A obra do atranco de Cabanelas, sen permisos municipais.

- Un informe municipal certifica que a obra de está facendo sen autorización municipal.
- David Castro sendo coñecedor, non ordena a súa paralización.
- Unha vez máis, trato de favor a entidades amigas.
No seu momento xa expuxemos a nosa oposición frontal á construción da represa de Cabanelas. Esa obra, iniciada este verán, xa provocou a anulación da zona de baño de Cabanelas por mor da terra, problemas ás empresas turísticas que operan no río Umia – que teñen que abandonar o río antes do atranco nun lugar pouco accesible e acortando as rutas – e mesmo pode comprobarse como nin sequera os peixes poden remontar e fican atrancados en Cabanelas.
Pois, por se fóra pouco o dano que se está facendo ao río e á súa contorna, vimos de ter coñecemento de que a obra en cuestión non conta con permisos municipais. Tal como explica Sergio Soutelo “xa non é que non teña permisos, é que nin se molestaron en solicitalos ou en comunicar o inicio da obra”.
Para nós o máis grave non é que unha obra, máis unha desas características, se faga sen os pertinentes permisos municipais, o máis grave é que David Castro, tendo sobrado coñecemento da obra e da situación da mesma, ata o punto de que el mesmo asina un oficio onde confirma esta situación, non dera a orde de paralización que legalmente está obrigado a dar.

Cómpre recordar que David Castro chegou a declarar que a represa non se podía autorizar pola súa incompatibilidade co PXOM , asegurando ademais que como alcalde se oporía a esa obra. Non foi así: nin presentou alegacións ao proxecto nin moveu un dedo. Agora, coa obra en marcha prexudicando á veciñanza, segue mirando para outro lado ata o punto de permitir que a obra se realice sen os pertientens permisos municipais.
Mesma situación que aconteceu cunha nave próxima ao polígono da Grenla, que segue operativa a pesar da súa manifesta ilegalidade co silencio cómplice de David Castro, que non dubida en esixir a calquera veciño mil e un papeis e pago de taxas para mover un poste, pero logo permite que empresas e persoas amigas actúen con total impunidade.
Sergio Soutelo xa presentou un escrito no Concello requirindo ao señor Castro para que actúe tal como corresponde ao seu cargo e paralice a obra cando menos ata que conte cos permisos necesarios, solicitando ademais informes técnicos que amparen esa represa dentro do noso PXOM, e estamos analizando posibles accións legais, dado que é inaceptable que un alcalde evite cumprir coas súas obrigas ou que favoreza dende o seu cargo a unhas determinadas entidades ou persoas.

