David Castro cede ante a oposición e da explicacións parciais e confusas nun pleno alongado intencionadamente.

  • David Castro admite que lle oculta e bloquea o acceso á información á oposición de maneira intencionada.
  • Recoñeceu que se negou a aceptar a cesión de 250 m de vía, perdendo así 529.000 €.
  • David Castro négase a cumprir o seu compromiso co Umia e seguirá adiante co proxecto, aínda que non aclarou cando se licitará nin como se vai pagar.
  • Documentos sen asinar, compras que nunca existiron, proxectos con datos falseados, e outras incoherencias no relato de David Castro, que alongou o pleno intencionadamente co obxectivo de crear confusión.

  No pleno celebrado este venres, Enrique Oubiña logrou, logo de medio cento de preguntas, que David Castro aclarara en certa medida que había pasado co suposto proxecto da contorna do CPI, e tamén que se confirmara que 529.000 € perdéronse polo capricho do alcalde, que se nega a aceptar a cesión de 250 m de vía en pleno centro urbano de Barrantes.

   De inicio, tal e como dende Somos Ribadumia tiñamos previsto e o noso propio voceiro augurara en redes dous días antes, David Castro, que se viu forzado a estar presente pola presión pública, escudouse detrás dos técnicos para evitar render contas nos dous primeiros puntos da orde do día, onde se lle solicitaba que aclarara cal é o proxecto e o que se pretende realizar nesa zona de Barrantes, e aclarara todo o proceso que levou á perda de subvencións. “So nos quedou claro que David Castro entende que sobre as vías da Deputación ten dereito de uso naqueles casos que el considere, e que no resto non, e que no canto de resolver o problema de cesión de 250 metros de vía que bloquearon o acceso as axudas, vai gastar os cartos da nosa veciñanza en avogados e tribunais”.

  David Castro confirmou, e reafirmouse nelo, que lle oculta información e bloquea o aceso á documentación de maneira intencionada á oposición , segundo el porque Enrique Oubiña a é capaz de bloquear a concesión de subvencións presentadas na Deputación ou noutra administración, dando a entender que o noso voceiro ten máis capacidade de conseguir cousas noutras administracións que o propio alcalde. “A David Castro, que rematou por corrixir a absurda acusación de que eu poida evitar a concesión de nada,  o que lle preocupa e que se fagan públicas as súas malas xestións, pero iso non o vai conseguir ocultando a información, como demostran  este pleno e todo o vivido con este asunto dende o verán pasado”.

   David Castro confirmou que as axudas perdéronse por non ter a titularidade da vía, co argumento dun suposto dereito de uso, co cal pretende ir ao xulgado. Tanto Oubiña como o socialista Pepe Lede instaron, sen éxito, a David Castro a que tal como a propia Deputación lle propuxo  “aceptara a cesión dese tramo de vía, de so 250 m de longo, como se teñen aceptado outros moitos, recentemente na rúa A Torre de Barrantes, onde o Concello  asumiu un tramo do dobre dese tamaño, cuestión que foi preciso recordarlle tanto a David Castro como á Concelleira de Urbanismo, que nin sequera sabe que vías son municipais e cales non”. En resumo, 529.000 € perdidos polo capricho dun alcalde, que agora engordará a conta de custes en avogados nunha cifra que nin el foi quen de precisar, aínda que  como pagamos os veciños e veciñas e non el do seu peto, si deixou claro que vai gastar “o que faga falta”. O que si se demostrou foi que finalmente o Concello respostou aos requirimentos da Deputación dentro dos prazos establecidos, algo que inicialmente o propio Oubiña, e así o recoñeceu, interpretara, vendo a documentación parcial que inicialmente se dispuxo, que non fora así,  como tamén se demostrou que esa presentación tivo lugar logo de que dende a oposición se fixera público que David Castro non estaba facendo nada por salvar estas axudas económicas.

   David Castro tamén confirmou que os seus compromisos non valen nada. Anteriormente asumiu o compromiso con Umia e ANPA, e tamén en pleno o 1 de xullo de 2021,  de que se un colectivo se amosaba contrario a esa obra, non se realizaría. Pois ben, onte Oubiña expuxo no pleno un acordo asembleario do UMIA C.F. onde se acordou opoñerse a ese proxecto, polos prexuízos que tería para esa entidade. Preguntado directamente se cumpriría o seu compromiso, David Castro deixou claro que non, e que estaba disposto a desenvolver ese proxecto sen ter en conta a ese colectivo, porque “eu non estiven nesa asemblea” e dando a entender que o acordo tomado polos socios desa entidade para el non vale nada.

   O que non quedou claro e cal vai a ser o proxecto que se realice. Porque o que se presentou ao plan Ágora non é o mesmo, confirmado polo propio alcalde, que o ReacPon, aínda que ante a evidencia das incongruencias no relato e nos feitos admitiuse que eran proxectos complementarios. E ningún dos dous proxectos presetnados ante a Deputación teñen nada que ver co proxecto que o goberno comprometeu e que segue disposto a desenvolver segundo se declarou no pleno. Tampouco quedou claro de onde vai saír o financiamento para a execución do proxecto, que no mellor dos casos andará preto do millón de euros, e que o Concello, que é incapaz de facer fronte ao mantemento dos parques do Concello sen epdir axudas a outras administracións, pretendía afrontar con 250.000 €, ao que habería que sumar  a compra dunha propiedade privada e a súa urbanización.

  Houbo mais incongruencias, e Enrique Oubiña sacou á luz documentos moi graves, que comentaremos dun xeito específico nos próximos días. Pero para rematar queremos amosar o noso pesar polas formas, unha vez máis do goberno. A Concelleira de obras, a pesar de que se lle pediu dende a oposición, negouse a facer declaracións e escapou de calquera responsabilidade, ademais de demostrar nas ocasións que dixo algo, oculta  detrás das cámaras e fora de micrófono para que non quedara constancia,   que non ten o máis mínimo coñecemento nin dos procesos que se estiveron debatendo, nin en xeral da situación do Concello no que concirne ao urbanismo, unha das áreas polas que cobra unha liberación. E máis aló disto, hai que lamentar os intentos de David Castro  por crear confusión e buscar que os medios de prensa presentes marcharan, alongando o inicio do pleno primeiro e logo todo o transcurso do  mesmo, que estirou cos seus discursos e mitins de campaña preeelectoral, ata as cinco horas e media.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s