Category: Sen clasificar
David Castro deixa fora do xurado da Festa do Deporte a dous partidos políticos, enganando aos clubs deportivos, entre outros desprezos.
- Por fin David Castro atendeu as demandas de Somos Ribadumia e dos clubs e corrixiu as bases do elección dos premiados ao mérito deportivo.
- Para a súa elaboración David Castro deixou fora intencionadamente a varias entidades deportivas locais, e ocultoulle ao resto o documento final ata estar aprobado.
- O cambio nas bases do concurso de méritos non incluíu a solicitude dos clubs de que no proceso de elección de premiados os representantes da veciñanza estiveran todos presentes.
- David Castro fai desprezos a Sergio Soutelo e pretende crear disputas entre os partidos da oposición, pero con nós que non conte. Renunciamos a participar do proceso da Festa do Deporte
No pasado pleno o goberno de David Castro levou a pleno unha modificación nas bases de elección dos premios ao mérito deportivo que se entregarán na Festa do Deporte, un evento posto en marcha no 2016, unha proposta de varias entidades deportivas que foi posible gracias a intervención do que naquel momento era tenente de alcalde, Enrique Oubiña.
A proposta de modificación aprobada, tal como expuxo o noso concelleiro Sergio Soutelo, “foi positiva pois nos xa levamos anos dicindo que as bases aprobadas inicialmente eran francamente mellorables, e polo tanto esta modificación, en termos xerais é unha mellora que valoramos positivamente”.
Con todo, dende a nosa formación, topamos algúnha cuestión que debemos reseñar.
A primeira delas que para a modificación destas bases David Castro tivo moito coidado de escoller a que entidades deportivas facía participes do proceso, deixanod algunha das entidades locais fora. A escusa posta foi que algunha entidade non quixo participar na xuntanza que se fixo para tratar esta cuestión. De feito as verbas concretas de David Castro, tal como as recolle a grabación do pleno, foron “nós convidamos a todos os clubs e o que non veu foi porque non quixo”, o cal de partida é falso pois hai entidades que coas que non se falou. Pola nosa banda consideramos que un proceso de modificación dunhas bases que afectan a un determinado colectivo, neste caso o deportivo, non poden solventarse cunha xuntanza para escoitar o que se propón, debe traballarse en varias reunións con todos os colectivos, que deben ter coñecemento do documento final antes de levalo a pleno, e todo iso non aconteceu. David Castro deixou fora do proceso a varias entidades locais relacionadas co deporte, e a única concesión que lles fixo ao resto foi unha única xuntanza para recoller as propostas. Neste aspecto, dende a nosa formación non podemos compartir esta maneira de facer as cousas, con desprezos a entidades e tratos de favor a outras.
Por outra banda, unha das propostas, ademais unha proposta que tiña a unanimidade dos clubs deportivos presentes na única xuntanza realizada, era a de que as forzas políticas con representación no Concello de Ribadumia, e que son a representación da veciñanza no seu conxunto e nas súas distintas visións, deberían poder participar no proceso. David Castro aceptou a proposta e comprometeu a que así sería, pero unha vez máis enganou ás entidades deportivas. As bases que se levaron a pleno incluían que os “grupos” políticos con representación no pleno formaran parte da mesa do xurado. Pero resulta que “grupos políticos” non é o mesmo que “formacións políticas”. En Ribadumia cinco partidos obtiveron representación política nas pasadas elección de maio, pero obrigados pola lexislación vixente, que esixe un mínimo de dous concelleiros para establecer grupo, Xuntos Ribadumia, Somos Ribadumia e BNG vímonos obrigados a conformar o denominado “grupo mixto”, unha norma que supón unha merma nos funcionamentos democráticos que levamos anos denunciando. En base a isto en Ribadumia neste mandato hai tres grupos políticos, PP, Psoe e grupo mixto, pero esa conformación unicamente afecta a conformación das Comisións Informativas e da mesa do pleno – coa excepción das intervencións e voto no mesmo dos concelleiros e concelleiras – e ás asignacións económicas. David Castro xogou con está cuestión, enganando ás entidades deportivas dicíndolles que incluía a todos os grupos políticos, sen explicar as diferenzas.
O resultado disto, é que na mesa do xurado, polo que corresponde á parte política, estarán representados un membro do PP, un membro do PSOE, e un membro do grupo mixto, obrigando a Xuntos, Somos Ribadumia e BNG a decidir quen participa e deixando fora por imposición a dúas destas tres formacións políticas, a pesar de ser representantes da veciñanza como o son o resto de forzas. Obviamente nós iso non o podiamos aceptar e así o expuxemos no pleno.
No pleno Sergio Soutelo propuxo “que se modificara ese punto e se inclúan tal e como piden os clubs deportivos, a todas as formacións políticas no proceso de elección de recoñementos ao mérito deportivo” . David Castro, á vista dunha proposta que o pillaba de cheo na súa propia trampa, realizou un exercicio de despotismo, desprezo e moita incapacidade para expor algo distinto aos argumentos que lle preparan antes dos plenos, e optou por ignorar a proposta de Sergio Soutelo, que á vista das actitudes e dos feitos, optou pola abstención no voto por considerar que David Castro con estas xogadas estábase rindo das entidades deportivas e por considerar que un alcalde ten que ser exemplo de respecto, cara esas entidades e cara os concelleiros e concelleiras da oposición.
Dende Somos Ribadumia lamentamos as formas de David Castro, e lamentamos que intente usar ata a cousa mais absurda para atacar á nosa formación e fabricar divisións e conflitos onde non os hai. Nós, como xa dixemos, non imos entrar neses xogos. Neste caso concreto que nos ocupa, xa comunicamos a Xuntos e ao BNG que renunciamos a participar nesa mesa e nese proceso, un xesto que entendemos acorde á nosa posición, e facémolo a pesares de que as tres forzas temos claro que podiamos sen problemas chegar a acordo na cuestión, pero queremos mandar unha mensaxe moi clara a quen pretende xogar “ás batallitas”, que é que temos moi claro o noso sitio e o sitio que ocupan os demais.
Advertimos a David Castro que o respecto institucional debe primar por enriba dos caprichos persoais, porque detrás dos partidos está a veciñanza que os vota. Queira el ou non o queira, gústelle ou non lle guste, a veciñanza dou representación a cinco partidos, e a el restoulle boa parte da súa representación e so se salvou gracias ao voto ao partido, igual debería coller o recado que os seus veciños e veciñas lle transmitiron.
David Castro culpa á veciñanza e aos concellos de Meis e Cambados das fugas de auga pública na rede de distribución.
- A auditoría da rede de distribución de auga pública, obrigatoria por lei, sen facer, dous anos despois de vencer o prazo legal.
- David Castro admite que descoñece canta auga se está perdendo por fugas na rede e canto nos custan anualmente esas fugas.
- A culpa é da veciñanza, por ter os contadores obsoletos, e dos Concellos de Meis e Cambados, aos que acusa de ser responsables de boa parte das perdas de auga.
No pasado pleno o noso concelleiro Sergio Soutelo realizou varias preguntas referentes ao nivel de perdas de auga por fugas na rede de distribución, unhas perdas de auga que se pagan con fondos públicos.
Tal como explica o noso concelleiro, “ Dáse a circunstancia de que a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario, na súa Disposición Adicional Segunda, ordena o seguinte:
- No prazo máximo de dous anos, contado desde a entrada en vigor desta lei, todas as administracións públicas responsables dos sistemas de abastecemento á poboación deberán levar a cabo unha auditoría co obxecto de cuantificaren as perdas de auga nas súas instalacións de abastecemento en alta e de subministración en baixa.
A mesma norma obriga a facer públicos os datos da auditoría e en concreto a porcentaxe de perda de auga por fugas, e a expola na sede electrónica municipal. Pois ben, o prazo para levar a cabo esta auditoría e poñela a disposición da cidadanía rematou en decembro do 2021. Estamos en setembro de 2023, case dous anos despois de vencido o prazo, e David Castro admitiu no Pleno Municipal que esa auditoría está sen realizar.
David Castro tamén admitiu descoñecer cal é a porcentaxe de perda de auga a través de fugas na rede, e dende logo non fixo público ningún dato porque non o ten. “Tamén descoñece o señor Castro canto lle custa anualmente á veciñanza de Ribadumia, en euros, este destrago de auga, un destrago que afecta á rede de subministro, pode conlevar perdas de presión e outros inconvintes, e supón unha merma da capacidade dos depósitos e da propia depuradora de Treviscoso, algo que coa situación actual e coas previsións de seca e de consumo para os próximos anos pode supor un problema importante”.
Pero a David Castro todo isto dálle igual. Mentres a maioría de Concellos da comarca xa teñen feitas as súas auditorías, detectado o nivel de fuga de auga e xa nalgún caso se puxeron en marcha plans para corrixir as fugas existentes, en Ribadumia David Castro nin sequera toma medidas de aforro nos meses do verán, e estraga auga sen miramentos. Hai que remarcar que o nivel de desidia con esta cuestión é de tal calado, que tendo a opción de acollerse como fixeron concellos veciños a unha liñá de axudas disposta pola Deputación para levar a cabo esa auditoría que obriga a lei e que ademais sería de moita utilidade para a xestión dunha situación que non sabemos o alcance que ten, o señor Castro preferiu non facer nada”.
A culpa é da veciñanza e dos Concello de Meis e de Cambados.
Se en algo destaca David Castro e na súa capacidade para practicar o escapismo. Preguntado pola porcentaxe de fugas de auga na rede, David Castro non puido responder porque como el mesmo admitiu ten a rede sen auditar, pero o que si soubo facer sen que ninguén lle preguntara foi nomear responsables.
Os primeiros, os veciños e veciñas de Ribadumia, por ter os contadores anticuados, chegando a dicir que “pode haber moitas desviacións” nos contadores domésticos, dando a entender que os veciños estarían consumindo máis auga da que os contadores marcan. Estas declaracións son absurdas, pois tal como explica Enrique Oubiña, concelleiro de Urbanismo no período 2015/2019, “desviacións dese tipo notaríanse na facturación, tanto en forma de variacións anuais inxustificadas nos contadores de maneira individual como na comparativa de consumos medios. Nada diso pasou, en Ribadumia a veciñanza ten un consumo de auga acorde ao recollido polos estudos de consumo de Augas de Galicia. Hai un dito “pensa o ladrón que todos son da súa condición”, e igual David Castro ten algo que ocultar no seu consumo de auga, pero que faga o favor de non meter a toda a veciñanza no mesmo saco”.
Non contento con culpar á veciñanza, David Castro aínda se compraceu en acusar publicamente ao Concello de Meis, e un pouco ao de Cambados, de ser os responsables das perdas de auga. Como di o noso concelleiro “non ten nin cuantificadas nin identificadas as perdas, pero sabe que a tubería que leva auga a Meis, e que por certo da servizo tamén a zonas de Leiro e de Lois, é a que ten a maior parte de fugas por danos nas tuberías, e o resto está nas tuberías que dan servizo ao Concello de Cambados. Parece ser que o único que non é responsable de nada do que pasa en Ribadumia é o señor Castro”. E non so culpou aos concellos veciños, con máis insistencia a Meis, senón que chegou a dicir que Meis deberá responsabilizarse desas perdas de auga e que haberá que ver quen se fai cargo dunhas fugas que están hoxe por hoxe sen cuantificar e, sobre todo, sen localizar.
O que David Castro non explicou foi porque levamos dende xuño cunha media de unha rotura por semana e con cortes continuados na rede de subministro de auga, nin as causas desas roturas continuas, ou o custe que están tendo esas roturas nas arcas municipais. Tampouco anunciou ningún tipo de compensación á veciñanza por ter que soportar estes continuados cortes de auga.
Dende Somos Ribadumia queremos pedirlle a David Castro, en primeiro lugar algo máis de prudencia e seriedade nas declaracións, en segundo lugar un comportamento adulto e acorde ao cargo que ten, porque cando fai o ridículo con declaracións como as feitas no pasado pleno, tamén deixa en ridículo á veciñanza de Ribadumia. En terceiro lugar, pedímoslle a David Castro que evite crear polémicas innecesarias e artificiais cos Concellos veciños e que asuma as súas responsabilidades como alcalde. É o alcalde de Ribadumia o responsable de cumprir a lei no noso concello, e é David Castro o responsable de elaborar unha auditoría na rede de distribución de auga pública que da servizo á veciñanza de Ribadumia, e de resolver os problemas que afectan a esa rede.
A carballeira de Ribadumia está morrendo, e David Castro non fai nada.
- Os carballos estanse vendo atacados por algún tipo de insecto, que os vai secando un a un.
- David Castro negou que houbese algún problema, e asegurou que unicamente hai un carballo morto na carballeira.
- Nos contamos sete, entre mortos e enfermos, e iso a simple vista, non sabemos cantos carballos están afectados a día de hoxe.
- A solución de David Castro ante a praga que está matando a carballeira: negalo todo, non facer nada e pedir informes.
Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados pola situación da Carballeira de Ribadumia, un lugar emblemático entre a nosa veciñanza, e un espazo público utilizado para diversas actividades ao longo do ano, entre as que se encontra a Festa do Pan, e que se está vendo atacada por algún tipo de insecto que mata as arbores.
O noso concelleiro, Sergio Soutelo preguntou pola situación da Carballeira de Ribadumia e polas actuacións que o Concello está realizando para frear a praga que a está atacando , e cal foi a sorpresa del e de todo o mundo cando David Castro declarou que el non tiña constancia de ningunha praga, que a Carballeira estaba en perfectas condicións e que na mesma “so hai un único carballo morto, e leva así xa tempo”.
Tal como explica Soutelo, “nin amosándolle unha serie de fotos realizadas onde se comproba que hai máis de media ducia de arbores en diversas fases da enfermidade ou mortas, quixo aceptar que na Carballeira hai un problema. E incrible como un alcalde pode mirar para outro lado desta maneira” .
Informe de Areeiro.
Ao final David Castro saíu do paso do asunto dicindo que vai pedir un informe a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, unha maneira de dar largas sen mover un dedo por resolver un problema que se pode observar a simple vista e que para a próxima primaveira podería deixar á carballeira sen media ducia mais de carballos.
Ademais, o noso voceiro Enrique Oubiña quere recordar que “o Concello xa ten un informe do Areeiro realizado no 2016. Pouca novidade pode aportar un novo informe, pero ao mellor para cando chegue, cando David Castro acabe de leelo, se é que o lee, se decida a facer algo, e finalmente actue, teremos perdida metade da carballeira. Ademais a praga que lle afecta á carballeira, tampouco é nova. Xa no mandato 2015/19 tivemos que facerlle fronte, ademais de sanear a carballeira, destaconando, podando – a única poda que se realizou na historia da carballeira- , eliminando arbores mortas e solventando problemas de encharcamentos. Naquel momento demos parado a morte de arbores, pero a desidia de David permitiu que volvamos ter arbores enfermas e moribundas. Resúltame triste que David Castro agora so vaia á carballeira a mirar para o prato, e non preste atención ao coidado dun espazo tan querido pola veciñanza”.
Volve pasar: unha concelleira fala no Pleno da vida privada de … Enrique Oubiña!
- Inaceptable situación a vivida no pleno da man da concelleira Mar Rey.
- A concelleira intentou desacreditar ao noso concelleiro Sergio Soutelo referíndose á vida privada de Enrique Oubiña.
- Esiximos responsabilidades políticas ante comportamentos que son inaceptables e inescusables.
- Se o equipo de David Castro insiste en atacar a vida privada dos membros do noso partido, teremos que tomar medidas de carácter legal.
Dende Somos Ribadumia temos moito que falar do pleno celebrado este pasado xoves, e nos próximos días iremos comunicando a nosa postura ante diferentes cuestións xurdidas no mesmo.
Porén, antes de falar da xestión política do goberno, debemos facer un alto para por de relevancia unha situación vivida ao final da celebración do pleno que nos parece totalmente inaceptable e inescusable, e que debe ter consecuencias políticas.
Xa rematadas todas as roldas de intervención do último punto da Orde do Día, a concelleira Mar Rey, xa fora dos tempos de intervención tomou a palabra, co asentimento de David Castro, para volver sobre temas anteriores expostos polo PSOE e polo noso concelleiro Sergio Soutelo xa tratados e respondidos pola alcaldía minutos antes. En realidade o que quería Mar Rey era lanzar un discurso, que resultou totalmente extemporáneo, entendemos que dentro dun plan de facerse valer de cara a facerse cargo da alcaldía nos próximos meses. O que ninguén se esperaba foi que ao final do seu discurso, nun intento de afear o traballo de Sergio Soutelo, fixera referencias claras e directas á vida privada de Enrique Oubiña, presente no Salón de Plenos, pero como público ou sexa como un veciño calquera. E novamente tivo que vivir Oubiña un momento incómodo de ataque persoal onde unha concelleira falaba de onte estaba Enrique tal día e hora, unha alusión directa a súa vida privada totalmente fora de lugar, e inaceptable na Mesa do Pleno Municipal. Como é inaceptable que David Castro en vez de frear esta saída de ton, lle rira a gracia.
Anteriormente xa vivimos as mesmas formas e actuacións da man da ex-concelleira Pilar Martínez, que nun pleno chegou a declarar que “tiña probas” de que en tal día e hora Oubiña estaba en determinado sitio acompañado de tal persoa. Nesta ocasión Mar Rey aínda foi máis aló ao declarar que ela mesma mirou a Enrique tal día en tal sitio.
A este respecto, o noso voceiro desexa expresar o seguinte:
- “ máis aló de que o que dixo nin sequera se corresponde coa realidade, algo que só agrava o feito, non pode ser que unha concelleira nun pleno, que se celebra de maneira pública e se emite en directo, se poña a falar da vida privada de ninguén, e xa que se faga referíndose a unha persoa que non está sentada na mesa do pleno só o volve máis indignante. Non se trata do contido do comentario, neste caso absurdo, trátase do dereito á intimidade das persoas e que ademais neste caso, demostra unha moi enfermiza obsesión cara a miña persoa, ata o punto de verme detrás de cada árbore que hai no concello. Ademais eu estaba presente no Salón de Plenos e puiden levantar a voz e frearlle o que estaba dicindo, pero se o fixera cunha persoa non presente, ou eu mesmo non estivese no Salón do Pleno, quedaría totalmente indefenso ante un ataque e unha maneira de actuar totalmente denigrante. E por certo, esta señora é mestra nun colexio público, non quero eu saber que comportamentos pon en valor nas súas aulas, pero medo da”.
Pola nosa banda non imos pedirlle a dimisión porque resulta evidente que Mar Rey aspira a ser alcaldesa e polo tanto non vai dimitir, pero si esiximos responsabilidades políticas a David Castro, que meta en vereda ao seu equipo, que haxa unha reflexión e unhas desculpas públicas sentidas, e por suposto que estes comportamentos non se repitan. Pero se o equipo de David Castro, que conta nas súas filas cun concelleiro que ten pendente un xuizo por ameazas e ataques a Enrique Oubiña, insiste en atacar á dignidade e ao honor e dereito a intimidade dalgún membro do noso partido, actuaremos en consecuencia.
Agardamos pois, unha actuación por parte de David Castro e da propia concelleira Mar Rey acorde e responsable ante a situación creada, e que o equipo de goberno deixe de montar teatrillos nos plenos municipais e se centre na actividade política e en responder pola súa xestión.
