Category: Sen clasificar
Enrique Oubiña participará en Bruxelas nunha conferencia da iniciativa REALPE

Enrique Oubiña viaxará esta semana xunto a outros 24 concelleiros e concelleiras, convidados pola eurodiputada Lidia Senra, a Bruxelas, co obxectivo de participar nunha xornada de debate e intercambio de experiencias de cargos electos municipais de diferentes países da UE que organiza o Grupo Parlamentario da Esquerda Unitaria Europea / Esquerda Verde Nórdica (Grupo GUE/NGL) , do que forma parte Lídia Senra.
A xornada, que terá lugar o xoves 28, insírese na iniciativa REALPE, que cada ano reune a concelleir@s e polític@s de toda europa para tratar diferentes cuestións, e que este ano terá como temas centrais :
- o uso de fondos europeos polas entidades locais e rexionais.
- cohesión social.
- servizos públicos e o seu acceso nos municipios locais.
- o dereito á auga.
- despoboamento.
Enrique Oubiña subliñaba onte que esta viaxe “é unha boa oportunidade para coñecer de primeira man como se enfrontan noutras partes de europa a todos estes problemas, e as solucións que se están plantexando a nivel local, pero tamén a nivel do parlamento europeo , tanto en cuestións de lexislación como de financiamento.”
Dende Somos Ribadumia vemos positivo participar neste tipo de encontros, onde se tratan cuestións que máis tarde acaban refrectindo nas diferentes leis, normas e liñas de subvención que se aproban no parlamento europeo, e que finalmente afectan dun xeito directo á vida municipal.
A viaxe esta financiada polo grupo parlamentar, polo que non terá ningún custe económico para o concello.
As reunións veciñais como exemplo de transparencia.
Nas pasadas semanas o equipo de goberno mantivo unha serie de reunións veciñais nas parroquias do noso concello.
Dende Somos Ribadumia consideramos que este tipo de iniciativas teñen unha gran importancia, pois por un lado permiten achegar o traballo do goberno municipal aos veciños dun xeito máis aberto e transparente, e por outro facilitan que os políticos poidan dar as explicacións oportunas sobre calquera cuestión, e tamen recibir críticas á súa labor e recoller as impresións ou propostas da veciñanza.
Como parte do equipo de goberno e como forza política que dende o minuto un defendou a transparencia como eixe fundamental do traballo municipal queremos manifestar a nosa satisfacción por este tipo de actuacións.
Inda quedan cousas por facer, e a nosa función debe ser traballar para mellorar nestas cuestións e seguir avanzando tanto en temas de transparencia como de participación cidadá, pero non cabe dubida de que en Ribadumia temos un goberno moito máis transparente, no oposto ó escuro goberno anterior.

O Club Sénior do Concello de Ribadumia supera o medio centenar de inscritos
Dende o inicio de actividades en novembro do 2017, o Club Sénior do Concello de Ribadumia, creado logo da modificación da norma do Fogar dos Maiores, mantén unha liña ascendente tanto en actividades como persoas inscritas.

imaxe dunha saída recente do Club Senior.
A día de hoxe o Club Sénior leva máis de cincuenta inscritos e inscritas, cifra que vai aumentando con cada actividade nova que organiza dende o departamento de Servizos Sociais do Concello. Con respecto ás actividades, dende que este novo formato votou a andar en novembro do ano pasado, leva organizadas preto de unha ducia delas: dende saídas culturais a diversos obradoiros, como os de uso de smartphones ou o de risoterapia, pasando por unha bailoteca ou mesmo un de elaboración de xabóns. Ademais, mantéñense o taller de memoria e as clases de ximnasia para maiores, que eran as dúas únicas actividades, xunto a un xantar de confraternidade, que o Concello organizaba con anterioridade.
Enrique Oubiña explica que “o Fogar do Maiores creouse no 2011, con sede na Casa da Cultura de Ribadumia pero, dende o seu inicio, o formato de “centro social”, moi próximo na súa formulación a un centro de día -que ademais incluía unhas taxas de acceso moi altas-, non conseguiu convencer aos posibles usuarios. De feito, mantívose nuns niveis de participación moi baixos, con menos dunha ducia de persoas e soamente 8 cando, a finais do ano 2016, se modificou a normativa de uso.
O cambio de norma que impulsamos, modificou o concepto orientándoo máis cara un club de pensionistas que cara un centro de día, cunha taxa de acceso moito máis racional (10€ ao ano). Isto, sumado o aumento de actividades orientadas a este colectivo, permitiu que pouco a pouco a situación fora mudando, unha tendencia que previsiblemente se vai manter nos próximos meses, nun concello que ten máis de 1.500 persoas con idades por riba dos 55 anos, das que máis de 400 superan os 65.”
Próximas actividades
Coa chegada do verán, o obradoiro de memoria e a ximnasia de maiores collen un descanso, pero dende o departamento de Servizos Sociais seguen organizando actividades para o colectivo da terceira idade. Entre outras, o 1 de xullo está prevista unha saída para participar no “XXV Festival da Terceira Idade de Melide”. Ademais, en agosto terá lugar a xa tradicional Xuntanza dos Nosos Maiores, un xantar de confraternidade con diversas actividades, que reúne habitualmente a máis de 200 participantes.
Quen desexe informarse de todas as actividades que se organizan para a terceira idade, ou sumarse ó Club Sénior, que permite ter diversas vantaxes (como descontos nas actividades), pode dirixirse aos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Ribadumia.
Comunicado referente á obra de ampliación de Servizos Sociais.
En días pasados a prensa fíxose eco dunhas afirmacións procedentes da oposición relativas ás obras de ampliación do local de Servizos Sociais. Enrique Oubiña explicaba na tarde de onte que “tal e como aconteceu no seu día coa obra do ximnasio de Barrantes, o Partido Popular acudiu á prensa sen contar coa información necesaria, e do mesmo xeito verteu acusacións e informacións que son incorrectas, co único obxectivo de embarrar o bo traballo que estamos facendo”.

En febreiro de 2017 presentáronse as novas intalacións de servizos sociais. Agora, coa nova ampliación, ainda en proceso, vaise rematar a unificación de todos os servizos, incluíndo nas instalacións o banco de alimentos e roupeiro municipais, e a lavandaría .
Por este motivo o equipo de goberno emitiu un comunicado realizando varias aclaracións:
- É totalmente falso que a obra de ampliación do local de Servizos Sociais leve rematada dous meses, pois a día de hoxe está sen rematar. A parte que falta correspóndese co remate da fachada exterior que debido as condicións climatolóxica non foi posible de momento realizar. Toda a parte interior da obra esta totalmente rematada e, según informes técnicos, non presenta ningún tipo de deficiencia.
- O proxecto de ampliación de servizos sociais, como se dixo no seu día, busca dotar á instalación dun almacén de alimentos, unha lavandaría e un roupeiro, servizos que nestes momentos se encontran no baixo da casa de cultura de Ribadumia, nunha situación bastante precaria, herdada do anterior equipo de goberno, que mantiña os alimentos e o roupeiro nun mesmo espazo, húmido ,sen dividir, e cunha condicións sanitarias deficientes. De feito, cando este equipo de goberno se fixo cargo do concello por non haber, non había nin un refrixerador onde manter os alimentos que precisaban frío.
- Para a elaboración do proxecto destas novas instalacións, que contan cun orzamento de 53.000€, contouse coa participación do departamento de Servizos Sociais, e gracias as súas aportacións, as instalacións finais van duplicar o espazo destinado a almacenaxe de alimentos e roupa, garantindo que as necesidades do concello nestes aspectos queden sobradamente cubertas.
Para Enrique Oubiña “é lamentable que o Partido Popular actúe deste xeito, sen informarse previamente das cuestións, e emitindo comunicados de prensa que aportan datos falsos, e solo serven para crear confusión, e para dar unha pobre imaxe da súa agrupación. Pídolle á señora Peña, que, inda que solo sexa por respecto ás persoas que depositaron a súa confianza no Partido Popular, antes de actuar deste xeito, se dirixa ó concello e solicite a información pertinente, que lle permita facer valoracións políticas coherentes e con criterio.”
