Os manexes de David Castro e Gonzalo Durán que queren facer pagar á veciñanza de Ribadumia.

  • O anuncio dun máis que probable intento de dar unha liberación na Mancomunidade a Asperez, preocupante.
  •  David Castro pretende que os Concellos, ou sexa a veciñanza, paguen os favores políticos que el debe.
  • Inaceptable que a Mancomunidade se use para cumprir os caprichos do PP, de David Castro e de Gonzalo Durán.
  • David Castro, en FITUR, abandona o stand da Mancomunidade que preside para facer campaña co PP.

   Dende Somos Ribadumia debemos amosar a nosa preocupación ante o arranque de David Castro como presidente da Mancomunidade de Concellos do Salnés e os seus manexes para pagar as súas débedas políticas cos cartos da nosa veciñanza.

  O anuncio de que David Castro e Gonzalo Durán teñen enriba da mesa levar a pleno a aprobación dunha liberación para o novo delegado de Turismo, o señor Asperez, parécenos totalmente inaceptable.

  Comezando polo funcionamento da propia Mancomunidade, este ente leva moitos anos facendo unha aposta moi forte polo turismo, e mesmo tivo delegacións de turismo, como a que exerceu Gonzalo Pita, pero non tivo nin precisou ata o momento liberacións políticas. De feito, neste órgano non houbo ata o de agora ningún cargo político liberado, pois non ten sentido nun ente de participación voluntaria cuxas funcións, maiormente presidencia, se desenvolven como unha responsabilidade máis dentro do cargo municipal. A día de hoxe non hai ningún motivo obxectivo que xustifique pagarlle unha liberación a ningún dos postos políticos da Mancomunidade, moito menos unha delegación de Turismo..

 Con independencia disto, está o contexto no que se fala desta liberación e os motivos da mesma, que nada teñen que ver  coas necesidades do cargo. É evidente que David Castro e Gonzalo Durán están tratado de pagarlle o favor a José Asperez, o Concelleiro que deu o voto -xunto aos dous do Partido de Vieitez – que permitiu a David Castro acceder a presidencia da Mancomunidade. Pero nin a Mancomunidade pode usarse como unha oficina de colocación do PP, nin podemos aceptar que os cartos da nosa veciñanza se usen para pagar as débedas políticas de David Castro e Gonzalo Durán. Non hai que esquecer que os fondos da Mancomunidade en boa medida proceden dos Concellos, e que unha liberación desas características, segundo estatutos,  tería que sufragarse a partes iguais polos nove Concellos da Mancomunidade, se se interpreta como un gasto xeral máis da Mancomunidade, ou con cargo á partida de accións de Turismo, onde os concellos pagan por poboación, pero que en calquera caso repercutiría nas arcas municipais.

   Tampouco podemos pasar por alto que esa liberación debe ser aprobada polo pleno da Mancomunidade. E non sabemos o que votaran os representantes do resto de partidos, pero coa situación actual, parece difícil que haxa un acordo, e tal como nós o vemos, tensar a corda aínda máis con eses manexes, pode abrir a porta a unha ruptura institucional con consecuencias difíciles de medir. Polo tanto, pedímoslle ao señor Castro que deixe de atender tanto a Durán é atenda máis á prudencia é á sensatez, é que actúe cun pouco de seriedade, porque o que estamos vendo nestes días menos serio é calquera cousa

   Polo que a  nós respecta, non imos aceptar un cargo destas características e de producirse, imos opoñernos frontalmente a que o Concello de Ribadumia e a nosa veciñanza aporten fondos para pagar esta liberación ou outra destas características  que se lle ocorra ao señor Castro. Se xa resulta indignante que o prezo do voto para a Mancomunidade se negocie en cartos, moito máis que se pague con fondos públicos. Se David Castro quere agradecerlle a Asperez o favor, que o faga pagando el do seu peto, e se anda falto de liquidez que lle axude o señor Durán, pero a nosa veciñanza non paga impostos para ese tipo de cuestións.

David Castro comeza a presidencia da Mancomunidade renegando dela.

 FITUR pasou, pero deixa pouso. A división na Mancomunidade foi evidente no que posiblemente sexa o evento público máis importante no que participa este ente. A división non sorprende. Pero cómpre remarcar a incapacidade de David Castro para , na súa calidade presidente, dialogar co resto de alcaldes e alcaldesa e intentar dar unha mellor imaxe nun escaparate dese tamaño. Como tamén hai que remarcar o lamentable espectáculo de Gonzalo Durán, que foi a Madrid unicamente a exhibir a David Castro e a José Asperez como os seu trofeos políticos –  non así Vieitez – e a crear crispación coa maioría dos alcaldes da comarca, algo totalmente fora de lugar.

 A nivel local, David Castro leva días intentado ocultar a presenza da Mancomunidade en FITUR. Deu orde de realizar publicacións nas redes do Concello poñendo en valor as presentacións da Xunta de Galicia e  da Deputación, ocultando todo o posible e intencionadamente  as presentacións e o traballo da Mancomunidade  presentando as campañas turísticas da nosa comarca e das que o noso Concello forma parte, e se nas últimas horas se mirou algunha publicación onde saía reflectida a Mancomunidade foi por mor das críticas que recibiu nas propias redes e na rúa. Non é unha opinión, revisando as publicacións das redes sociais do Concello é as fotos publicadas, queda claro que David Castro estivo moi dedicado ás presentacións da Xunta e da Deputación, pero  non se preocupou o máis mínimo por exercer de presidente da Mancomunidade.

   Así pois, David Castro inicia a súa presidencia renegando do ente que preside, no cal demostra o interese que ten en presidir ese ente. Pero isto tamén é unha artimaña política que busca dar relevancia ao PP en detrimento dun ente comarcal que se financia con fondos do noso Concello é do resto da comarca, cuxa maior parte de Concellos están gobernados polo PSOE é outras forzas. E dende a nosa formación non podemos aceptar que o señor Castro use os recursos municipais para facer campaña política en favor do seu novo , ou non tan novo, partido.

Deixar un comentario