Somos Ribadumia e outras plataformas municipalistas do Salnés piden a dimisión do Conselleiro de Sanidade
Esta mañá os representantes de Somos Ribadumia, Somos Cambados, Somos En Marea Sanxenxo, Gañemos Vilanova e Somos Maioría Vilagarcía presentaron unha moción conxunta para esixir responsabilidades pola dramática situación que atravesa o servizo de Atención Primaria e os PACs do Salnés.
Durante o acto os diferentes representantes deron un repaso a situación que se vive en cada concello, e mostraron a súa preocupación por todos eses problemas que se deben, tal como explicaba o concelleiro de Sanidade de Cambados Tino Cordal, “non a falta de recursos, se non á mala previsión e xestión das áreas sanitarias, que ten a súa orixe na política sanitaria do Partido Popular, orientada ó desmantelamento do servizo público de sanidade, para favorecer a súa privatización”.
Por ese motivo, a moción presentada polas cinco forzas pide a dimisión do conselleiro de Sanidade, do xerente do Sergas e do xerente do EOXI Pontevedra-Salnés, o consideralos, en palabras do voceiro de Somos Ribadumia Enrique Oubiña, “os máximos responsables desta nefasta xestión, que están xogando coas vidas das nosas veciñas e veciños.”
A importancia de reclamar por escrito.
Enrique Oubiña aproveitou para insistir na importancia de realizar reclamacións por escrito nos centros de saúde, PACs e hospitais, “pois se non hai reclamacións formais o Partido Popular negará a existencia do problema. E non podemos permitir que Feijoo mire para outro lado mentres a súa política de recortes provoca todo tipo de problemas e por desgracia, como no caso do acontecido en A Estrada, mortes”.
One comment