Inseguridade no centro de Barrantes polas chapuzas do Concello e Deputación.

·   A Deputación deixa a medio  pintar un tramo reasfaltado no centro de Barrantes.

·   Pasos de peóns onde non corresponden e onde ademais son un perigo, outros sen pintar, os semáforos apagados e un perigo constante para condutores e peóns.

·   O Concello fai unha chapuza na nunha esquina supostamente para mellorar a accesibilidade, e deixa todo peor do que estaba e incumprindo a lei.

   Hai cousas difíciles de explicar. A finais de abril a veciñanza encontrouse con que, de todos os tramos de vía que a Deputación ten no noso Concello, alguén, con nulo criterio técnico e moito afán electoralista, decidiu que había que reasfaltar parte do tramo da EP-9305 que transcorre polo centro de Barrantes, un tramo que non presentaba un deterioro que xustificase tal actuación, cando menos non máis que o resto desa mesma estrada que cruza Ribadumia de maneira lonxitudinal.

  O asunto, tal como explica o noso Concelleiro Sergio Soutelo, “e que unha vez asfaltado, unicamente se pintaron os pasos de peóns, o resto da vía quedou sen pintar, non sabemos o motivo,  e os operarios xa non volveron. E ademais o Concello apagou os semáforos, de tal xeito que esta actuación en vez de mellorar a seguridade e a comodidade na circulación, creou un problema de seguridade que non fai máis que dar sustos e complicar a circulación”.

  E o problema non é so que a vía quedara sen pintar, supoñemos que temporalmente., e que o que se pintou, que foron os pasos de peóns, pintouse mal. En pleno centro, na saída en dirección Ribadumia da confluencia da Avenida  Rosalía de Castro con Bouza  Martín – para que nos entenda a veciñanza, ao carón do bar Che – “deixouse sen pintar un paso de peóns, que resulta imprescindible pola zona na que está pois é paso natural e habitual para cruzar nesa zona, con ducias de nenos e nenas que a diario fan o camiño de ida ou volta do colexio e da escola infantil, así como moitas persoas que se moven a pe entre os negocios e servizos dun lado a outro, un paso de peóns que ademais debería estar regulado por un semáforo que está apagado”.

 Polo tanto, un dos pasos  de peóns máis necesarios, senón o que máis, quedou sen pintar. E por se fora pouco, alguén tivo a ocorrencia de sacarse da manga un paso de peóns de nova creación, sen reparar no lugar onde se estaba pintando. Resultado: “un paso de peóns nun lugar moi perigoso, na parte cega da intersección entre Bouza Martín e Valle Inclán –  enfronte á nova ubicación de Tindaya -,  coincidente cun grupo de semáforos que regula o paso a coches, pero que non contempla nin regula o paso de peóns. Mentres os semáforos estean apagados xa resulta perigoso  por que os coches que acceden dende a rúa Valle Inclán non teñen visibilidade, como están demostrando os numerosos sustos que levamos nestes días,  pero no momento no que se poñan en marcha os semáforos desa zona vai ser peor porque non hai regulación de paso para os viandantes, e os semáforos dan paso a coches en todo momento, ben dun lado ben do outro.”

Resumindo, un erro moi grave. Pero o erro non é o máis salientable, “mover un paso de peóns vinte metros e sacalo dun semáforo regulado para colocalo nun semáforo que non regula o paso de peóns, non é habitual, nin normal, nin facilmente explicable,   pero pode pasar. O que é totalmente inaceptable é que dúas semanas despois o goberno local, cuxos membros pasan por ese tramo de vía varias veces no día, non se ocuparon de que se resolvera o erro nin de que se rematara o pintado da vía. Un exercicio de desidia marca da casa dos señores Castro, Alcalde e Concelleiro de Urbanismo,  que nos parece unha vergoña lamentable”.

 A chapuza do outro paso de peóns.

 Pero resulta que o goberno local é reincidente nesta maneira de actuar, ademais en pouco tempo e no mesmo espazo físico. Porque , por se fora pouco, “na única actuación que se fixo dende o goberno local na serie de obras que se produciron estas semanas nas vías EP-9305 no tramo que atravesa o centro de Barrantes, e  na EP-9402 que baixa dende Cobas ata morrer na anterior, temos outro exemplo de desidia, de ignorancia da legalidade vixente e de chapuza”. E o protagonista é outro paso de peóns, en concreto o que se encontra xusto ao final da estrada que baixa dende Cobas. O goberno local, con David Castro á cabeza, foto incluída, anunciou fai unhas semanas que aproveitando as obras na EP- 9402 se ía facer unha pequena obra de mellora da seguridade viaria no seu tramo final. Tal obra ía consistir en levantar a beirarrúa existente para modificala e facer o tramo supostamente máis accesible. Pero todo resultou un conto con resultado de chapuza e ilegalidade. A obra feita apenas modificou o que había en nada, pasou de estar con plaquetas a estar feita de formigón, e uns rebaixes moi pequenos nun extremo como único cambio perceptible. O máis grave non é o estrago de cartos feito para deixar todo máis ou menos como estaba, o máis grave é que o goberno non deixou sinalizado no chan, tal como recolle a lexislación en cuestión de accesibilidade nos espazos públicos é que establece a obrigatoriedade de usar “pavimento tactil indicador para orientar, guiar e advertir ás persoas con discapacidade visual”. Neste caso o máis común acostuma a ser a colocación de plaquetas con releves, ainda que hai outras opcións, como puntos metalicos inseridos no chan. De feito, ata que o señor lalcalde decidiu meter a pala, ese punto contaba con esa sinaléctica e de feito o paso de peóns era perfectametente accesible. Agora, non hai sinaléctica ningunha, e o espazo quedou totalmente afeado cun pegote de formigón no medio dun tramo de beirarruas que estaba en perfecto estado.

  Dende Somos Ribadumia, unha vez máis esiximos a David Castro que actúe, e que o faga con dilixencia, que corrixa a chapuza que fixo nese paso de peóns, e que presione á Deputación “amiga” para que deixe de rirse do goberno local e para que garanta a seguridade viaria na zona urbana con máis concentración e movemento de persoas e coches de todo o Concello.

Deixar un comentario