Carballeira de Ribadumia:abandonada dende a Festa do Pan e con máis carballos enfermos.
· O escenario, as vallas e mesmo o cartel de peche da estrada continúan na Carballeira máis de cinco semanas despois da Festa do Pan.

· O recinto presenta lixo e restos espallados sen que o Concello realizase unha limpeza adecuada.
· Detectamos outro carballo con signos visibles de enfermidade ou deterioración.
· Esiximos unha inspección técnica urxente e un plan de conservación que evite que a Carballeira siga perdendo árbores.
Dende Somos Ribadumia queremos denunciar novamente o abandono ao que o goberno de David Castro ten sometida a Carballeira de Ribadumia.
A Festa do Pan celebrouse o pasado 8 de agosto e, máis de cinco semanas despois, o Concello aínda non foi capaz de devolver este espazo público á normalidade. O escenario continúa montado, e para o caso de que fóra utilizado para algunha outra actividade fai xa dúas semanas que na Carballeira non hai actividade municipal, nin da escola de verán nin de outro tipo. Ademais, permanecen no lugar varias vallas municipais e mesmo segue colocado o cartel que anuncia o peche da estrada pola celebración da festa.
Ao redor dos bancos e en todo o espazo do recinto poden verse tamén papeis, envases e distintos restos de lixo acumulado. O estado actual da Carballeira evidencia unha falta absoluta de seguimento, limpeza e mantemento despois dos eventos organizados polo propio Concello.
Non estamos falando dun espazo secundario. A Carballeira é un dos lugares máis emblemáticos de Ribadumia, forma parte do noso patrimonio natural e cultural e debería recibir un coidado permanente. Porén, o goberno municipal utilízaa para celebrar actos e facer fotografías, pero despois abandónaa durante semanas.

Outro carballo con sinais de deterioro.
. A falta de limpeza e a imaxe xeral de abandono non é, con todo, o máis preocupante. Durante a nosa visita detectamos outro carballo afectado pola mesma enfermidade que xa levou por diante unha ducia de arboresnos últimos anos.
Mesmo mal, e mesma solución do goberno local: non facer nada. Por iso esiximos que este exemplar sexa inspeccionado inmediatamente por persoal técnico cualificado, que se determine o seu estado fitosanitario e estrutural e que se adopten as medidas necesarias para intentar conservalo, garantir a seguridade das persoas usuaria e establecer un plan de prevención que elimine esta praga que sen presa pero tamén sen oposición está rematando con este emblemático espazo
A realidade é que este novo caso non pode analizarse como un feito illado. En novembro de 2024 xa denunciamos que a Carballeira perdera máis do 20 % da súa masa arbórea en cinco anos. Naquel momento advertimos da existencia de árbores enfermas, da falta de tratamentos preventivos, da ausencia de reposición dos exemplares eliminados e dunha xestión baseada case exclusivamente en cortar árbores cando o seu estado xa era irreversible. E un ano antes denunciamos que preto dunha ducia de árbores foran barrios pola Praga que segue afectando á carballeira sen que tres anos despois o goberna fixera nada máis que cortar árbores.

Tamén propuxemos crear unha mesa de traballo, coa participación de persoal técnico, para elaborar unha estratexia de conservación e posta en valor da Carballeira e doutros espazos naturais do municipio. David Castro rexeitou aquela proposta e, case dous anos despois, as consecuencias están á vista: continúan aparecendo carballos con problemas e segue sen existir un plan público de conservación.
Limpar avaliar e actuar
Dende Somos Ribadumia esiximos ao alcalde que no último Pleno presumía doarabillosa carballeira de Ribadumia que se deixe de descursos e actue: proceda ao ordear a retirada inmediata do escenario, das vallas, e do resto do material empregado na Festa do Pan, unha limpeza integral da Carballeira e o establecemento dun protocolo de revisión posterior a cada evento. Tamén que decrete a inspección urxente do carballo que presenta signos de deterioro e a avaliación fitosanitaria e estrutural do conxunto da masa arbórea, e seguido disto a elaboración dun plan técnico de tratamento, conservación e reposición dos exemplares, con actuacións programadas e continuidade no tempo.
Por último esiximos Información pública sobre o estado real da masa arbórea, sobre as revisións e actuacións realizadas na Carballeira desde a nosa denuncia de novembro de 2024.
Non podemos permitir que a Carballeira siga perdendo árbores mentres o goberno municipal se limita a negar o problema ou a actuar cando xa só queda utilizar a motoserra.
David Castro debe entender que coidar este espazo non consiste en limpalo para unha festa, utilizalo como escenario durante unhas horas e esquecerse del ao día seguinte. A Carballeira necesita mantemento, planificación e unha intervención técnica seria durante todo o ano.
Dende Somos Ribadumia seguiremos fiscalizando a súa conservación e propoñendo solucións, porque a Carballeira non pertence ao goberno de quenda: é patrimonio de toda a veciñanza de Ribadumia e temos a obriga de preservala para as xeracións futuras.

