Enrique Oubiña será o candidato de Somos Ribadumia á alcaldía.
- Foi a única persoa que presentou candidatura ao proceso de elección de candidato, sendo ratificado pola Comisión Executiva de Somos Ribadumia do día de 31 de Outubro de 2018.
- Enrique Oubiña leva 7 anos de Concelleiro na corporación municipal de Ribadumia, os últimos 4 formando parte do goberno municipal, asumindo responsabilidades nas áreas de Servizos Sociais, Sanidade, 3ª Idade, Obras e Urbanismo.
A Comisión Executiva de SOMOS RIBADUMIA celebrou unha xuntanza o pasado 31 de Outubro para, entre outros puntos, avaliar o proceso aberto para a designación de cabeza de lista de Somos Ribadumia para as eleccións municipais do próximo ano 2019.
Na Asemblea Xeral celebrada o 13 de Setembro, aprobábanse as bases e calendario do proceso, establecéndose un prazo de mes e medio para que todos aqueles colaboradores de SOMOS RIBADUMIA que quixesen postularse para encabezar a candidatura electoral o fixeran, baixo as únicas condicións de asinar o cumprimento dos estatutos e código ético. Tamén se estableceu que no caso de existir unha única candidatura quedaría automaticamente esta proclamada. Rematado o prazo, os secretarios de garantías informaron que só se presentara a candidatura de JOSE ENRIQUE OUBIÑA LAGO, polo que quedou proclamado candidato e cabeza de lista de SOMOS RIBADUMIA.

Acta de proclamación.
Dende a Comisión Executiva valoramos esta candidatura e o feito de que non se presentaran outras, como un refrendo dos colaboradores e colaboradoras de SOMOS RIBADUMIA á persoa de Enrique, sendo considerado como o candidato ideal para encabezar a lista tanto pola súa traxectoria, como pola valoración positiva do traballo realizado nestes últimos anos no equipo de goberno do Concello de Ribadumia.
Con está designación de candidato, e coa recente sinatura do acordo de colaboración con EN MAREA, para que Somos Ribadumia forme parte da estrutura das mareas municipalistas que se están a organizar ao longo de toda Galicia para optar as alcaldías, a Comisión Executiva tamén inicia os traballos de cara a conformación da candidatura e elaboración dun Programa Electoral. Para esta última cuestión está previsto un proceso participativo, para o que se prevé contar coas aportacións das asociacións e entidades do Concello, así como de todos aqueles veciños e veciñas que desexen participar para deseñar un proxecto político para mellorar Ribadumia. A idea final é establecer un programa de goberno, unificado e cohesionado, que non se limite a unha suma de propostas, se non que sexa a guía do goberno para próxima lexislatura municipal, onde estamos seguros de que Somos Ribadumia vai ter un papel relevante.
JOSÉ ENRIQUE OUBIÑA LAGO.
José Enrique Oubiña Lago é natural de Ribadumia e residente en Barrantes. Leva 8 anos de Concelleiro, dende o 2011, data na que entrou na corporación encabezando unha candidatura e converténdose no líder da oposición fronte ao goberno popular de Salomé Peña, cunha maneira de traballar que destacou polo alto grao de propostas e pola busca de acordos nas cuestións municipais máis importantes. Logo das eleccións de 2015, nas que encabezou a candidatura de Somos Ribadumia, forma parte do goberno municipal, como Tenente alcalde e asumindo responsabilidades en áreas como Servizos Sociais, Sanidade, 3ª Idade, Obras ou Urbanismo. En todas estas áreas son de destacar no político o seu carácter resolutivo, a súa implicación e traballo, e a súa lealdade tanto os principios de Somos Ribadumia e as decisións da súa asemblea como ao pacto asinado coas outras forzas coas que Somos Ribadumia comparte o goberno. Tamén participou na fundación e é membro activo de EN MAREA.
No ámbito social destaca pola súa implicación e colaboración con diversas asociacións e actividades que se organizan en Ribadumia. Na actualidade é membro da directiva da Asociación Herminio Barreiro. Esta implicación e traballo valeulle tamén o recoñecemento da Asociación ESMAR contra a violencia de xénero, que o nomeou Presidente de Honra.
Por todo isto, dende a executiva de Somos Ribadumia compartimos a idea das nosas bases de que é o candidato ideal a alcaldía de Ribadumia e que verá recoñecida a súa labor cun considerable aumento do apoio cidadá.