Category: Sen clasificar
Éxito de participación na XXV Xuntanza dos Nosos Maiores.

O Concello de Ribadumia informa de que a Xuntanza dos Nosos Maiores, celebrada o pasado sábado , e que este ano contaba a súa viseximoquinta edición, foi todo un éxito en canto a participación e disfrute dos participantes.
O tempo acompañou nunha xornada cuxo eixe central era o xantar de confraternidade que comezou pasadas as 14:00 horas –logo da misa de campaña- e que congregou a preto de dous centenares de persoas, unha cifra que subiu con respecto ó ano pasado, o cal é indicativo da boa saúde que goza esta xuntanza anual.

Xa de tarde, ademais dos habituais xogos de mesa -que repartiron varios premios entre o público-, e doutros agasallos entregados ás persoas máis maiores presentes, houbo baile e troula ata ben caída a tarde, acompañado por un trío musical, cun photocall, animación…
Tamén puideron os asistentes divertirse durante toda a xornada coa presencia do famoso actor e humorista televisivo “Isi”, un todoterreo que o mesmo guiaba o bingo, que daba un monologo ou se paseaba por entre o público amenizando a tarde coas súas dotes humorísticas, e asinando autógrafos, a maioría deles nos abanicos ou sombreiros que para combater o sol e a calor, se repartiron dende a organización, que como sempre correu a cargo do departamento de servizos sociais e da concellería de terceira idade.
A boa aceptación deste evento, tal como explica Enrique Oubiña, concelleiro de terceira idade, tivo tamén unha repercusión moi positiva no Club Senior municipal, que segue aumentando o número de socios e socias con cada actividade”. Esta xornada de confraternidade ademais serviu para darlle un impulso a este club creado a raíz da modificación da norma do fogar dos maiores, pois ofreceu un desconto dun 50% as persoas que tiveran o carnét ou aproveitaran a ocasión para realizalo. Deste xeito, grazas a esta campaña o Club Senior subiu ata case o centenar de usuarios, un dato moi importante para Oubiña por que “canto maior sexa o numero de persoas que integran este club, mais posiblidade teremos de organizar máis actividades e de maior calidade. E de feito, os próximos obxectivos serán a organización dunha axenda de actividades de cara o outono e inverno, que axuden a dinamizar a vida dese importante sector da poboación.”
Enrique Oubiña quixo “unha vez máis agradecer o traballo dos profesionais do departamento de servizos sociais, Santi e Elena, pola súa gran labor organizando este evento e esforzándose por que todo saíra ben e sen percances, así como á dinamizadora do fogar dos maiores e as voluntarias que axudaron a que a xornada transcorrera con moito dinamismo. “
O Concello de Ribadumia ultima a posta en funcionamento da nova rede wifi pública para Barrantes.
O Concello de Ribadumia informa de que está a piques de rematar a última fase do proxecto de instalación dunha nova conexión á internet pública no núcleo urbano de Barrantes. Os traballos sobre o terreo, que daban comezo os pasados días, esperan rematarse en breve -se non xurde ningún imprevisto-, polo que a nova conexión podería estar en funcionamento para inicios de setembro.
Na última fase do proxecto, que ten un custe de algo máis de 20.000€, foi preciso que unha empresa do sector se fixera cargo dos traballos, recollendo a testemuña dos alumnos e alumnas do Obradoiro Tecnolóxico do Salnés. A compañía atópase xa instalando radioenlaces entre a zona de Treviscoso e o campo de fútbol de A Bouza, onde está situado o punto de partida do sinal principal que permitirá a conexión sen fíos á Internet. Despois, será a Mancomunidade do Salnés a encargada de subministrar os megas precisos para poñer a rede en funcionamento, cun programa en conxunto que, polo momento, reúne aos concellos de Vilanova, Meis e Ribadumia.
Con este proxecto, que se iniciaba o pasado ano, o Concello pretende solucionar os problemas da rede instalada en 2007 -que fallaba debido ao deterioro dos repetidores, cuxa reposición era inviable-, e ofrecer aos veciños e veciñas un acceso á Internet moito máis rápido e con menos problemas de conectividade.
Para Enrique Oubiña, concelleiro de urbanismo, ” hoxe en día xa hai moitas xestións administrativas que se realizan a través de internet, algo que vai ir a máis en pouco tempo. Ademais, a busca activa de emprego actualmente xa se realiza case exclusivamente a través de redes como pode ser linkedin, e outros portais de emprego tipo infojobs, etc, polo que o acceso a internet é un servizo case imprescindible, e polo tanto compre que se dispoñan redes de acceso público, sobre todo tendo en conta os sectores da sociedade máis desfavorecidos. Medidas como as que estamos tomando en Ribadumia van permitir democratizar o acceso a internet.”
Somos Ribadumia e outras plataformas municipalistas do Salnés piden a dimisión do Conselleiro de Sanidade
Esta mañá os representantes de Somos Ribadumia, Somos Cambados, Somos En Marea Sanxenxo, Gañemos Vilanova e Somos Maioría Vilagarcía presentaron unha moción conxunta para esixir responsabilidades pola dramática situación que atravesa o servizo de Atención Primaria e os PACs do Salnés.
Durante o acto os diferentes representantes deron un repaso a situación que se vive en cada concello, e mostraron a súa preocupación por todos eses problemas que se deben, tal como explicaba o concelleiro de Sanidade de Cambados Tino Cordal, “non a falta de recursos, se non á mala previsión e xestión das áreas sanitarias, que ten a súa orixe na política sanitaria do Partido Popular, orientada ó desmantelamento do servizo público de sanidade, para favorecer a súa privatización”.
Por ese motivo, a moción presentada polas cinco forzas pide a dimisión do conselleiro de Sanidade, do xerente do Sergas e do xerente do EOXI Pontevedra-Salnés, o consideralos, en palabras do voceiro de Somos Ribadumia Enrique Oubiña, “os máximos responsables desta nefasta xestión, que están xogando coas vidas das nosas veciñas e veciños.”
A importancia de reclamar por escrito.
Enrique Oubiña aproveitou para insistir na importancia de realizar reclamacións por escrito nos centros de saúde, PACs e hospitais, “pois se non hai reclamacións formais o Partido Popular negará a existencia do problema. E non podemos permitir que Feijoo mire para outro lado mentres a súa política de recortes provoca todo tipo de problemas e por desgracia, como no caso do acontecido en A Estrada, mortes”.
Ribadumia e Cambados presentan o proxecto de Dotación de Infraestruturas no Polígono Industrial do Salnés
- O orzamento do proxecto ascende a 100.743,55€, correspondendo un 42,02% a Cambados e un 57,98% ao Concello de Ribadumia.
- O Concello de Ribadumia vai ser o encargado da licitación que xa foi remitido ao portal de contratación da Xunta de Galicia para a súa publicación.

O Concello de Ribadumia e o de Cambados veñen de presentar o proxecto de Dotación de Infraestruturas no Polígono Industrial do Salnés. Ao Proxecto foille concedido unha axuda por concorrencia competitiva estando subvencionadas ao 95% con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018.
Os concellos de Ribadumia e Cambados, de maneira coordinada e conxunta, decidiron aproveitar os recursos procedentes da convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para levar a cabo a dotación de determinadas infraestruturas dentro da área industrial de O Salnés, co obxecto de mellorar o entorno industrial, favorecendo o desenvolvemento do traballo e a implantación das empresas. A razón pola que os dous concellos deciden acollerse aos beneficios desta convocatoria fundaméntanse en que as zonas industriais dos dous concellos forman na realidade unha area industrial conxunta e que as obras que se proxectan manteñen unha continuidade entre as zonas que pertencen aos dous concellos. O importe do custe do proxecto é de 100.743,55 € e o prazo previsto de execución das mesmas é de 6 semanas, unha vez que remate o proceso de licitación.
Mellora do entorno industrial.
O obxecto do presente proxecto é o de definir as obras a realizar para a mellora das infraestruturas do conxunto do Polígono Industrial do Salnés. Nas rúas principais dos polígonos hai un elevado deterioro da capa de rodadura, polo que se pretende a aplicación dunha capa de microaglomerado en frío para a súa conservación, mellorando as características de textura superficial e resistencia ao deslizamento. Posteriormente ao pavimentado procederase ao novo pintado das vías.
Por outra parte, na zona do entorno industrial correspondente ao Concello de Ribadumia, é preciso A construción de varios tramos de novas beirarrúas, así como a pavimentación de dúas zonas para aparcamentos na rúa da horta e construción dunha cuneta e unha bionda de protección, para evitar o risco de caídas de vehículos nunha zona do polígono. Ademais da pintura, colocarase un cartel tipo TOTEM de información en cada polígono.
Con estas obras mellorase sensiblemente o entorno industrial, mellorando a información e sinalización do parque empresarial de O Salnés, favorecendo o desenvolvemento industrial da zona.
Tendo en conta que os traballos efectuaranse nos viais do Polígono, veranse afectados os accesos as naves industriais. A organización do traballo farase de maneira parcial, afectando soamente a un marxe do vial e mantendo a posibilidade de circulación polo resto do vial, coa sinalización adecuada. En ningún caso se producirá o corte total do acceso a os viais do polígono. Non se afecta ningún tipo de liña de telefonía nin de electricidade.
