Category: Sen clasificar
Presentamos unha batería de medidas co obxectivo de mellorar a calidade de vida no concello.
- Non temos constancia de que o goberno estea traballando no orzamento do 2020, pero enprevisión de que así sexa achegamos unha batería de 27 propostas orzamentarias.
- O obxectivo é establecer unhas pautas de actuación que redunden na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza en cuestións como a conciliación familiar ou o acceso a servizos básicos, ou a creación de emprego.
• Mellores servizos, e cunha política de taxas mellor á dos concellos limítrofes, pode axudar a fixar poboación, e manternos por enriba dos 5.000 habitantes.
“O goberno local encabezado por David Castro non nos informou de que se estivera traballando no orzamento do ano próximo, nin moito menos nos deu opción a facer achegas – explicaba Oubiña a saída do Concello onte – algo difícil de entender nun goberno que pretende presumir de dialogante. “
A pesares disto, dende Somos Ribadumia defendemos sempre que hai que predicar co exemplo, e non imos caer na práctica habitual noutros partidos que cando están no goberno pídenlles a oposición propostas e cando están na oposición non propoñen nada. Por ese motivo na maña deste luns presentamos no rexistro municipal un documento que recolle unha batería de 27 medidas orzamentarias que consideramos que deberían incluírse no próximo orzamento. Case a metade desas partidas propostas xa existen, como no caso do convenio coa escola de música ou as axudas a entidades municipais, ou as destinadas a conciliación familiar, e solo pedimos mellorías. O resto, son novas partidas.
O obxectivo é a mellora da calidade de vida da xente que vive no noso concello e o reforzo do apoio aos colectivos municipais e nos servizos turísticos. Cumprindo este obxectivo, temos o convencemento de que o concello establecería unha boa base para que vivir en Ribadumia resultara atractivo en comparación con concellos veciños. E isto é dunha importancia capital, pois tendo en conta a evolución da natalidade no noso concello, necesitamos con urxencia que veña xente a vivir para o noso concello, ou pronto caeremos por debaixo dos 5.000 habitantes, cos prexuicios que iso traería.
As medidas propostas centranse en catro áreas:
• conciliación familiar e política social: centradas na mellora dos servizos de conciliación familiar e de todas as actividades en prol da igualdade e a loita contra a violencia de xénero que Enrique Oubiña deixou funcionando na lexislatura anterior.
• colectivos do municipio, a cultura e o deporte: centradas en mellorar o nivel de axudas as entidades e clubs e o convenio coa escola de música, así como aos eventos deportivos e ao aumento da oferta cultural
• promoción económica, emprego e turismo: centradas na mellora dos servizos turísticos, no apoio ao comercio e na creación de emprego
• urbanismo, servizos e medioambiente: centradas no remate das conexións aos servizos públicos básicos e na xestión do RSU, e na mellora da seguridade viaria no concello, e máis en particular no centro de Barrantes, así como a dotación de equipamentos para uso da xuventude, e tamén afrontar a necesaria ampliación da edificabilidade no centro de Barrantes.
Dende Somos Ribadumia sabemos que en conxunto é unha proposta ambiciosa, pero a realidade é que incluír estas medidas non suporían modificar máis de 200.000€ con respecto a orzamentos anteriores, e polo tanto consideramos que son propostas totalmente asumibles.
Con todo, a proposta non é pechada, e quedamos a enteira disposición do actual equipo de goberno, pois consideramos que é posible, se hai vontade de dialogo, chegar a acordos que permitan aprobar o orzamento de xeito unánime, algo desexable.

O texto da proposta é o seguinte:
PROPOSTAS ORZAMENTARIAS DE SOMOS RIBADUMIA PARA O ANO 2020.
Dende Somos Ribadumia asumimos a necesidade, que debería ser común ao actual equipo de goberno, de traballar para, sen deixar de lado as necesidades en cuestións de política social ou mantemento de servizos básicos, plantexar liñas de acción que axuden a manter a poboación por enriba dos 5.000 habitantes, rectificando a liña descendente dos últimos anos, e traballando para o asentamento dun nivel de poboación que permita manter a calidade nos servizos públicos, así como correcto mantemento de todas as instalacións municipais, presentes e futuras. Uns obxectivos que significan realizar unha forte aposta polas medidas que melloren a calidade de vida da nosa veciñanza, de apoio ao diversos colectivos que compoñen o dia a dia do noso concello, clubs deportivos, entidades culturais e sociais, así como ao comercio e tecido empresarial, sen esquecer o turismo.
Con esta idea central como guía, plantexamos as seguintes medidas orzamentarias:
- No correspondente a conciliación familiar e política social:
- Aumento das partidas da escola de verán, para a súa ampliación a horario de tarde, e aos períodos non lectivos.
- Partida para a dotación do plan madruga, comedor escolar e escola de ocio nos centros dos CRAs.
- Partida para a Remunicipalización da gardaría municipal.
- Aumento da partida para a ampliación dos horarios e calendario da piscina municipal.
- Mantemento e mellora das partidas destinada ao Mes da Diversidade e aos plans de loita contra a violencia de xénero (Plan Conta Comigo Ribadumia, punto morado)
- Partidas destinadas a afianzar os plans de colaboración co colexio na loita contra o bullying, ou formación en valores positivos.
- No correspondente aos colectivos do municipio, asi como a cultura e deporte:
- Aumento das partidas para xudas as entidades deportivas, culturais e sociais.
- Mellora da partida para o convenio coa escola de música.
- Partida específica para eventos deportivos.
- Partida para o establecemento dunha axenda cultural das parroquias.
- No correspondente a promoción económica, emprego e turismo:
- Partida para xestionar a apertura dunha oficina municipal de información ao consumidor (OMIC).
- Partida para un plan de incentivos do consumo no comercio local.
- Partida para a creación dun viveiro de empresas.
- Partida para a creación dunha caixa de financiamento local.
- Aumento da partida destinada alumeado e campañas de nadal e entroido.
- Partida para a creación dunha área de autocaravanas.
- Aumentar as partidas destinadas a oficina de turismo para mantela aberta todo o ano.
- Partidas para a renovación e dotación de paneis informativos nas sendas fluviais do Concello, así como nos puntos de interese turístico.
- No correspondente a urbanismo , servizos e medioambiente:
- Partidas para a dotación de auga en Lois, nas zonas pendentes, así como para a resolucións das conexións de saneamento pendentes pola súa dificultade técnica.
- Partida para a análise completa da rede de saneamento e pluviais, e resolución dos problemas de conexión, filtracións, etc.
- Partida para levar a cabo a eliminación de semáforos no centro de Barrantes e a dotación doutras medidas de calmado de trafico e outras melloras na seguridade viaria.
- Partidas para habilitar zonas de “skate” e deportes urbanos en Barrantes.
- Partida para a apertura da rúa Ramón Cabanillas.
- Partida para o estudio de modificación do PXOM, para aumentar o numero de polígonos edificables en Barrantes.
- Aumentar as partidas destinadas ao punto limpo para poder aumentar o horario de atención ao público.
- Partida para a elaboración dun plan especifico para o tratamento dos RSU do centro de Barrantes, e da compostaxe no rural.
- Partida para a instalación de sinaléctica informativa nas fontes públicas.
Dende Somos Ribadumia, como sempre apostamos polo diálogo e por superar as diferencias de carácter político en favor do ben común, polo que estamos en total disposición de sentarnos a falar sobre estas medidas ou outras que o equipo de goberno considere co obxectivo de elaborar un documento orzamentario que signifique mellorar a calidade de vida das persoas que viven no noso concello, e avanzar nos obxectivos arriba ditos.
Comisión Executiva de Somos Ribadumia.
9/12/2019
Pedimos medidas urxentes para loitar contra o descenso de poboación.
- A situación de Ribadumia, con 52 habitantes por enriba dos 5.000, é un problema que debería ter a máxima prioridade.
- Na etapa de goberno anterior Somos Ribadumia fixo unha serie de propostas que foron rexeitadas por IR, e agora pagamos as consecuencias.
- Pedimos valentía e audacia, e poñer en marcha medidas que dean a volta a esta situación.

Dende que alcalnzamos o pico de habitantes no 2013, co fin do ciclo da construcción, cada ano perdemos poboación. Unha situación cuxo cambio que require medidas de calado.
Rematando o ano, os datos de poboación devolven a Ribadumia a unha realidade preocupante: a perda paulatina de poboación. Unha situación que ven de moi atrás, pois o saldo vexetativo do noso concello – relación entre nacementos e defuncións- e negativo dende o ano 1992, a pesares do crecemento poboacional que lle deu a Ribadumia un empurre envelenado pola mala xestión e as políticas da dereita , que fixeron que a nivel de infraestruturas o concello medrara dun xeito moi superior ao crecemento poboacional. Para Enrique Oubiña “ levamos anos dicindo que a situación é delicada, pero os gobernos do PP non se preocuparon e nos no anterior goberno demos algún paso, pero topámonos coa parede bloqueadora de IR, que consideraba que a situación non se podía reverter dende o concello”.

En Ribadumia levan morrendo máis persoas das que nacen dende o 1993. O crecemento poboacional non conseguiu reverter esa situación, e agora que o bum da construcción parou, vense as consecuencias.
Así pois, a día de hoxe, o colchón que nos alonxaba da barreira dos 5.000 habitantes, e polo tanto dunha redución importante da participación dos fondos públicos, encolleu ata quedar nun escaso medio cento de persoas. Por ese motivo, pedimos ao equipo de goberno que deixe de mirar a cidadanía como bolsas de votos, e se poña mans á obra no traballo de reverter esta situación, por que de non facerse algo urxentemente, en moi poucos anos o concello pode ter que facer fronte a uns custes de mantemento moi difíciles de manter co nivel de taxas actual, e será a veciñanza a que acabe pagando a situación a través de importantes subas de impostos.
Cuestións como a degradación de servizos básicos como a atención primaria no centro de saúde, ou un colexio que se cae a pedazos, non axudan neste aspecto. E a escusa de “non temos competencias” que o alcalde David Castro pon para xustificar a súa inacción tampouco aportan máis que a evidenciada súa incapacidade para gobernar se non ten ao seu lado a xente competente que faga o traballo por el.
Cambiar o modelo de concello.
En Somos Ribadumia temos todo isto moi claro, por iso na pasada campaña electoral, baseándonos na nosa experiencia de goberno e nos datos reais, presentamos un proxecto integral, que propoñía medidas de calado para poder favorecer que as persoas que buscaran un lugar onde asentarse na nosa comarca, tiveran en Ribadumia unha alternativa apetecible. Como explicaba no seu momento Enrique Oubiña, “para conseguir isto non solo hai que poñer farolas e torneos de fútbol, as obsesións do noso alcalde, tamén hai que facer investimentos de calado. Medidas como mellorar os servizos nos CRAs, que van ser os primeiros que caian, ampliando a eles os plans madruga, as escolas de ocio e os comedores, son un bo exemplo, que hoxe serían unha realidade Somos Ribadumia estivera no goberno”.

Vai ser co noso programa electoral como referencia, que inclúe medidas de mellora urbanísticas, para que o noso concello sexa un lugar onde dea gusto vivir no día a día, e non solo o concello dormitorio e pouco molesto que o goberno de IR desexa – igual que antes o PP -, pero tamén medidas de carácter social, de axuda “real” á creación de emprego , de melloras nos servizos públicos, etc, que nesta lexislatura faremos todo canto estea na nosa man por conseguir que o goberno tome a iniciativa e poña en marcha unhas medidas que son necesarias, non por que o digamos nos, se non porque as consecuencias de mirar para outro lado as van a pagar todos os veciños e veciñas.
A incorporación da nova facultativa no centro de saúde de Ribadumia será efectiva nos próximos días.
- Coa incorporación á súa praza da facultativa, o centro de saúde de Ribadumia recupera parcialmente a normalidade.
- As xestións de Enrique Oubiña e Somos Ribadumia ante a xerencia do EOXI, permitiron que nestas últimas semanas non tiveramos complicacións.
- Non nos conformamos, seguiremos traballando para recuperar a normalidade no servizo de pediatría, imprescindible no noso concello, e a ampliación do servizo de medicina familiar ao terceiro facultativo.

Enrique Oubiña, Ricardo Fontán e Lorena Rodriguez xunto á doutora Margarita Vidal e varias veciñas e veciños durante unha das concentracións realizadas en fronte ao centro de saúde.
Nos próximos días, está previsto que unha nova facultativa, María Teresa García, asuma a praza que quedou vacante logo da xubilación dunha das dúas médicas que desenvolvían o seu traballo no centro e saúde de Ribadumia. Con esta incorporación ponse fin a unha situación de inestabilidade que viñamos arrastrando dende o verán, e que supuxo deixar durante varias semanas o centro de saúde cunha única medica atendendo, a saturación do centro e unha merma importante na calidade da atención sanitaria aos nosos veciños e veciñas.
Dende Somos Ribadumia consideramos que é positivo que se poña fin a esta mala situación que estabamos vivindo, que se viu mitigada logo da xuntanza mantida entre Enrique Oubiña e o xerente do EOXI, Jose Ramón Lopez , a principios de outubro e que rematou co compromiso do xerente de manter o centro de saúde con dous médicos ata que a praza quedase cuberta.
Con todo, inda que celebramos este regreso parcial a normalidade, non podemos estar satisfeitos pois seguimos tendo outros problemas. O primeiro é a cuestión do pediatra. Dende Somos Ribadumia non imos aceptar que, como acontece con concellos próximos ao noso, o servizo se traslade a outro entro asistencial. Consideramos que as nosas veciñas e veciños teñen dereito a que se lles atenda no centro de saúde de Ribadumia, e non ter que trasladarse nin a Cambados nin a ningún outro lugar.
Para nos unha cuestión primordial para que un concello poida medrar, e a prestación de servizos. Calquera persoas que estea buscando asentarse e formar unha familia hoxe en día valora moito a calidade e proximidade dos servizos públicos, e dende logo ter preto a un medico e un pediatra, ou un bo colexio, non é cuestión menor a hora de decidirse por un concello ou outro. No seu día a saturación do centro de saúde de Ribadumia xunto a que o centro de Cambados ofrecía asistencia de tarde, provocou que moitas veciñas e veciños pediran asistencia no concello veciño. Esta situación queda moi en entretido co recorte de servizos acometido no centro de saúde de Cambados- ao que nos opuxemos apoiando aos compañeiros de Somos Cambados nas súas reclamacións – e volven facer necesario que en Ribadumia se amplíe o servizo cun terceiro facultativo. Esta ampliación necesaria tamén eliminaría problemas dos últimos veráns, cando a falta de facultativos, auspiciada pola mala xestión do SERGAS e pola degradación do sistema público de sanidade ao que nos está sometendo o PP, provocou o colapso do centro de saúde.
Sen novas da recollida de sinaturas promovida por David Castro.
Con todo, non esquecemos que no concello quen ten a máxima responsabilidade de dar a cara pola veciñanza é o alcalde de turno. De David Castro dende o pasado verán solo sabemos que auspiciou unha recollida de sinaturas que non entregou en ningún lado, e que segundo el foi a reunirse coa xerencia do EOXI e conseguiu un número de teléfono. Oubiña recórdalle a David Castro que “un é alcalde para algo máis que entregar trofeos e ir a xantares, e o feito de non ter competencias non exime da responsabilidade de velar polos intereses da veciñanza de Ribadumia e dar a cara pola nosa xente cando sexa preciso, con independencia de quen sexa o partido que estea na administración correspondente”.
Dende Somos Ribadumia seguiremos traballando para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza en todos os aspectos, con todas as ferramentas políticas das que dispoñamos.
Dende Somos Ribadumia con respecto aos supostos investimentos no colexio insistimos: concreción e compromisos reais.
- O anuncio de case un millón de euros feito polo alcalde, non foi confirmado a día de hoxe polo Partido Popular.
• Pedimos concreción e compromiso: partidas específicas recollidas no orzamento do 2020.
En Ribadumia pasamos de non ter ningún investimento previsto para o 2020, a que o alcalde – non o Partido Popular – falen de investir preto de 1M de euros. E todo en menos de unha semana.
Vaia por diante que calquera investimento que mellore a lamentable situación do noso colexio será pola nosa parte benvido.
Pero algo chirria en todo isto. Unha cantidade tan grande, de terse previsto, aparecería na proposta de orzamento do PP para o 2020. Sen embargo, repasando os feitos topámonos con que o Colexio de Ribadumia non apareceu por ningún lado con respecto aos orzamentos da Xunta ata que dende Somos Ribadumia sacamos a cuestión fai oito días, logo de agardar pacientemente unha semana a que David Castro dera a cara e defendera as necesidades do concello, cousa que non aconteceu, e segue sen acontecer. E foi a partir dese punto cando a Conselleira Carmen Pomar anunciou que con cargo a unha partida xenérica de oito millóns se ían facer algún investimento no concello, sen concretar nin que investimento nin que cantidade de cartos. Isto foi algo que dende Somos Ribadumia agradecemos, do mesmo xeito que pedimos que se concretara que se ía facer no colexio e que cantidade se ía investir.
Dous días despois disto último topámonos con que o noso alcalde anuncia unha cantidade importante, 974.527€, divididos en tres partidas que sen embargo non aparecen de momento recollidas en ningún sitio. Que o PP anuncie importantes investimentos para o colexio non é novidade, xa aconteceu no 2015, tamén en período electoral, anque o Conselleiro daquel momento foi máis cauto nas cantidades, e solo anunciou 400.000€, dos que despois lamentablemente non chegou ao colexio nin un solo euro. Por ese motivo non podemos amosar de momento moita confianza en que o anuncio sexa algo máis que un titular.
Por outra banda está a realidade do funcionamento burocrático. Un investimento deste calado non se realiza de un día para o outro. Primeiro hai que definir a actuación, o que se quere facer. Logo hai que limitar a elaboración dun proxecto, proceso que por si mesmo levará meses, logo elaborar o proxecto e despois licitar a obra, e finalmente levala á cabo. Estamos falando dun proceso que pode durar anos. Por ese motivo é tan importante que o orzamento recolla a partida dun xeito específico, e evitar que outras urxencias se coman o orzamento para o colexio, que é o que pode pasar se se pretende acometer a reforma do colexio de Ribadumia a partir dunha partida xenérica que despois se pode destinar a aquilo no que o PP teña interese..
A sospeitosa complicidade de David Castro co Partido Popular.
Outra cuestión que chama a atención é que quen fixo o anuncio deste importante investimento non foi nin a Conselleira, nin o Partido Popular, nin sequera o voceiro local do mesmo, se non o alcalde David Castro. Esta circunstancia non é normal dentro da lóxica política, onde o partido que fai o investimento, especialmente investimentos deste tamaño, fai o anuncio – e levase o mérito – .
Nos temos moitas dúbidas ao respecto deste anuncio, que non é oficial, pois solo contamos coa palabra dun alcalde que primeiro dixo que a Conselleira non o quería recibir, logo cando chegaron ás eleccións dixo que si se reunira pero para falar do proxecto do alcalde para o campo de fútbol, non dos problemas do colexio, e anunciando un suposto beneplácito, e disque unha cantidade indefinida de euros, da Consellería, para agora a golpe de fin de semana anunciar un investimento importante no colexio, que non é o que el pedira, e do que solo el ten constancia, pois polo visto foille comunicado “por teléfono”.
Para Enrique Oubiña “ moi chapuceiro me parece a min iso de que o PP lle anuncie por teléfono ao alcalde un investimento deste calibre. Non falamos de asfaltar unha pista no medio do monte, precisamente. Pero máis chapuceiro me parece por parte do alcalde mandarlle tal anuncio á prensa sen velo posto en ningún lado de xeito oficial“ . Para Enrique Oubiña “a habitual cautela do alcalde veuse eclipsada pola rabia de ver que de dende Somos Ribadumia facemos o traballo que debería facer o goberno, e facémolo ben, e lanzouse a comunicar algo que máis parece unha promesa de sábado noite que outra cousa, solo para poder aparecer nun titular de prensa e aparentar que fixo algo cando non fixo nada.”
Tampouco podemos obviar o feito de que o PP nesta situación deixe facer, o cal nos leva a pensar se atendemos aos últimos movementos políticos, e a cuestións como a situación da Mancomunidade, que entre PP e IR hai algo máis que simple formalidade política. Para Oubiña “IR ten un problema, por que ese andar a facerlle as beiras ao PP impídelle ao noso alcalde manter unha posición clara de defensa das cuestións que afectan á veciñanza de Ribadumia. “
Dende Somos Ribadumia pedimos seriedade. Anuncios pode facelos calquera, pero estamos falando dun colexio nun estado lamentable, que fai anos que precisa investimentos de calado. Agardamos responsabilidade por parte do Partido Popular con esta cuestión, e que non sexa un mero movemento electoralista.

En calquera caso nos seguimos coa nosa folla de ruta. Agardaremos a ver como se concreta todo este tema de cara ao documento final dos orzamentos. Pero entre tanto non estaremos parados. Ademais de lograr o apoio de En Marea nesta cuestión que nos garantiza que dun xeito ou outro vaise falar do colexio de Ribadumia no debate orzamentario, temos solicitada unha xuntanza coa Conselleira de Educación na que agardamos que se nos aclare un pouco máis toda esta cuestión e poder confirmar o compromiso do goberno da Xunta con Ribadumia.
