para Enrique Oubiña “o anuncio de onte cheira a campaña electoral máis que a unha intención sinceira de facer algo. Pero nos non precisamos anuncios electoralistas, nin nos nin as nais e os país que cada día mandan aos seus fillos e fillas a un colexio que está nun estado lamentable, cheo de humidade e con aulas saturadas. O que esas nais e país – e polo tanto nos – precisan é unha solución concreta, porque as súas crianzas teñen tanto dereito a recibir a súa educación nunhas condicións dignas como calquera neno de calquera concello”.
Dende Somos Ribadumia pedímoslle a Conselleira Carmen Pomar que, en primeiro lugar, especifique en que van a consistir esas actuacións, e que se a intención é certa, orzamente unha cantidade específica, como no caso dos outros 26 centros educativos que van recibir financiamento para actuacións de todo tipo.
En calquera caso, tal como explicaba Enrique Oubiña esta maña, “nos imos seguir o noso camiño na defensa dunha reforma integral do colexio. Esta semana está prevista unha xuntanza con Luis Villares, na cal lle trasladaremos esta problemática co obxectivo de que En Marea presente unha enmenda orzamentaria para incluír unha partida específica, que perfectamente se podería separar da partida xenérica á que fixo referencia a Conselleira de Educación.”
A inacción de David Castro e o abandono do PP volven deixar a Ribadumia fora dos orzamentos da Xunta.
- A proposta de orzamento autonómico volve a deixar a Ribadumia sen ningún investimento relevante.
- Grandes carencias, como o lamentable estado do CPI Julia Becerra Malvar, ou a creación dun Punto de Encontro Familiar non son prioritarios para o PP.
- David Castro garda silencio, aliñándose cun PP local carente de capacidade para xestionar actuacións para Ribadumia coas capas superiores do seu partido.

A proposta do orzamento da Xunta de Galicia, presentada a semana pasada, non trae ningún tipo de novidade para o noso concello. E non será porque Ribadumia non teña carencias.
A primeira delas, tamén con toda seguridade a máis importante, é o estado lamentable que dende fai anos ten o colexio de Barrantes. A pesar de todas as promesas que escoitamos ao PP no ano 2015, tanto en boca de Salomé Peña, voceira naquel momento do PP local, como de Román Rodríguez, que era o Conselleiro de Educación, e a pesar dunhas supostas negociacións do noso alcalde coa conselleira actual – que nos cheiran a conto – a realidade é que o goberno Popular na Xunta de Galicia dende aquel ano non moveu un euro, salvo para a renovación da calefacción. Unha inversión positiva, pero que resulta algo irrisoria se temos en conta que o obxectivo era lograr unha mellor eficiencia e aforro enerxético, algo difícil de lograr se como é o caso a calor escapa por todas as esquinas.
Dende Somos Ribadumia consideramos lamentable que o goberno do Partido Popular vaia no ano 2020 destinar fondos por un valor próximo aos 16 millóns de euros para realizar actuacións en 26 centros de ensino infantil, primario e secundario, e nin un solo euro ao colexio de Barrantes. Non dubidamos da necesidade deses investimentos, pero non podemos obviar que o CPI Julia Becerra Malvar é o colexio máis antigo do Salnés, que a día de hoxe a pesar de ampliacións feitas en distintos momentos, segue saturado de nenos, e que a estrutura principal e máis antiga, logo de máis de cincuenta anos aínda non percibiu ningunha reforma de calado importante, e as feitas, como o cambio de ventás, so serviron para aumentar a humidade e a condensación dentro do colexio, ou sexa aumentar a insalubridade do espazo.
Por outra banda, a proposta de orzamento do Partido Popular tampouco especifica como vai a Consellería de Infraestruturas facer fronte ao compromiso que supostamente adquiriu co alcalde David Castro para compensar á veciñanza de Ribadumia por ter pagado as obras de mellora de seguridade viaria no lugar de A Costa en Leiro. Unha obra que no seu conxunto chegou aos 100.000€, sen contar o custe da senda peonil, dos cales o goberno da Xunta ía facer fronte a unha parte aproximada do 60%, pero que ao final, gracias a pésima xestión de David Castro – que primeiro tragou co 40% da obra, para ao final asumir o 100% – acabamos pagando na súa totalidade a cambio da promesa dun investimento do que seguimos sen saber nada.
Nin rastro do tan necesario Punto de Encontro familiar (PEF).
Nun aspecto máis amplo tamén debemos lamentar o nulo interese do Partido Popular por dotar á comarca do Salnés dun Punto de Encontro familiar. Neste caso o desinterese é compartido por PSOE e BNG, que están máis interesadas en facer campaña política que en solicitar do goberno popular investimentos necesarios para as persoas que viven na nosa comarca, así como por IR, que trata o tema da loita contra a violencia de xénero de perfil, tal como estamos comprobando co paso das semanas. Hai que recordarlles a todas esas forzas que na comarca púxose o ano pasado en marcha unha campaña impulsada por ESMAR, que é unha entidade de apoio as vítimas de violencia de xénero por certo con base en Ribadumia, que foi apoiada por unanimidade en todos os plenos municipais da comarca, polo que non é de recibo que agora todas as forzas políticas o esquezan, nin que o PP comarcal non loite nin sequera por traer a nosa comarca cuestións que aprobou nos concellos, e que son moi necesarias.
O silencio cómplice de David Castro.
A realidade é que un ano máis Ribadumia non existe para o goberno autonómico do Partido Popular. O que non se entende é que unha semana despois de terse publicado o documento coa proposta orzamentaria, o partido que goberna Ribadumia garde silencio absoluto. Un silencio que non por habitual ten xustificación, salvo que David Castro teña outros intereses dentro do Partido Popular, algo cada día máis evidente se atendemos as compañías das que se rodea o noso alcalde. En calquera caso, constátase unha vez máis, como aconteceu cos problemas mantidos coa atención primaria, que a postura morna e mansa que o actual alcalde mantén cara o goberno do Partido Popular, está supoñendo graves prexuízos para a xente que vive no noso concello. Gracias a ese trato “amable”, as veciñas e veciños non solo teñen que mandar os seus fillos ás peores instalacións educativas de toda a comarca, se non que ademais deben facer fronte con fondos municipais aos favores que David Castro lle fai ao PP, perdendo importantes partidas económicas que poderían dedicarse a outro tipo de cuestións, moito máis necesarias ou, no seu caso, atender ás competencias municipais.
Dende Somos Ribadumia temos claro que non estamos na política para asentar unha carreira dentro dun gran partido, e que os nosos obxectivos son lograr melloras na vida do conxunto da cidadanía que vive no noso concello. Por ese motivo imos por en marcha unha serie de iniciativas para tentar que o Partido Popular rectifique as súas previsións e inclúa partidas para elaborar un proxecto de reforma do colexio, ou como mínimo para facer fronte as cuestións máis urxentes, así como para dotar á comarca do Salnés dun PEF.
Denunciamos cortes constantes no subministro eléctrico en Ribadumia.
- Nas últimas semanas son habituais os cortes eléctricos en todo o concello
- Na parroquia de Lois na pasada fin de semana rexistráronse varios cortes de longa duración.
- Naturgy non aporta ningunha explicación aos cortes habituais de luz, polo que pedimos a actuación do goberno local.
Nas últimas semanas a veciñanza de Ribadumia vimos sufrindo continuos cortes no subministro eléctrico, que nalgúns casos se prolongan varias horas, como aconteceu este fin de semana na parroquia de Lois. Estes cortes supoñen unha molestia, pero tamén un problema que pode ter consecuencias como avarías nos electrodomésticos ou nas calefaccións eléctricas, así como nos negocios locais que ven moi afectada a súa actividade con estes cortes.
Dende Somos Ribadumia entendemos que poida haber problemas puntuais, ou que para resolvelos sexa necesario cortar o subministro eléctrico para resolvérense, pero non é aceptable que haxa cortes continuos de luz, e moito menos que os cortes provocados pola reparación e mantemento das liñas, se realicen sen comunicarllo previamente aos usuarios.
Pedímoslle ao goberno local que tome cartas no asunto, como lle corresponde, e esixa a Naturgy as explicacións que aclaren os motivos polos cales estamos padecendo estes continuos cortes de luz, e que normalice o servizo de subministro eléctrico á maior brevidade posible, así como que asuma as súas responsabilidades nos casos onde os cortes e reenganches -que a miúdo veñen acompañados de sobretensións – provoquen o queimado de electrodomésticos ou de maquinaria.
Somos Ribadumia e En Marea preocupados pola negativa do PP a eliminar de xeito definitivo o atranco en Cabanelas.
- Logo de haber aprobado en marzo do 2016 unha moción para dar unha solución distinta ao abastecemento de auga para A Toxa, o PP negouse está semana a cumprir dito acordo.
- Dende Somos Ribadumia temos a sospeita de que o PP vai autorizar o proxecto do atranco permanente en Cabanelas en calquera momento.
- En Marea critica que o PP vaia en contra dos acordos aprobados e se negue a buscar formulas para dotar a illa de A Toxa dun abastecemento de auga público.

Luis Villares e Enrique Oubiña nunha visita do lider de En Marea a Ribadumia.
A principios de 2016 o equipo de goberno de Ribadumia, do que formaba parte Somos Ribadumia e onde Enrique Oubiña era tenente de alcalde e concelleiro de urbanismo, tivo constancia da intención da concesionaria Gestora Inmobiliaria la Toja SA de levar a cabo un proxecto, naquel momento en estudio por parte da Xunta de Galicia, para crear unha represa permanente a altura do punto coñecido como “o atranco”, en Cabanelas. Nese momento a mobilización da concellería de urbanismo dirixida por Oubiña, dos partidos que formaban o equipo de goberno local diversos colectivos conseguiron frear o proxecto, e en marzo dese ano o parlamento autonómico aprobaba un acordo polo cal se acordaba, citamos literalmente: o Parlamento de Galiza insta ao Goberno galego a que busque outras alternativas para o subministro de auga á illa da Toxa, si non é suficiente o subministro que chega ao concello de O grobe a traveso do subministro público. Este acordo na practica supoñía a eliminación do bombeo de Cabanelas, e do atranco que cada ano se levanta para, según a version oficial, evitar a entrada e auga salgada no bombeo, sito metros máis arriba.

Cada verán, a represa bloquea o paso de peixes e o correcto trasncorrer do río. Ao fondo a praia artificial que se realiza nunha propiedade privada á vez que se construe o atranco.
Tres anos despois dese acordo, o atranco segue a levantarse cada verán, case sempre sen pedir autorizacións municipais. Esta semana, a instancias dunha proposta non de lei que se debateu na mesa 2ª do Parlamento que propoñía o cumprimento dese acordo e a eliminación permanente do atranco de Cabanelas, o PP demostrou, tal como declarou Luis Villares “a nula preocupación polo medio ambiente e nula preocupación pola poboación de O Grobe. O voceiro de En marea expresou na mesa do parlamento cando se debateu a cuestión que “ O Partido Popular desdícese do aprobado no Parlamento e ademais négase a negociar co concello para encontrar unha solución para o suministro de auga á poboación grovense”.
Para Enrique Oubiña toda esta situación “cheira a chamusco, e por varios motivos. O primeiro a inoperancia do PP, que ignora os acordos parlamentares a posta, e iso non se fai sen motivo. Por outra banda, obviando o anacronismo, pero tamén o abuso clasista, de que a illa de A Toxa se abasteza de xeito privado usando un recurso, a auga do Umia, que para o resto da cidadanía esta vedado, se o problema era a entrada de auga salgada no bombeo, chegaba con levar a captación río arriba, unha solución moito máis barata, menos invasiva e menos problemática; sen embargo hai unha curiosa insistencia, xa non en facer unha represa que é un atentado medioambiental, se non en facelo nese lugar concreto, que é evidente que non é o máis adecuado.
“O atranco”, lugar importante.
As persoas que vivimos en Ribadumia sabemos perfectamente que a antiga fabrica e areeira propiedade da familia de Rafael Louzán, coñecida como “O atranco”, nome que ven precisamente da represa que dende fai medio século se levanta cada verán nese punto, era e segue a ser un lugar cun importante simbolismo para o PP. Nel celebra dende fai anos comidas o Partido Popular, nalgunhas das cales teñen participado Rajoy e Feijoo, e ata non fai moito era habitual que os coches de propaganda usados en campaña electoral pernoctaran alí, así como diversa maquinaria da Deputación.
Como tampouco é raro que cada ano, cando se reconstrue o atranco no verán, caian por casualidade uns camións de fina area do lado da vella fabrica, creando unha pequena praia fluvial que fai moito xogo co pantalán e co tobogán, como calquera que pasee por ali pode ver. Por iso que para Enrique Oubiña “se xa no seu día houbo que desviar a senda fluvial pola outra beira do río para non molestar á propiedade, que non nos estrañe que máis que un problema de auga salgada, o que haxa é a intención do PP de concederlle un capricho, en forma de praia e remanso, a un vello aliado”.
Pero mentres, o río que da nome ao noso concello, segue abandoado polo PP, que prometera o ouro e o mouro cando aconteceu a desgracia de Brenntagh, con aquel famoso “Plan Umia” presentado en 2011 -que quedou en nada- , pero que agora non quere nin siquera cumplir un acordo que os seus deputados votaron no parlamento, agardando seguramente o momento de levar a cabo outro ataque, atroz e innecesario, a un río que xa pouco máis pode aguantar.
Dende Somos Ribadumia estaremos atentos a todo o que poida acontecer, tanto a nivel municipal como parlamentar, onde Luís Villares comprometeu o seguimento desta cuestión por parte de En Marea .
Por último, agardamos que o noso actual alcalde non teña a man branda e a permisividade que habitualmente mostra co PP, e se opoña de xeito frontal a realización dun proxecto que nos tememos que non foi tirado ao lixo se non que esta gardado á espera do momento propicio.
