O convenio coa piscina da pousada aclara as responsabilidades Concello.
- Un convenio sen rexistro electrónico, sen data de sinatura e sen seguridade xurídica.
- Todos os custes da posta a punto, uso e mantemento a cargo do Concello.
- O goberno oculta as analíticas da auga e a causas de que a piscina pechara logo dun día de uso, así como os custes de poñer as piscina a punto e das posibles reparacións.
David Castro sempre logra superarse. Logo de ocultar durante semanas o convenio coa Pousada para o uso da piscina desta, o martes fíxolle chegar ao noso Concelleiro , Sergio Soutelo , unha suposta copia desde convenio e un oficio que supostamente pretende dar resposta aos requirimentos do noso Concelleiro pero unicamente xera máis dúbidas.

Comezando polo suposto convenio, debemos dicir suposto porque falamos dun escrito sen sinatura dixital e sen código de verificación que permita comprobar a autenticidade do documento e cando foi asinado. De feito , o propio convenio non contén ningunha data de sinatura. “Este convenio puido ser asinado onte á mañá antes de pasarme unha copia, ou incluso dende a súa sinatura puidéronse cambiar partes do texto sen que o poidamos corroborar. O alcalde pretende colarnos unha folla de verdura como documento formal, non sei se é unha tomadura de pelo ou unha completa irresponsabilidade”. A cuestión é moi grave. David Castro non é un particular, é un alcalde, e os documentos formais que asine deben ter código de verificación (csv) e sinatura dixital. Tendo en conta as características do que se nos pasa – unha foto dun escrito escaneada – debemos considerar en tanto non se demostre o contrario que foi feito a todo correr despois de que xeráramos presión mediática e do problema da semana pasada que afectou aos nenos e nenas e obrigou a pechar a piscina ao día seguinte de abrila.
Dando por válido o documento, o que conten na práctica é un completo descargo de responsabilidade da empresa hosteleira. O Concello queda obrigado a asumir os custes de poñer en marcha a piscina que levaba anos pechada e valeira, incluídas posibles reparacións, tiveran a gravidade que tiveran e o custe que tiveran. Ademais debe asumir todos os custes de mantemento, todas as responsabilidades legais e de xestión e control dos parámetros da auga e todos os custes , seguros incluídos. A cambio disto a piscina quedou a disposición do Concello de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas, dende o 1 de xullo ata o 15 de setembro.

“ Así pois, o Concello tiña dispoñibilidade da piscina dende o 1 de xullo pero non foi quen de darlle uso ata o 28 de xullo. De partida, un mes perdido. Despois abriu pero unicamente para a escola de verán e dous días á semana. Ou sexa tres días de uso perdidos. Porque non se puxo en marcha o 1 de xullo? Porque non se ofreceu o servicio aos campus de veran organizados polos clubs?
O Convenio aclara moito, en concreto permítenos saber que á Pousada o negocio sáelle redondo porque o Concello foi quen pagou a reparacións e posta ao punto da piscina logo de anos pechada e valeira e ademais quedandolle para o seu uso todas as tardes, na fin de semana e unha vez pasado o 15 de setembro. Ademais resulta que como obviamente resulta difícil diferenciar os custes eléctricos e de auga do conxunto da instalación na práctica é posible que o Concello remate por pagar as factorías da luz e auga da Pousada, así que para o cadea hostaleira nin tan mal. E non é que teñamos as priori nada en contra, pero como dixemos a cuestión está en como xestiona todo isto e no custe, un custe que o goberno local oculta intencionadamente, como oculta outras cousas. De partida no oficio asinado polo señor Castro asegúrase que o seguro do Concello cubre esa instalación, pero non aportou a póliza, a pesar de o noso Concelleiro pediu copia de toda a documentación. Si temos a póliza que cubre as instalacións municipais, que se nos aportou para un pleno anterior, pero esa poliza que en xaneiro estaba sen pagar, entre as instalacións que cubre non figura a pousada. Polo tanto, non temos garantías de que o seguro cubra esa instalación.
Tamén oculta o señor Castro as analíticas da auga da piscina. O argumento é que as ten a empresa que as realizou, pero isto resulta inaceptable. Xa non é que deberan estar no Concello , e que tiñan que estar na propia instalación a disposición de usuarios e neste caso dos pais e nais, e cando o martes pasado a instalación abriu non estaban.
Toda esta situación resulta nun completo despropósito, aumentado exponencialmente pola situación vivida a semanas pasada, cando un posible exceso de cloro provocou que moitos nenos e nenas subirán irritacións, algunha segundo nos informaron con visita ao médico. David Castro non ofrece explicacións de nada, pero a piscina volveu pechar logo desta primeira xornada, e permaneceu pechada ata hoxe, veremos con que resultado.
Resulta completamente irresponsable asumir sen limites os custes de poñer en marcha esa piscina sen antes elaborar un informe de situación é unha valoración de custes. Resulta totalmente irresponsable poñer en marcha a piscina sen ter todas as garantías sanitarias e legais e resulta totalmente irresponsable abrir unha piscina sen informar a nais e pais e pechala un día despois logo dun episodio que puido rematar con todos os nenos e nenas no hospital sen tampouco dar ningún tipo de explicación.
Esiximos unha comparecencia pública de David Castro para aclarar esta situación, e que se entregue a documentación requirida. E esiximos responsabilidades políticas.

