Category: Sen clasificar

En setembro, e o Concello de Ribadumia segue sen os orzamentos para este ano 2023.

  • Nin rastro dos orzamentos deste 2023 a falta de catro meses para rematar o ano, sen que exista xustificación.
  • Dos orzamentos dependen axudas das administracións, investimentos e as axudas aos colectivos, entidades e clubs deportivos do noso  Concello.
  • Os clubs e as entidades sen axudas, o Concello abandonado, pero David Castro pasa de todo.
  • Desidia total ou intencionalidade?  Claramente intencionalidade. Pero entón que nos oculta David Castro? En que está metendo os nosos cartos?

   Cando outros concellos están iniciando os procesos de elaboración do orzamento para o ano 2024, o goberno de Ribadumia segue co orzamento prorrogado do ano 2022, sen que exista unha explicación razoable.

En Ribadumia, a pesar dos compromisos de David Castro, o habitual é que o orzamento do ano en curso se aprobe entre marzo e maio. Téñense dado excepcións, como no ano 2019, cando David Castro tiña , por primeira e única vez, os orzamentos listos para aprobarse na primeira quincena de xaneiro, e os deixou no caixón ata pasar as elección municipais por non incluír as propostas dos seus socios de goberno. Pero nin con David Castro nin con Salomé Peña os orzamentos estiveron sen aprobar máis aló do primeiro pleno do verán.

 A falta de orzamento obriga a tirar das partidas do orzamento do ano anterior, pero non pode modificar os seus importes, polo que na práctica bloquea boa parte das partidas de mantemento e contratación, impide os investimentos municipais e as axudas ás familias, deixa no aire ás entidades  sociais, culturais e clubs deportivos, que as estas alturas non teñen aprobadas as axudas para este ano que en calquera caso, sen orzamentos volveran ficar conxeladas,  pon en perigo centos de miles de euros en investimentos doutras administracións que dependen ou requiren ter un orzamento operativo e o resultado contable do ano anterior aprobado, algo do que tampouco tivemos novas cando debería terse presentado xa para aprobación incluso con este alcalde.

   Non ter orzamento impide que se poidan incorporar á xestión diaria as melloras en ingresos do estado xa anunciadas, nin  outros ingresos que puideran lograrse ao longo deste 2023 e que non se tiveran en conta no orzamento do 2022, obrigando a que estes fondos, que poderían destinarse a axudar ás entidades, aos clubs deportivos e as melloras nas medidas de conciliación ou axudas a familias en exclusión, teñan que ir ao remanente, ese colchón de difícil control que o alcalde pretende usar para pagar favores e tamén os seus erros políticos, como xa vimos en anos anteriores.

   E o peor desta situación, que provoca enormes problemas na xestión diaria e que incluso pode traer consecuencias legais se o uso dos cartos vai na mesma liña de desidia, é que non ten ningún tipo de xustificación nin escusa valida. Non estamos nunha situación de goberno en minoría que obrigue ao alcalde a negociar con outras forzas os orzamentos. David Castro conta con ampla maioría dende o ano 2019, e a perda de votos e concelleiros este 2023 deixouno de todas maneiras con capacidade para aprobar os orzamentos que el considere, sen que a oposición poida a priori tumbarllos.

Porque motivo entón estamos sen orzamentos?

  Un misterio? O que non é un misterio é que ata marzo deste ano o goberno local contaba cunha concelleira de contas liberada que cobraba 900€ ao mes, e que fai dous meses David Castro designou outra concelleira de contas cunha liberación de 1.900€ ao mes, á que ademais se lle presupoñen coñecementos e experiencia suficientes como para saber que o concello precisa orzamentos, e as consecuencias de non telos aprobados en tempo e forma.

  Cabe pois pensar que a ausencia de orzamento para este 2023, ano electoral, obedece a unha intencionalidade política, e que David Castro pretende ocultarlle á opinión pública como gastou e como está gastando os cartos da veciñanza e tamén canto esta saíndo da carteira de todos e todas nós sen control legal.

  Dende Somos Ribadumia pedimos explicacións públicas e responsabilidades políticas. Queremos que se explique como se están gastando os nosos cartos. E consideramos que é inaceptable que se garde silencio ante uns feitos que ademais de saírse da legalidade  sen xustificación, teñen consecuencias que están pagando os clubs deportivos, as entidades do concello, as familias sen recursos e a veciñanza en xeral, por mor das accións dun alcalde que se cree por enriba do ben e do mal e con capacidade para poder facer o que lle veña en gaña, sen ter que render contas ante ninguén.v

O atranco de Cabanelas, realizado sen contar cos permisos pertinentes .

  • A obra realizada para dar servizo a unha captación privada, realizouse sen contar cos permisos pertinentes.
  • Augas de Galicia non actúa,  David Castro cala e a veciñanza  e o Naútico O Muiño prexudicados por unha obra que reduce o caudal do Umia ao seu paso pola praia fluvial de Cabanelas e río abaixo.
  • Un veciño de Ribadumia non pode cortar un salgueiro sen pedir permiso porque lle cae unha multa e ademais importante, pero os veciños de A Toxa poden servirse do río e facer nel o que lles dea a gaña impunemente.

   Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados  pola maneira de proceder tanto dos propietarios da captación de auga do río Umia á altura de Cabanelas, como das autoridades competentes.

   A finais de xullo, como cada ano, unha empresa procedeu a realizar un atranco no río Umia, a altura de Cabanelas, co obxectivo de reter as augas nese punto e favorecer un bombeo que existe dende fai  medio século e que da servizo á illa de A Toxa. Ata aquí nada que non aconteza cada ano, salvo polo detalle de que esa obra, que cada vez que se fai debe contar cos permisos pertinentes tanto de Augas de Galicia como do Concello de Ribadumia, a día de hoxe nin conta con eses permisos, nin os tiña solicitados cando se realizou o azud e o máis grave, que nin unha institución nin a outra mandou paralizar a obra e abriu expediente á entidade responsable. E todo isto queda demostrado coa documentación aportada polo propio Concello.

   O noso Concelleiro Sergio Soutelo solicitou no Concello a documentación relativa a esa obra, permisos, autorizacións pertinentes, informes favorables ou desfavorables se os houbese, pago de taxas, e calquera outra documentación existente. Isto foi o 31 de xullo, cando a obra xa estaba realizada. No mesmo escrito solicitábase que o Concello, atendendo á sensibilidade da zona, que se asegurara que esa obra se facía con todos os parabéns necesarios, e senón fora así que actuase en consecuencia. Mais aló do medioambiental, ese tramo do río conta cunha área de baño e de entreno dos deportistas de O Muiño a escasos metros río abaixo do atranco en cuestión, que se veu moi afectada polo movemento de terras e a redución no caudal que leva o río.

  O escrito coa resposta dende o goberno local tardou en chegar 16 días, e resultou que a empresa adxudicataria non pediu permiso no Concello tal e como admite David Castro nesa resposta, unicamente ante Augas de Galicia, e aínda está sen respostar. Curiosamente a solicitude ante Augas de Galicia formalizouse o  día 3 de agosto, tres días despois de que Soutelo  solicitara informes no Concello.

Na resposta aportada polo Concello a Sergio Soutelo, especifícase o seguinte:

“Con data 4 de agosto de 2023 se recibe escrito de Augas de Galicia ao que se adxunta o anuncio de Información Pública da solicitude presentada por Gestora Inmobiliaria La Toja S.A. para a súa exposición ó público no taboleiro de anuncios dese concello por un prazo de vinte (20) días, contados a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e a admisión de reclamacións durante o mesmo periodo. Así mesmo con esa mesma data se recibe outro escrito de Augas de Galicia no que se indica que “ante o Servizo Territorial de Augas de Galicia presentouse unha solicitude de autorización de recrecido de represa e solicítase do concello o preceptivo informe previo, segundo o establecido nos artigos 79 e 80 da da Lei 39/2015, do 01 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, o que debe ser emitido no prazo de dez (10) días, conforme ó disposto no apartado 2 do artigo 83.”.”

  No mesmo escrito, David Castro informa de que o 8 de agosto solicitoulle a Augas de Galicia toda a información relativa a esa obra, pero non lle solicitou nin abriu ningún tipo de expediente á empresa que xestiona a captación da auga, e iso tendo coñecemento de que a obra xa estaba realizada. Tal como expón o noso Concelleiro  “ o señor Castro limitase a facer o paripé dando largas e mareando a Augas de Galicia, e deixa en paz e tranquilidade á empresa responsable da obra. E porque fumos pedir papeis, senón non  faría nin iso.”

   Con todo, estamos a 19 de agosto, e nin o Boletín da Provincia publicou nada, nin pasaron os vinte días de exposición pública, nin o Concello emitiu o informe favorable, nin se resolveu a solicitude por parte de Augas de Galicia.  En resumo, a obra está sen permisos, pero está realizada con total impunidade e sen que ningunha das dúas administracións responsables tome cartas e obrigue a reposición da legalidade ata que se realicen os tramites e se cumpran os requisitos, como corresponde con calquera obra realizada sen permisos.  David Castro, que no ano 2016 asumiu o compromiso de mirar con lupa todas as actuación que se realizaran no río, e en concreto todo o relativo a esa captación de auga, actúa como cómplice permitindo que unha empresa privada faga dentro dos lindes do noso Concello o que lle dea a gaña se nin sequera requirirlle os permisos necesarios. E outro tanto Augas de Galicia, que ao primeiro veciño que corte un salgueiro nun regato mételle unha multa de miles de euros, pero despois permite este tipo de actuacións que son auténticos atentados medioambientais sen poñer unha soa pega.

Absurdo de David Castro acusando a Soutelo na prensa de “crear alarma” por pedir unha mostra de auga da piscina.

  • David Castro acusa a Somos Ribadumia de crear alarma social coa situación da piscina, cando dende o noso partido nesta tempada non fixemos, de momento, ningunha denuncia.
  • Sergio Soutelo pediu unha mostra de auga da piscina as oito da tarde, denegáronlla, pero as nove é media estaba o fontaneiro na piscina arranxando algo.
  • David Castro pretende asustar a Sergio Soutelo, incluso presentándose nos sitios coa Garda Civil. Un comportamento absurdo e infantil.
  • A pregunta agora é: que pasa coa auga da piscina?

   Dende Somos Ribadumia queremos amosar a nosa máis absoluta sorpresa polas comunicacións do goberno local aparecidas en prensa relativas a un suposto intento de algo que non temos moi claro. Á vista da gravidade dalgunhas acusacións e do ridículo de outras, o noso concelleiro Sergio Soutelo quere facer varias aclaracións.

   A primeira é  “que eu non esixín nada a ninguén. Nin moito menos. Na tarde do luns achegueime a tomar algo coa miña parella e cuns amigos á cafetería do naútico, cousa que creo que é totalmente legal. Ao acceder á zona pareceume dende a distancia que a auga do vaso grande da piscina estaba algo turbia. Achegueime á entrada e efectivamente comprobei que a auga non tiña o mellor dos aspectos.  Por asegurarme, dirixinme a persoa que estaba no control da entrada e pedinlle, identificándome antes para evitar confusións, se me podía  recoller unha pouca auga da piscina, efectivamente nunha botella que levaba eu porque obviamente non pretendía máis que comprobar se a auga estaba turbia ou non. Aclaro antes de continuar que os concelleiros de Somos Ribadumia non andamos dun lado para o outro cun laboratorio químico na chaqueta. A persoa coa que falei non puxo problemas, incluso me convidou a visitar as instalacións, convite que declinei porque, como digo, só tiña curiosidade por ver como estaba a auga, e de feito pedinlle a esa persoa que me collera ela mesma a auga.  Foise a falar con outra persoa e ao pouco volveron para comunicarme que non había ningún problema, pero que debía agardar a que viñera Miguel Castro cun suposto documento porque polo visto debía asinar un recibo ou algún tipo de declaración. Eu non puxen reparos, de feito díxenlle que non había problema, pero como estaba con outra xente, que agardaría na cafetería. Ao pouco viñeron avisarme de que Miguel Castro non podía achegarse ata alí, e que non tiñan autorización para darme a mostra, que a solicitara por rexistro. Dinlle as gracias pola súa atención, e sen máis”.

    Debemos aclararlle a David Castro e ao seu equipo, que Sergio Soutelo é concelleiro electo, e polo tanto ten todo o dereito a acceder a calquera instalación pública municipal durante o seu horario de atención ao público, para o caso de que Soutelo quixera entrar na piscina, ver o estado das instalacións e mesmo coller mostras de auga, e que Miguel Castro  que foi o concelleiro que montou un lío a partir da nada, non ten autoridade nin é competente para impedilo, nin el nin ningún membro do goberno.  Pero é que ademais non foi o caso.

   Por outra banda, parécenos algo absurdo e ridículo acusar a ninguén de querer coller unha mostra de auga dunha piscina pública. Calquera persoa que pague a entrada ou estea en posesión do carné da piscina pode acceder a instalación e facerse con toda naturalidade cunha mostra de auga. Se dende Somos Ribadumia ou se calquera persoa ten dúbidas  do estado da auga, ou se quixeramos  comprobar se o seu estado é saudable, teriámolo moi fácil sen necesidade de falar con ninguén.  Tal como aclara o noso concelleiro “unicamente quixen comprobar o estado da auga por que me chamou a atención , pero xa outros se delataron eles sos”.

Que pasa coa auga da piscina?

E isto lévanos a outra cuestión. Que pasa coa auga da piscina? Nós ata o momento, nesta tempada, non fixemos ningunha declaración ao respecto, nin denunciamos ningunha irregularidade, “así que gustaríanos que o señor Castro aclare quen está creando alarma social, cando o que foi á prensa con este tema foi el”.

  É certo que o Concello puxo a piscina en funcionamento con semanas de retraso, e temos constancia de que a empresa de mantemento da piscina está alí case a diario. E cónstanos que algúns días a auga vese algo turbia e que xa houbo algunha queixa, pero tiñamos a idea de que logo dos problemas do ano pasado, David tería collido conciencia de que a piscina só pode funcionar se a auga ten completas garantías sanitarias. Pero igual fomos optimistas.

“ E igual non teríamos moitas dúbidas se non fora por un detalle. A parte do circo que montaron dende o goberno local por este absurdo, pasou outra cousa. Como dixen, ao non poder coller a mostra da auga dinlle as gracias a persoa da piscina e deixei pasar, e seguín coa miña vida, permanecendo na cafetería coa xente coa que estaba aínda un tempo. Cando marchamos, falamos das dez da noite, a empresa de mantemento estaba traballando na piscina, eu diría que a todo correr”.

   Aínda que a intención do noso concelleiro era simplemente comprobar se o que el vía era correcto ou non, a turbidez da auga é un parámetro de obrigada comprobación diaria nas piscinas públicas. Polo tanto, se a auga non está cumprindo os parámetros de turbidez, ou se polo que sexa un día non se cumpren, hai que pechar a piscina. O deste luns foi cousa da curiosidade do noso concelleiro, pero á vista da reacción de David Castro e do seu equipo, poremos máis atención no que acontece na piscina, tal como é a nosa obriga como formación na oposición. E agardamos non ter que facer ningunha denuncia nin por de relevancia ningunha situación de insalubridade na piscina.

  Dende Somos Ribadumia temos constancia que entre a visita de Sergio á piscina e a chegada dos operarios de fontanería, Miguel Castro sí estivo na piscina, facéndose acompañar dunha parella de gardas civís. Evitou dirixirse a Sergio Soutelo que nin se enterou deste feito pero supoñemos que pretendía buscar algún motivo para denunciar ao noso concelleiro, ou meterlle medo. “David Castro vive na paranoia permanente e ve a Somos Ribadumia detrás de cada curva. El saberá que é o que tanto lle preocupa. Pero en todo caso nin ao noso partido nin a min en concreto me vai impresionar coas súas ameazas. E o de ir aos sitios coa Garda Civil é doutros tempos, e tampouco vai servirlle de moito. Estou aquí para cumprir coa miña función, e iso farei. Recoméndolle que se centre en gobernar e, senón se ve capaz, que se vaia para a casa ou a donde o queira colocar o PP”.

David Castro admite erros na xestión do SAF.

  • David Castro admite que houbo erros na xestión do SAF, e que durante meses non fixo nada por solucionalos.
  • As mentiras de David Castro: non se informou do problema, estívose cobrando erroneamente meses e non se devolveron as cantidades mal cobradas.
  • Incapaz de resolver os problemas que el mesmo crea, David Castro dedícase a atacar a Somos Ribadumia.

   David Castro acudiu a prensa para intentar desacreditar a Somos Ribadumia, pero non puido negar a realidade, que é que efectivamente houbo erros na xestión dos cobros do SAF e que algúns recibos pasáronse polo dobre do que correspondía, e polo tanto o informado pola nosa formación foi correcto.

    O que non fixo David Castro foi dicir a verdade. A familia á que el se refire como única afectada, nós non podemos saber cal é, pero debe ser distinta da familia que nos permitiu acceso ás facturas para comprobar que efectivamente se lle estiveran pasando os cargos mal. Esta familia en concreto non foi en ningún momento advertida de ningún erro. Ao contrario, tivo unha persoa desa familia que dirixirse ao Concello e poñer a pertinente queixa e advertirlle ao goberno do erro na facturación,  pois no concello ata ese momento ninguén se percatara do que estaba acontecendo,  e tampouco llo resolveron de xeito inmediato, pois fixeron falla varias visitas ao Concello e varias queixas para que corrixiran os recibos, non así o reintegro das cantidades cobradas erroneamente, que está sen realizar.

   Resulta dunha máis que sospeitosa casualidade que o mesmo día que sae na prensa esta cuestión David Castro aprobara o reintegro dos cartos mal cobrados, para o caso de que así fora pois ese reintegro  a día de hoxe, como dixemos, non se fixo efectivo. Parécenos lamentable que a única maneira de que o goberno local actúe e solucione un problema sexa que dende Somos Ribadumia o fagamos público. Por que ademais non é a primeira vez que pasa: o concurso para adxudicar o servizo do SAF fíxose logo de que dende Somos Ribadumia advertiramos de que o servizo estaba conxelado e as altas da ducia de familias que levaban meses agardando pola xestión do Concello, fixéronse efectivas ao día seguinte de que Enrique Oubiña fixera pública a situación nun pleno municipal.

   En resumo, David Castro pretende culpabilizar  a Somos Ribadumia por facer públicos os erros da súa xestión, erros que nalgúns casos supoñen un custe económico para a veciñanza, e noutros como xa pasou poñen en risco a saúde das persoas. Poñemos no seu coñecemento, por se non caeu na conta, de que dende Somos Ribadumia imos seguir traballando e facendo o que nos corresponde facer. Quizais o que deba reflexionar é quen se presenta a alcalde pero despois deixa a xestión do concello totalmente abandonada.