David Castro usa a título persoal e sen autorización imaxes e vídeos con menores.

  • Leva semanas facendo campaña nas súas redes persoais a conta dos nenos da escola de verán.
  • Vídeos gravados en exclusiva para o uso persoal do alcalde por persoal non municipal, pero con material pagado pola veciñanza.
  • Sen autorización e sen seguridade de custodia  do material gráfico recollido. Quen garda esas fotos e vídeos?
  • Esiximos a retirada inmediata dos vídeos e imaxes con menores  das redes persoais do señor Castro, a eliminación de todo o material gráfico e explicacións  públicas.

  Fai días puxemos de manifesto a excesiva exposición pública á que estaban sometidos  os nenos e nenas da escola de verán, co abuso de publicacións nas redes do Concello.  Unha situación que dende o noso punto de vista e o de moitas nais e pais excede o autorizado no seu momento.

  Agora vimos de comprobar que ademais desta situación, hai outra moito máis grave e totalmente inaceptable: David Castro grava e difunde vídeos e fotos realizados cos nenos da escola de verán en publicacións  nas súas redes persoais.

Isto é moi grave e debe aclararse. Non falamos de que comparta as publicacións do Concello con algún comentario propio. Falamos de gravacións e fotos feitas de xeito separado para  fins persoais do señor Castro, realizadas por persoal que ata onde nos sabemos non é o persoal de prensa do Concello nin outro persoal municipal, e que son usadas para a campaña persoal do alcalde, nunhas publicacións tan vergoñentas como populistas.

   De partida, tal como explica o noso Concelleiro Sergio Soutelo, “o señor Castro non ten autorización por moi alcalde que sexa para realizar este tipo de vídeos e fotos. As nais e pais deron autorización para gravar de xeito específico ao  Concello para uso específico do Concello, non a un terceiro, sexa o alcalde, sexa calquera concelleiro ou concelleira ou sexa outra persoa”.  A legalidade con estas cuestións é moi estrita.

  Pero a pesar das limitacións legais e morais, o señor Castro dedicase a gravar vídeos, a facerse fotos e posteriormente a usar esas fotos para beneficio persoal a través das súas redes ademais expoñendo aos nenos e nenas sen ningún tipo de rubor ou coidado por evitar que se identifiquen.

   E xa non é só a falta de autorización das nais e pais. Ademais hai unha cuestión igual de grave: quen custodia ese material? Co teléfono ou cos teléfonos de quen se está gravando? Onde se está almacenando? Con quen se comparte ese material? Quen ten acceso ás gravacións e fotos que non se publican? “Resulta incrible que as ansias electoralistas  dun alcalde provoquen unha situación deste tipo, tanto  polas consideracións éticas ou morais como polas legais. Tanto o alcalde como as persoas que participan facendo as fotos e gravando a menores sen estar autorizadas e sen dar un tratamento correcto ao material recollido  expóñense a repercusións legais”.

Campaña persoal, pero a ferramenta pagada polo Concello.

E por se fora pouco, o alcalde nin sequera usa material  propio para gravar estes vídeos. Segundo consta no rexistro o alcalde mercou no pasado mes de abril material de apoio, un estabilizador de cámara específico para móbiles e un micrófono. Este material e outro comprouse de xeito específico para “Alcaldía”, e así figura, como tamén figura que se comprou en Amazon, nin sequera nun negocio local . Dende  Somos Ribadumia non saimos do noso asombro. “Un alcalde cunha liberación parcial de máis de 1.500€ debería poder pagarse as súas cousas persoais,  e para o caso  o señor milita nun partido con recursos abondo. O PP percibe do Concello  case 3.000 € ao ano para gastos de partido”.  En todo caso é de todo inaceptable que un alcalde se compre con cargo as arcas públicas material  que non sexa necesario para a súa función, e moito menos que ese material se use para fins particulares e moitísimo menos para fins partidistas e para facer campaña política.

Dende Somos Ribadumia esiximos que se maneira inmediata se retiren esas publicacións das redes sociais do señor Castro, se eliminen todas as fotos e grabacións e se certifique que así se fixo, que o material de  apoio mercado con fondos públicos se deposite no Concello para uso do departamento de prensa  e por suposto que se dean explicacións públicas e se asuman responsabilidades políticas.

Deixar un comentario