Category: Sen clasificar
Os nenos e nenas nacidos no segundo semestre do ano, sen praza na gardería municipal de Ribadumia.

- A gardería municipal xestionada por david Castro non permite a reserva de praza para as nenas e nenos que vaian nacer no segundo semestre do ano ata o ano seguinte, deixando a moitas familias sen servizo cando o necesitan e cun problema de conciliación importante.
- Se un neno ou nena nace o 31 de maio, en setembro pode ir a gardería. Se nace o 1 de xuño, ten que agardar a setembro do ano seguinte.
- Máis dunha ducia de familias de Ribadumia teñen que buscar gardería fora do noso concello ou outras alternativas.
- David Castro, que tanto presume dos servizos de conciliación municipal, non responde ante as nais e pais e ocultase, pero tampouco da solucións.
A degradación dos servizos de conciliación familiar municipais avanza con cada ano que David Castro sigue de alcalde. E no caso da gardaría municipal a situación é xa sanguenta. Á redución do horario acometida no verán para aforrar en contratacións de persoal, e aos erros administrativos que complicaron a moitas familias poder desgravar os custes da gardería, agora sumáselle o problema creado co sistema de reservas e matricula.
Nas últimas semanas estamos recibindo queixas de varias familias que se achegaron á gardería municipal a solicitar praza para a gardería e encontráronse que non hai prazas. A maioría desas nais e pais tentaron entrar no proceso de reserva e matricula cando se abriu o prazo o pasado mes de marzo. Nese momento comunicóuselle que so poderían solicitar praza se as crianzas tiñan data prevista de nacemento antes de xuño do presente ano, e que se non era o caso volveran cando o neno ou nena nacera. Tal fixeron e encontráronse con que non hai prazas dispoñibles, nin posibilidade de acceder a unha praza ata que volva abrirse o proceso de reserva de praza en marzo do 2024, que en todo caso dará prazas para comezar co servizo en setembro dese ano.
Isto significa que as nenas e os nenos nados no primeiro semestre do ano poden acceder á gardaría municipal en setembro dese ano, pero os nados no seguinte semestre – este ano estamos falando de mais dunha ducia de nenos e nenas – deben agardar ao ano seguinte, e ata entón eses pais e nais deben buscarse a vida, ben tentando encontrar praza en garderías doutros concellos, ben buscando outras solucións. O agravio comparativo é evidente.
A cuestión vai máis aló. Ao non permitir a esas familias entrar no proceso de adxudicación de prazas, ás familias ás que se lle permite entrar nese concurso xogan coa vantaxe de ter menos competencia. Falamos dun sistema de puntos que valora entre outras cousas a situación sociofamiliar (nº membros na unidade familiar, situacións de familiares con discapacidade, etc..) ou o nivel económico da unidade familiar, polo que pode darse o caso de que unha familia cunha necesidade moito maior do servizo de conciliación quede fora mentres que outra que non teña tanta urxencia teña acceso polo único feito de que o neno naza un día e o outro o día seguinte.
Hai que recordar que a xestión da gardería é competencia exclusiva do goberno local pois está municipalizada e a xestión lévase dende o Concello dende que David Castro se viu obrigado a facerse cargo dela no 2022, momento no que por certo garantiu que a calidade de servizo íase manter e mellorar. Nin se mantivo, nin se mellorou, e agora ademais David Castro que xa dividía as nosas familias en dúas categorías: as que nunca teñen problemas de praza para ningún servizo (“os seus”) e as que depende (“as outras”), agora esta segunda categoría volve dividila entre os que nacen no primeiro semestre e os que nacen no segundo, deixando a moitas familias cada ano sen un servizo de conciliación necesario mentres que outras non teñen problema en acceder a estes servizos, sen máis motivo que a data de nacemento do fillo ou da filla.
Os silencios de David Castro.
O goberno local non é alleo nin descoñecedor desta situación. Temos constancia de queixas realizadas tanto na gardería como no Concello, verbais pero tamén por escrito. E a resposta de David Castro é a de sempre: o silencio. As nais non logran falar con alcaldía para exporlle o problema, cando menos de maneira formal, e ás que presentan a queixa por escrito non reciben resposta e salvo algún caso moi concreto, pero o que chega resulta un argumentario xustificativo con moita dialéctica formal, sen alternativa.
Pero o máis grave é que non se solucione un problema, cando ten sinxela solución. Hai que remarcar que as nais e pais que se puxeron en contacto con nós unicamente piden ser tratadas en igualdade de condicións con respecto ao resto, e poder realizar o tramite de solicitude de praza con independencia de que o neno vaia entrar na gardería en maio ou en novembro. Solucións existen varias, e a gardería é de xestión municipal polo que o goberno de David Castro ten potestade para definir os procesos de reserva de praza e matrícula, so fai falla vontade.
Dende o noso punto de vista é inaceptable que o goberno local non actúe. E é totalmente inaceptable que en Ribadumia haxa familias que non poden acceder á gardería cando lle fai falla e teñan que irse a outros concellos ou buscar outras solucións porque o goberno local non sexa capaz de facer as cousas ben, ou teñan que andar a decidir en que mes deben ter fillos para poder acceder aos servizos.
Esiximos unha solución e que o goberno local poña en marcha as modificacións necesarias para que esta situación se corrixa de xeito inmediato e todas as familias do noso concello teñan un trato igualitario e as mesmas oportunidades de acceder á gardería municipal, un servizo de conciliación familiar imprescindible.
Comportamentos absurdos e ataques a entidades na xestión da Festa do Deporte de Ribadumia.

- David Castro monta un paripé para tentar corrixir o seu erro.
- Convida aos mesmos partidos aos que deixou fora do xurado a participar de oíntes para tentar quedar ben.
- Nula seriedade, con comunicacións sen asinar e mesmo feitas de palabra, sen dar a cara e usando a traballadoras municipais de recadeiras.
- O Pole Sport e Eva Lede, de recoñecido na gala e premiada como mellor deportista no 2019 e no 2022 a non poder participar no concurso de méritos deportivos neste 2023, coas mesmas normas e por orden de David Castro.
O que estamos vivindo ao redor da Festa do Deporte ten difícil explicación.
Para poñernos en antecedentes, o pasado 7 de setembro aprobouse unha modificación das Bases para a elección dos premios ao mérito deportivo, premios que se entregan na gala anual do deporte. Nese pleno, o noso voceiro Sergio Soutelo amosouse favorable á mellora do documento, pero propuxo un cambio para dar cabida a unha solicitude dos clubs deportivos que tamén é unha cuestión de igualdade democrática: que todos os partidos políticos con representación estiveran na mesa do xurado, e non todos os grupos políticos. David Castro negouse deixando coa redacción final das bases a dous partidos políticos dos cinco con representación municipal fora desa mesa de xurado.
Ata aquí nada que non comentaramos no seu momento.
A sorpresa e o lío chegaron esta semana. Obviamente houbo clubs deportivos que se queixaron de que se deixara fora da mesa do xurado a dous partidos políticos, pois o obxectivo desa proposta era que todos os partidos se expresaran no xurado, e David Castro tivo que escoitar que lle recriminaran as súas actitudes partidistas.
Esta semana chegou a convocatoria para a mesa do xurado. De partida a comunicación, tal como explica o noso concelleiro , “foi un correo electrónico sen asinar e sen atender a formalidade ningunha, onde se nos instaba a nomear a un representante do grupo mixto”. O correo era algo confuso pois no mesmo parrafo facíanos participes do proceso, polo que ao día seguinte o noso voceiro achegouse ao Concello a pedir aclaracións, “ e foi entón cando me transmitiron que efectivamente a norma establece que no xurado so pode participar un membro do grupo mixto, pero que os outros dous partidos que quedamos fora estabamos convidados a participar, aínda que sen voz e sen voto, ou sexa de oíntes”.
Para a nosa formación, obviando a falta de formas a hora de comunicar as cousas, parécenos un total e completo despropósito que despois de deixar aos partidos fora da mesa do xurado de xeito intencionado, para tentar quedar ben nos convide a ir de oíntes. Como formación política queremos participar neste tipo de cuestións, pero en igualdade de condicións con respecto aos outros partidos políticos, como corresponde nun funcionamento democrático. “Se David Castro quería corrixir o seu erro, a maneira correcta era chamar ás direccións das entidades deportivas e aos voceiros das forzas políticas e buscar primeiro unha solución temporal para salvar esta edición, e despois modificar de novo as bases e incluír a nosa proposta”. Nós, como formación política sempre estaremos dispostos a buscar solucións a todos os problemas a través do diálogo. Pero dende logo, o que non imos facer é entrar nos xogos de David Castro. “Se ao señor alcalde lle pitaron os oídos, que fixera as cousas ben”.
O caso do Pole Sport.
Outra cuestión xurdida coa elección das candidaturas aos premios do mérito deportivo está relacionada co Pole Sport, ao que David Castro ven de bloquear o acceso ao concurso de méritos e a poder recibir recoñecementos na Gala do Deporte. Eva Lede foi recoñecida na gala do Deporte do ano 2019 e na última edición, a do 2022, como Mellor Deportista Feminina Ribadumiense, e dela e do pole sport díxose o seguinte: “… Eva Lede, fundadora da Asociación de Pole Sport do Salnés, ensalza os valores deste deporte no Concello de Ribadumia e extendeo ao resto … “, dándolle de facto categoría de deporte. E isto non foi casual, pois o Pole Sport non está hoxe por hoxe recoñecido en España entre os deportes federados, e Eva Lede está capitaneando dende Ribadumia unha loita para lograr que este deporte, pois deporte é, entre na lista de deportes recoñecidos polo Estado Español.
As normas dos premios ao mérito deportivo que establecen que para optar a premios os clubs deben estar federados están recollidas dende o 2016, pero o goberno local considerou ata este ano que para darlle apoio a loita da Asoc. Pole Sport do Salnés por conseguir o ansiado recoñecemento como deporte federado polo estado, era importante darlle cabida neste evento local. Por ese motivo, dende a creación da gala, no ano 2016, o Pole Sport participaba na escolla de premios nas mesmas condicións que o resto de deportes que se practican no noso concello. Porén, algo mudou, pois o goberno local ven de impedir que as candidaturas propostas relacionadas co Pole Sport entren na mesa do xurado, deixándoas fora coa escusa de que o Pole Sport non é un deporte federado.
Dende Somos Ribadumia non podemos compartir este posicionamento, e sobre todo non podemos compartir que un goberno local ande a mudar as súas posturas de un día para o outro. “Se David Castro consideraba que o Pole Sport non debía participar na Gala do Deporte, porque non o impediu os anos anteriores? ”. En todo caso nós si consideramos que o Pole Sport é un deporte, estea recoñecido polo Estado como tal ou non, e dende logo, é un deporte con relevancia no noso Concello máis que suficiente como para terse en conta. Eva Lede, que é unha referente galega e española nesta disciplina, entrena a máis de un cento de persoas, dun rango moi amplo de idade, e a inmensa maioría ademais son mulleres, polo que por de relevancia este deporte para un Concello debería ser importante. Ademais hai consenso co resto de entidades deportivas de que todo o que enriqueza a variedade deportiva é positivo para todo o deporte.
Por desgraza, este non é o único desprezo que David Castro realiza contra Eva Lede e a Asociación Pole Sport do Salnés, e temos a certeza que detrás destas actitudes hai unha cuestión de carácter persoal. “O señor Castro usa a política para dirimir os seus problemas persoais con determinadas persoas, neste caso familias, e iso non pode ser. Estamos totalmente en contra desta maneira de actuar e pedimos respecto pola veciñanza , seriedade na acción política, e que se volva permitir ao Pole Sport, sexa quen sexa a persoa que dirixa a entidade que o xestiona no noso concello, entre na mesa do xurado se hai proposta para estar incluído en varias categorías, como é o caso, e que o xurado decida.”
Resumo dos 100 primeiros días deste mandato: non hai ninguén ao mando do Concello.

- Sen orzamentos, coas axudas aos colectivos sen aprobar, problemas con diversas entidades, retraso no pago das facturas, intentos de realizar cambios no PXOM de legalidade discutible, paus xudiciais, malas xestións administrativas, problemas continuados coa rede de abastecemento de auga, total abandono dos espazos públicos municipais e mala atención á veciñanza.
- Os primeiros 100 días de goberno confirman a liña continuista de David Castro, en particular no relativo a deixar o concello e á veciñanza completamente de lado.
- David Castro non está nin se lle espera, nin en Ribadumia, nin na sede provincial do PP, nin en ningún lado. As melloras prometidas por pasar ao PP eran fume.
David Castro está decidido a pasar á historia do noso concello como o seu peor alcalde dende que temos democracia, e nese sentido non vai nada mal.
É habitual facer valoración dos gobernos pasados os primeiros 100 días de mandato, do mesmo xeito que é normal por parte dos alcaldes e alcaldesas arrincar os mandatos con algo de forza, aínda que so sexa en aparencia, dar unha imaxe de traballo e tamén reforzar ou definir as liñas mestras que guiaran o mandato dos equipos de goberno. Nada disto acontece en Ribadumia.
Pasados os primeiros 100 días de traballo, unicamente se confirma que en Ribadumia o goberno so existe nas fotos, e que non temos alcalde, só un señor de postín que de cando en vez pasa pola casa consistorial a asinar documentos.
A acción de goberno nestas primeiras semanas de mandato so pode resumirse nunha verba: DESIDIA. Non é unha verba que dende a nosa formación usemos por primeira vez para falar do goberno do señor Castro, pero é a que mellor reflicte o funcionamento dese goberno. Vai un breve repaso da situación do noso Concello:
– Instalacións municipais e espazos públicos: abandono completo, problemas de mantemento en todos os edificios de titularidade municipal co persoal de limpeza totalmente desbordado, e con problemas como o da piscina municipal, que ademais de abrir con case un mes de retraso, a instalación estivo fallando e con problemas a maior parte da tempada.
Mesma situación nos espazos públicos, nun estado lamentable, ata o punto de que hai parques infantís que a día de hoxe non cumpren os parámetros de seguridade obrigatorios por lei, ou a grave situación da Carballeira de Ribadumia, que atacada por un insecto acumula arbores mortas e enfermas con David Castro mirando para outro lado. Non se contrata persoal nin sequera para cubrir as baixas, e o goberno incapaz de xestionar o persoal existente tira cartos en subcontratar empresas para as labores mais sinxelas, para despois retrasarse nos pagos.
– Servizos públicos: imos a unha rotura de importancia na rede de subministro de auga por semana, sen que ninguén explique os motivos, non se cumpre a lei que obriga a ter feita unha auditoría da rede de auga municipal, non sabemos nin canta auga se fuga, nin canto lle costa a veciñanza ese descontrol. Tamén seguimos padecendo cortes habituais no alumeado público e é máis que evidente que a recollida de lixo e do selectivo require dunha actualización, pois hai zonas onde o lixo desborda durante días dos contedores.
O servizo de Axuda no Fogar acumula familias sen atención, debido á inoperancia do goberno local, e iso a pesar de que fixemos pública a situación en varias ocasións, como fixemos públicos os erros nos cobros deste servizo, que chegaron a ser do dobre do que correspondía.
Merma importante na calidade e no servizo da gardería municipal, con erros de carácter administrativo que causou problemas nas declaracións da renda de un cento de familias, recortes no horario de servizo e outras cuestións máis que discutibles na súa xestión. En xeral, e os feitos así o demostran, todas as actividades de conciliación familiar xestionadas polo concello, están peor e dan peor servizo que no ano 2015, que xa é dicir, pois entre o 2015 e o 2019, estando nos no goberno, fixéronse moitas melloras que agora foron de novo recortadas.
En xeral, o departamento de servizos sociais, o mais importante do Concello, atascado, con malas xestións e problemas de desatención á veciñanza.
– Administración e transparencia: fallos continuados na sede electrónica, e problemas de todo tipo nos servizos e xestións coa veciñanza, dende cobros mal realizados a ausencia total de documentación e información no portal de transparencia e no perfil do contratante do mesmo, así como doutra documentación de obrigada exposición pública.
– Atención á veciñanza: por parte do equipo de goberno total ausencia, con concelleiros e concelleiras que, para cando aparecen, dan malas respostas, ou o curioso caso do señor Castro, que percibe da veciñanza 1.500 euros ao mes pero non está case nunca no concello, e incluso ás poucas persoas que logran concertar cita chégalles sempre con moito retraso, e iso cando chega. O equipo de goberno e en particular o señor Castro so aparecen publicamente para as fotos e as entregas de trofeos.
Os colectivos, asociacións e clubs deportivos están sen axudas. Hai varias entidades agardando dende fai meses ou anos a ter unha xuntanza co señor Castro. Cada semana enterámonos dun desencontro do goberno local cun colectivo.
Os escritos presentados pola veciñanza e por diferentes colectivos non reciben resposta, e estanse retrasando os pagos a provedores, ou sexa ás pequenas empresas que dan servizo ao Concello.
A todas estas cuestións hai que sumarlle os continuos reveses no xulgado nos seus ataques a extraballadoras e tamén contra veciños, así como algunhas prácticas políticas moi discutibles, con intentos de realizar modificacións no PXOM de legalidade discutible, tratos de favor con determinados colectivos e veciños en contrapartida con auténticos ataques que dende a alcaldía se perpretan contra persoas e entidades que non sexan “da súa corda”, e por suposto o entorpecemento continuado ao traballo da oposición, moi en concreto ao traballo do noso concelleiro Sergio Soutelo. Unhas actitudes que dende Somos Ribadumia non podemos aceptar, nin admitir de ningunha maneira.
En estes xa case catro meses de goberno David Castro non foi quen ni de aprobar o orzamento, nin de aprobar as axudas aos colectivos do Concello, nin de por en marcha ningunha solución aos problemas do noso Concello, nin ningunha iniciativa de ningún tipo, e de toda esa inversión que o PP ía traer a Ribadumia a cambio de comprar a David Castro, a única nova que tivemos foi o arranxo dunhas griferías e unhas pezas de aseo no colexio – a prezo de ouro – e a reconstrución dunha cuberta retirada pola propia Xunta de Galicia no mesmo colexio, ou sexa a corrección dunha chapuza. Mesmo a deputación ameaza con mudar o plan de financiamento aos concellos e deixar a Ribadumia na estacada. A realidade é que David Castro é un cero á esquerda dentro do Partido Popular, que premiou á unha concelleira de Cambados que non foi quen de conseguir a alcaldía e a outro de Vilanova que pouco ou nada aporta á comarca e mesmo vota contra os intereses do seu propio concello, mentres que a David Castro, que grazas ao apoio do PP conseguiu por uns poucos votos darlle a terceira alcaldía da comarca, deixouno na completa irrelevancia política, desaparecido do mapa político comarcal e provincial.
Un alcalde, estea no partido que estea, ten que traballar, e David Castro non está pola labor. Nin sequera foi quen de mediar coa Xunta de Galicia para permitir que o Descenso do Umia se realizara no mesmo espazo que en edicións anteriores, complicando a existencia dunha proba emblemática e obrigando a cambios que restaron participación e afluencia a un evento que chegou a ser o maior referente español por detrás do descenso do Sella e a superar os 600 padexeiros e padexeiras na edición do 2022.
En resumo, o noso concello non ten alcalde nin goberno. David Castro non colle o teléfono nin atende á veciñanza, salvo persoas moi concretas, e aínda así con problemas. Cada día topamos un novo problema, e nunca aparece quen se responsabilice nin quen o solucione. Ribadumia ten repartidas polas parroquias ducias de vallas marcando zonas onde rompeu algo, pero ninguén arranxa nada. Non hai orzamentos o cal pon en perigo as axudas de outras administracións, e seguen bloqueadas as axudas aos colectivos e clubs deportivos, que non saben canto e cando van cobrar. So hai cartos para eventos deportivos de entidades privadas de fora de Ribadumia e para tirar en maquinaria que despois non hai quen use.
Dende Somos Ribadumia, non podemos facer unha valoración positiva do goberno de David Castro. Pedímoslle a el e ao seu equipo que recapaciten, que se poñan a traballar, e se non poden xestionar o concello que se fagan a un lado e expliquen á veciñanza os motivos reais polos que se presentaron a unhas eleccións .
David Castro ten bloqueadas as axudas económicas ás entidades deportivas e asociacións do Concello.
- As axudas anuais a colectivos están sen aprobar e os adiantos das mesmas sen realizar.
- O prazo para xustificar as axudas e poder cobralas remata en novembro, pero entrando en outubro, os colectivos non saben nin canto lle corresponde.
- Desplantes varios, negativas a reunirse e faltas de respecto supoñen a tónica do goberno local cara a maioría de colectivos e entidades.
David Castro deixou a maior parte dos colectivos do concello abandonados, cando directamente non os ataca por non ser “da súa corda”. As axudas anuais que o Concello de Ribadumia concede a entidades deportivas e asociacións culturais, sociais e de comercio, están a estas alturas do ano sen conceder, e o adianto do 25% sen realizar.
Cabe recordar que o prazo para que as entidades solicitaran as axudas rematou o 7 de maio. O normal, xa con este goberno lento e torpe, sería que as axudas se aprobaran en pleno extraordinario antes do remate do mandato anterior, ou como moi tarde antes de rematar xullo. Pero estamos a finais de setembro e as entidades non teñen novas das axudas municipais. A situación é tan grave que en novembro vence o prazo para xustificar unhas axudas que a día de hoxe os colectivos non saben nin se as teñen aprobadas, nin que cantidades se lles concederon nin para que actividades, polo que non poden xustificar esas axudas.
Esta falta de compromiso e de xestión do goberno local, que non é nova, está provocando que os colectivos, con máis relevancia os colectivos de carácter cultural e social, reduzan o seu nivel de actividade ao mínimo, pois en moitos casos dependen das axudas municipais para boa parte da súa programación anual, e en xeral David Castro coa súa desidia está poñendo en perigo campañas puntuais e tamén a actividade de todo o ano tanto das asociacións, entre as que recordemos está a asociación de comerciantes ou unha entidade de apoio a vítimas de violencia de xénero, como dos clubs deportivos.
Todo tipo de queixas.
Porén, a falta das axudas non é a única queixa que vimos recollendo nos últimos meses. David Castro négase literal e rotundamente e reunirse con determinados colectivos, con exemplos sangrantes como o a Asociación Herminio Barreiro, que leva dende setembro e 2021 agardando por unha xuntanza con alcaldía, e non é a única. A outros colectivos como a Asoc. Pole Dance, négalle presenza nos espazos nos que o Concello promove a actividade das asociacións, invisibilizando en todo o posible o seu traballo. Outras quéixanse de faltas de respecto institucional e de malas respostas cando van ao concello a ver a un alcalde que nunca esta dispoñible. De feito, e imposible conseguir falar co alcalde de xeito formal, a única maneira, en voz da persoa que dirixe un destes colectivos, e “collelo no fútbol ou nalgún velatorio, e total para nada”.
Ademais, varios colectivos quéixanse de que o goberno lles está facendo competencia desleal ao axendar actividades dende o Concello tendo coñecemento de que xa outras asociacións as teñen previstas, ademais mellorando condicións con respecto aos colectivos, cando o que o goberno debería facer é mellorarlle as axudas e favorecer o traballo deses colectivos. Convén recordarlle ao señor Castro que as propias bases de adxudicación de axudas establecen que as entidades deberan comunicar as súas actividades para evitar que o Concello duplique esas actividades, que é xusto o contrario do que fai o señor Castro, que copia as actividades dos colectivos para colocarse medallas, e que está provocando que as entidades estean pensando en darse de baixa ou deixar a súa actividade.
A todo isto debemos sumar as vellas problemáticas que David Castro non quere enfrontar, dende os compromisos coas dúas bandas de musica e coa Asociación Pro-escola de Música, ata a negativa insistente a aumentar as partidas económicas a todos os colectivos, que está provocando que diversas entidades deixen de pedir axudas ou que, como no caso dos clubs deportivos, tiveran unha xuda no 2022 un 30% menor que no 2019.
Dende Somos Ribadumia pedimos a David Castro que deixe de desprezar a maior parte dos colectivos que conviven no noso concello e actúe en consecuencia co seu cargo. Esiximos do alcalde de todos e todas que deixe de fuxir e se reuna cos colectivos que llo solicitan, que solucione problemas no canto de crealos, que deixe de intentar eliminar a determinados colectivos e que aumente as axudas que levan conxeladas dende o ano 2017, e que aprobe as deste ano de xeito inmediato.

