Levamos a pleno unha moción na defensa dunha atención adecuada ás persoas maiores e a consumidores vulnerables nas oficinas bancarias.


Propoñemos instar aos bancos con oficina en Ribadumia a dar servizos de calidade, especialmente ás persoas maiores.
• Queremos que se atenda á veciñanza durante todo o horario de oficina, e que se retiren as comisións, como mínimo para as persoas pensionistas ou en situación vulnerable.

As entidades bancarias están a impoñer unha forma de xestión dixital que está a derivar no que algúns organismos xa denominan “exclusión financeira”, unha exclusión que a nosa veciñanza, especialmente á de maior idade, está padecendo, ao igual que no resto do país. Péchanse oficinas, deixando a boa parte da cidadanía sen servizo bancario e obrigando a desprazarse as persoas usuarias a oficinas máis distantes, as cales vense así saturadas e, ademais, en moitas entidades néganse a permitir as xestións presenciais, ou limitan os horarios de atención ao público e para realizar moitas das xestións como o pago de recibía ou mesmo a retirada de cartos, obrigando a acudir ao caixeiro automático ou a internet. E eliminando ou reducindo drasticamente a atención presencial, provocando que unha grande parte do colectivo de persoas maiores deixen de recibir a mínima atención esixible e pasan a ser tratadas como clientes de segunda categoría. Pois, hai que ter en conta que moitas destas persoas non manexan estas novas tecnoloxías; de feito, segundo numerosos estudos, dous de cada tres maiores de 65 anos apenas poden manexar internet.
O concello de Ribadumia no ano 2021 contaba con 1.023 persoas con 65 anos ou mais, o 20% da nosa veciñanza, polo tanto, somos un concello moi afectado por toda esta situación. Ademais, o peche de oficinas no noso concello e outras en zonas limítrofes aumentou o número de usuarios que acoden as dúas únicas oficinas bancarias que temos en Ribadumia, provocando en determinados días do mes colas no exterior das mesmas, formadas maiormente por persoas de idade avanzada.
O pasado 19 de xaneiro de 2021 foi aprobado polo Consello de Ministros un Decreto Lei polo que se modifica a Lei Xeral de Dereitos dos Consumidores e Usuarios, no cal se incorporou a figura da persoa consumidora vulnerable, engadíndose á normativa estatal unha referencia expresa a estas persoas ou colectivos naqueles aspectos relativos ás relacións de consumo onde os seus dereitos requiran dunha protección reforzada. Unha norma que impón obrigas a entidades bancarias e da ferramentas ás administracións para desenvolver políticas de apoio ás persoas afectadas.
Dende Somos Ribadumia decidimos dar un paso á fronte na defensa da nosa veciñanza, e presentamos unha moción que se debatira este xoves co seguinte acordo:

  1. Instar ao conxunto das entidades bancarias que operan no Concello de Ribadumia a reforzar os recursos para ofrecer un servizo adecuado, durante todo o horario de oficina, para cubrir as necesidades dos seus usuarios e usuarias, en especial das persoas maiores que non poden acceder ás xestións en liña e vense abocadas a padecer situacións penosas á hora de acceder ás oficinas bancarias.
  2. Instar ao conxunto das entidades bancarias que operan no Concello de Ribadumia a prestar unha atención prioritaria ás persoas consumidoras vulnerables.
  3. Instar ao Banco de España, organismo regulador competente do sistema financeiro, a vixiar que os produtos financeiros das entidades bancarias non conteñan publicidade que poida resultar enganosa para as persoas consumidoras vulnerables.
  4. Instar ás entidades bancarias a non cobrar comisións aos pensionistas e a darlles información adecuada sobre os seus servizos e produtos.
  5. Instar á Xunta de Galicia a desenvolver as súas competencias exclusivas en materia de consumo, impulsando, ao abeiro do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, campañas colectivas de reclamacións bancarias, información ás persoas consumidoras e estudos propios sobre a vulneración dos seus dereitos.
  6. Trasladar o presente Acordo ao Banco de España, á Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia e ao conxunto das entidades bancarias que operan no Concello de Ribadumia.

Dende a nosa formación temos confianza en que o resto de forzas políticas representadas no pleno apoien a nosa proposta que vai en beneficio de toda a veciñanza de Ribadumia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s