Enrique Oubiña: “política barata é aproveitar calquera situación para castigar a certos traballadores ”.
- Dende o primeiro momento amosamos o noso apoio ao goberno nestes momentos difíciles, pero tamén pedimos que as actuacións do goberno foran, ademais de legais, exemplares.
- É totalmente inadmisible que se teña proposto coller estes días como vacacións, como tamén que haxa persoas na casa que descoñezan se van poder gozar das súas vacacións no seu momento ou as están perdendo.
- Pedimos medidas locais de apoio aos autónomos e pequenas empresas.

O pasado mercores o Diario de Arousa recollía a confirmación de que hai varios traballadores do Concello de “vacacións”, ao mesmo tempo que o alcalde tira de legalidade e escúdase na súa habitual ausencia de responsabilidade, sen perder a oportunidade de desprezar o traballo de Somos Ribadumia, para xustificar que se lle recorten dereitos a certos traballadores.
Dende que a mediados da semana pasada a crise do corona virus provocou o inicio da paralización do país, dende Somos Ribadumia estivemos atentos a que decisións se tomaban dende os ámbitos políticos, amosando publicamente e en privado todo o noso apoio neste aspecto ao goberno municipal e tamén aos traballadores e traballadoras do concello, que son as pezas fundamentais para o funcionamento do concello calquera día do ano, pero moito máis nestas circunstancias.
Amosamos o noso apoio, pero como explicaba esta maña Enrique Oubiña, “ tamén expresamos que nestes momentos de moita incerteza, o goberno local debía ser modelo de exemplo a seguir en todos os aspectos, dende a prevención aos mecanismos laborais que garantan que ningún traballador pague as consecuencias dunha situación sobrevida”.
E todo isto expresámolo a semana pasada, indo por diante do goberno local que como ven sendo habitual dende que non nos teñen con eles carece de calquera iniciativa propia, algo que tamén tivemos que denunciar cando vimos que todos os concellos levaban días informando a cidadanía en duro contraste co goberno silencioso de David Castro. E mentres nos dicíamos que había que ser exemplares e , naquel momento onde inda non se decretara o estado de crise, pediamos ao concello que facilítase a conciliación familiar dos traballadores, tal como explica Oubiña “ o goberno local dedicábase , digamos, augurar a algunhas persoas a formalización dun ERTE se non collían vacacións. Co resultado de que varias persoas solicitaron vacacións forzosas o pasado venres.”
O pasado luns presentamos un escrito por rexistro – que ata hoxe non habíamos feito público pois esperabamos que o goberno collera o recado e non fixera falta dicir máis – pedindo xa de xeito formal responsabilidade e exemplaridade, que se informará correctamente a cidadanía, que se fóra moi coidadoso coa xestión laboral desta crise, e se nos trasladara en que situación quedaban os traballadores do concello, algo polo que seguimos agardando. Enrique Oubiña “xa tiña coñecemento de que había persoas na casa de vacacións, así como da xuntanza do goberno do domingo á tarde para analizar a cuestión e da xuntanza mantida cos traballadores do concello a media mañá do luns. Pero debo dicir que para min foi unha sorpresa de que non se rectificara a situación das persoas que están de vacacións forzosas”.
A diferencia deste goberno co anterior, é que no anterior Somos Ribadumia exercía de palanca e evitaba certos desmáns, como cando Oubiña bloqueou as intencións de IR de aprobar en pleno unha RPT sen consensuar con ninguén , que ademais era pouco menos que escravista. Agora hai unha maioría absoluta dun partido moi amigo de usar as ameazas veladas – ou non – como ferramenta para atar en curto aos traballadores, e así se está vendo o que se está vendo, algo que nos preocupa especialmente.
Ademais, o goberno utiliza como argumentos para xustificar a súa actuación, primeiro a descalificación cara a nosa formación, e logo afirma que está agardando que estancias superiores decreten cómo actuar, cando iso significa precisamente confirmar a situación que nega, e actuar cunha total falta de conciencia social, nun momento onde moita xente se enfronta a unha situación laboral complexa e cando o goberno local debería ser un referente neste aspecto.
Para Oubiña “é totalmente inadmisible que os traballadores e traballadoras deste país paguen as consecuencias dunha crise que nos chegou forzosamente, e que o noso goberno local actúe deste xeito, non ten xustificación ningunha. Un concello non é unha empresa que da noite para a maña se quede sen carga de traballo e ingresos económicos, e se actúa como tal, é a mala fe e con clara intencionalidade. E que logo saian as ventás a aplaudir non é un eximente”.
Dende Somos Ribadumia lamentamos que o noso goberno se comporte como á peor das empresas. Imos analizar moi detidamente todo o que acontece no concello, e tamén as accións políticas, e chegado o caso legais, que se poidan derivar de determinadas actuacións. Tamén temos a confianza de que, logo do balbordo creado, o goberno local rectifique a situación das persoas que traballan no concello, e garanta que ninguén se vaia ver prexudicado por esta situación, que non sabemos canto vai durar.
Mentres tanto, insistimos en pedir á veciñanza calma e paciencia. Non saír da casa se non é imprescindible, para entre todas e todos controlar e limitar a propagación do coronavirus, e poder recuperar a normalidade canto antes.
Pola nosa banda, máis alá do exposto, solicitamos ao goberno local que tome medidas de reforzo das políticas sociais, sobre todo se a situación de prolonga , e tamén de carácter económico para apoiar as empresas, especialmente aos pequenos autónomos, como a bonificación completa dos tributos locais neste ano e posteriormente medidas de reforzo. Nós, estamos coas persoas, agora máis que nunca.