David Castro leva a Pleno un cambio na normativa da escola infantil XA APROBADO en maio de 2023 … e levao mal.

· O cambio normativo que inclúe redución da xornada no verán, aprobouse no Pleno de Maio de 2023, Pero non entrou en vigor por desidia do goberno.
· A escola infantil leva tres anos aplicando ilegalmente unhas normas que non estaban en vigor.
· Leva o acordo de novo, e deixa atrás a maior parte das propostas aprobadas no 2023 que seguen sen estar en vigor.
· O goberno do señor Castro fai oídos sordos ante as peticións da comunidade da escola infantil, que piden melloras de ratios, aumentos de persoal e máis recursos.
No Pleno do pasado xoves David Castro intentou facer pasar desapercibido un cambio no regulamento de funcionamento da escola infantil. Non foi casualidade.
Tal como sacou a relucir o noso Concelleiro Sergio Soutelo, a proposta non era en absoluto novidosa, e dende logo non atende, tal como se dixo, a ningunha proposta actual do persoal da escola infantil.
O que aconteceu realmente foi que David Castro levou a Pleno uns cambios normativos xa aprobados no Pleno Ordinario celebrado o 4 de maio de 2023. Nese Pleno, o segundo punto a tratar foi unha “MODIFICACION DO REGULAMENTO DA ESCOLA MUNICIPAL INFANTIL”, tal como figuraba na convocatoria. Ademais, no video do Pleno, que está publicado, pode comprobarse como o propio David Castro defendeu persoalmente como necesarios os cambios propostos, que saíron adiante cos votos favorables do seu partido naquel momento e do PP. O problema veu despois, pois noutro exercicio de pura desidia o goberno deixou estes cambios sen publicar e sen aprobación definitiva, polo tanto non chegaron a entrar en vigor.

Non chegaron a entrar en vigor, pero no goberno ninguén caeu na conta, co resultado de que o goberno do señor Castro leva 3 anos aplicando eses cambios, incluída a redución de horario no verán que obriga ao recoller as crianzas como moi tarde ás catro da tarde, como se os mesmos estiveran en vigor, cando non é así.

Nestes anos téñense producido queixas polos criterios de actuación, os horarios e problemáticas cos procesos de admisión. A resposta do goberno foi dicir que a norma aplicable era a aprobada en setembro de 2022, pero que internamente facíase outra cousa, sen máis explicación.

Agora, tres anos despois, David Castro volveu levar a Pleno un cambio no regulamento da escola infantil. E unha vez máis, volveu actuar de maneira chapuceira. No canto de repetir a proposta de acordo do ano 2023 para corrixir o erro, e que incluía, entre outras, cuestións relevantes impostas pola Xunta de Galicia, como cambios no aforo do comedor ou no proceso de admisión, limitouse a levar unha parte do mesmo, deixando fora o resto, mantendo a problemática viva, e incumprindo as obrigas impostas pola Xunta de Galicia.
Dende a nosa formación, Sergio Soutelo pediu a retirada do punto da Orde do Día, e que se trouxera ao seguinte Pleno de maneira completa, máis o señor Castro, como sempre, fixo oidos sordos e tirou para adiante co que levaba, coa consecuencia de que pronto terá que volver levar a Pleno os cambios que faltan, por que ademais son cuestión de obrigado cumprimento, pero que non se poden aplicar sen estar recollidos na norma, por moito que o señor Castro insista en actuar como un cacique do século pasado.

Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar esta maneira chapuceira de traballar e esiximos responsabilidades políticas. E dende logo, dirixirémonos á Consellería de Igualdade e Benestar Social, para que aclare esta situación e poña ao señor Castro no seu sitio.
A falta de compromiso coas traballadoras.
Aproveitando o debate en Pleno, Sergio Soutelo recordoulle ao goberno que o cambio normativo que levou a Pleno , a parte de incompleto, non recollía as peticións e inquedanzas nin das nais e pais, nin moito menos do profesorado. “Pode ser que estas propostas foran peticións do profesorado fai tres anos. Pero hoxe están pedindo outras cousas, cousas como melloras de ratios, melloras nas súas condicións e máis recursos para un servizo esencial, e diso esta proposta do goberno non di nada”.
Cómpre recordar que o persoal das escolas infantís leva semanas reclamando melloras no seu sector, unha loita que incluíu unha xornada de folga o 7 de maio, precisamente o mesmo xoves que se celebrou o Pleno, e que contou cun apoio masivo por parte das nais e pais, rexistrándose unha ausencia de máis do 70%,. E de feito Sergio Soutelo amosou unha foto coas prendas amarelas cedidas polas nais e pais que levan semanas na entrada da escola infantil en apoio a estas reivindicacións e tamén o listado de melloras que solicitan, recordándolle ao goberno que a escola infantil de Ribadumia é municipal e que aínda que a mobilización sexa de ámbito nacional, o goberno pode perfectamente dar cabida as moitas das reivindicacións.
Dende o noso punto de vista, que o goberno leve ao Pleno unha proposta tan limitada precisamente o día que as profesionais de manifestan e fan folga pedindo outras melloras, parecenos unha tomadura de pelo e rirse delas na súa cara.

Dende Somos Ribadumia amosamos todo o noso apoio ao estas reivindicacións, pois como dixo Sergio “a escola infantil de Ribadumia funciona moi ben gracias a profesionalidade das mulleres que traballan nela e ao apoio das nais e pais , pero tamén hai que decilo, funciona ben a pesar da falta de planificación deste goberno”. A escola infantil, que está entendido como un servizo de conciliación, é tamén un lugar de formación, onde os nenos e nenas están ata os 3 anos. Ao señor Castro pedímoslle que deixe de mirar á escola infantil como un aparcadoiro de nenos , e asuma que ten que facer melloras no servizo, dotar recursos, e dar condicións de traballo dignas ás profesionais. Non esquecemos que na RPT aprobada nese mesmo Pleno as traballadoras, melloran a súa situación pero unicamente en canto ao seu recoñecemento na estrutura laboral do Concello, pero quedan lonxe de ter salarios e condicións dignas, e iso é inaceptable.
