Obras do campo da Bouza: retrasos, falta de seguridade e 700.000€ en risco por mala xestión.

·       As obras do campo de A Bouza acumulan meses de retraso .

·       Outro curso coas instalacións do colexio empantanadas e con riscos para os nenos e nenas.

·       Promesas incumpridas , incómodos para usuarios do colexio e do campo, e risco de perda de subvencións e de que se anule a licitación da obra.

·       Que vai pasar co parque infantil?

 Dende Somos Ribadumia queremos por de manifesto a nosa incredulidade ante o retraso continuado e inxustificado das obras que se están realizando na contorna do Colexio, que afectan as instalacións do campo de A Bouza e a explanada entre o campo e o colexio, creando problemas de acceso e seguridade ao propio colexio e ás instalacións como o pavillón, o ximnasio e o local onde se realizan as actividades de conciliación e o propio campo de fútbol.

  O propio alcalde comprometeu cando lle vendeu a obra ao colectivo do colexio que a actuación  estaría rematada neste verán, e en todo caso antes de iniciarse este curso 26/27. A realidade, unha vez máis, está no lugar oposto ao que prometeu  o alcalde. A obra acumula meses de retraso e todo apunta a que o goberno quere teña rematada antes das eleccións. Unha xestión partidista que debemos criticar. Os recursos públicos deben estar ao servizo da cidadanía, non das campañas políticas do señor Castro.

  Ademais hai un evidente descontrol da xestión da obra. Descontrol ou abandono. Semanas enteiras parada, logo avances a ritmo lento,  sen apenas persoal na obra… todo síntomas de que a empresa non ten apuro ningún e de que ninguén  lle esixe.

 Pero en todo caso, o que máis nos preocupa son as consecuencias. O máis afectado é o colexio, que está sen acceso ao campo, e con accesos complicados aos edificios anexos, ao pavillón a través dunha pasarela con acceso dende a vía pública, co conseguinte risco para os nenos e benas e ao ximnasio e local onde está o comedor e os servizos de conciliación a través da propia obra e dun aparcadoiro público. Ao tempo, o campo de A Bouza vai tirando cunha instalación  precaria. 

Por outra banda está a cuestión económica. A obra ten un prezo que supera o Millón de euros, dos cales 700.000 € veñen aportados pola Deputación. Pero danse dúas circunstancias. A primeira que a licitación esta dentro do proceso xudicial pola convocatoria irregular do Pleno onde foi aprobada, polo que podería quedar anulada. Recordamos que tanto as sala do Contencioso como o TSXG nos deron a razón anulando ese Pleno e todos os acordos tomados nel, e que o goberno insistiu nun recurso de casación pendente de resolver, cando o máis efectivo e barato tería sido asumir as sentenza e axilizar o proceso para non xerar esta situación, cunha obra avanzada que ao mellor hai que paralizar. Por que podería darse a situación de que o goberno de vise obrigado a repetir o proceso de licitación, algo que resultaría nun proceso moi complexo pois parte da obra xa está realizada. Ademais poden perderse os fondos da Deputación, atados a uns prazos de execución e cousas tan básicas  como un proxecto correctamente licitado. Dende Somos Ribadumia debemos amosar a nosa preocupación ante as posibilidades de que esa obra sexa a tumba económica do noso Concello.

Que vai pasar co parque infantil e o campo?

  Unha última cuestión sobre as que o goberno mantén o escurantismo e as condicións de uso das instalacións unha vez rematada a obra. Esiximos que se aclare se o campo de fútbol vai quedar para uso exclusivo do Umia , e se o parque infantil que hai nesa zona, e que tiña moito uso pola súa cercanía ao campo e ao pavillón onde se realizan actividades polas tardes e por ser a única instalación adaptada a nenos de catro a seis anos. As nais e pais levan trasladando  estas preocupacións dende antes do inicio da obra, e cando non reciben silencio reciben respostas difusas ou mesmo falsas. Iso ten que rematar. Pos iso esiximos explicacións.

Deixar un comentario