Pedimos que se aclare se unha persoa allea ao Concello substituíu unha traballadora no Tanatorio Municipal.

  • Segundo a información recibida, a traballadora que debía prestar servizo o 22 de agosto non se tería presentado e outra persoa tería ocupado o seu posto.
  • A persoa que presuntamente realizou esa substitución sería, segundo a información trasladada a Somos Ribadumia, a nai da traballadora asignada á quenda.
  • Solicitamos cuadrantes, rexistros de presenza e toda a documentación necesaria para comprobar oficialmente quen prestou servizo ese día e quen autorizou, no seu caso, a substitución.
  • O escrito reclama tamén unha solución definitiva aos problemas reiterados de climatización e ás deficiencias que están afectando ao funcionamento do Tanatorio Municipal.

Somos Ribadumia vén de presentar un escrito no Concello para que se aclare de maneira inmediata unha situación que, de confirmarse, consideramos especialmente grave. Segundo a información que nos foi trasladada, a persoa que o pasado 22 de agosto de 2026 tiña asignada a prestación do servizo no Tanatorio Municipal non se tería presentado ao seu posto de traballo e tería sido substituída durante esa quenda por outra persoa allea ao persoal municipal.

Segundo a mesma información, esa persoa sería a nai da traballadora inicialmente asignada. Dende Somos Ribadumia queremos actuar con responsabilidade e a pesar da evidencia contrastada – houbo actividade no tanatorio e moita veciñanza corrobora a situación – parécenos algo tan absurdo que confiamos en que todo fora un erro moi grande de interpretación e de actuación. Precisamente por iso pedimos ao Concello que comprobe oficialmente quen debía estar traballando, quen estivo realmente nas instalacións e que relación laboral ou habilitación tiña esa persoa para asumir funcións nun servizo de titularidade e xestión municipal.

O noso concelleiro Sergio Soutelo resume a posición do partido: “Non queremos facer unha acusación sen comprobar os feitos. Por iso pedimos os cuadrantes e os rexistros. Pero se se confirma que unha persoa allea ao Concello estivo prestando servizo no Tanatorio, alguén terá que explicar como foi posible, quen o autorizou e quen era responsable de evitalo”.

Queremos saber quen estaba alí e quen o autorizou.

No escrito rexistrado solicitamos a identificación da persoa que figuraba asignada á quenda do 22 de agosto, o horario que debía realizar, a identidade da persoa que efectivamente prestou o servizo, o título ou relación laboral que a habilitaba para facelo, quen autorizou no seu caso a substitución e cal é o procedemento municipal previsto para cubrir ausencias. Tamén pedimos os cuadrantes dos meses de xullo, agosto e setembro, os partes de presenza, fichaxes, rexistros de acceso e as comunicacións ou partes de incidencias relacionados con esa xornada.

   Para Somos Ribadumia a cuestión de fondo vai máis alá dunha ausencia puntual. O Tanatorio é unha instalación municipal e o Concello debe poder acreditar en todo momento quen presta servizo nela. Se unha persoa allea ao persoal autorizado puido asumir funcións sen un procedemento formal, sería necesario revisar de inmediato os mecanismos de control e determinar as responsabilidades que correspondan. Non se trata de sinalar a persoas particulares, senón de saber se o sistema municipal de organización e supervisión funcionou como debía.

Problemas de climatización que tamén esixen unha solución.

A esta situación súmanse as numerosas queixas que vimos recibindo de persoas usuarias polos problemas de climatización do Tanatorio Municipal. Segundo a información trasladada por diferentes particulares, as deficiencias serían reiteradas e estarían afectando ás condicións de temperatura e confort das instalacións. Ademais, téñennos comunicado que a sala 1 non está funcionando con normalidade e que esa circunstancia estaría tamén relacionada coa climatización.

   Por este motivo solicitamos información sobre todas as incidencias, avarías e actuacións realizadas dende xaneiro de 2025, así como os contratos ou servizos de mantemento, informes técnicos, revisións, reparacións e facturas. Pedimos igualmente que os servizos técnicos municipais inspeccionen o sistema, determinen se os equipos son suficientes para as características do edificio e que se proceda á súa reparación, ampliación ou substitución se fose necesario.

   Dende Somos Ribadumia queremos que este asunto se resolva con feitos e documentación. Se a información sobre o 22 de agosto non é correcta, o Concello pode aclaralo facilmente cos cuadrantes e rexistros correspondentes. Se é correcta, terá que explicar como se produciu e adoptar medidas para que non volva suceder. E se a climatización leva tempo dando problemas, o que corresponde é diagnosticalos e solucionalos. Un servizo municipal tan sensible como o Tanatorio require organización, control, mantemento e unha atención profesional á altura do que merece a veciñanza de Ribadumia.

Deixar un comentario