Sofía Núñez, concelleira e apoderada dunha das empresas locais que máis factura ao Concello de Ribadumia.
- Oubiña demostrou con documentación formal que Sofia Núñez incumpre a lei de incompatibilidades para os cargos públicos e a LOREG.
- Sofía Núñez falseou a súa declaración de bens ao inicio da lexislatura, ocultando que dende 2018 é apoderada dunha empresa de servizos de maquinaria que traballa para o concello.
- Un caso que podería considerarse de prevaricación e ter consecuencias legais.
O pleno deste pasado xoves, o último ordinario da lexislatura, rematou con David Castro pedindo a hora. Varias foron as cuestións que o noso voceiro puxo de relevancia e que resultan da máxima gravidade.
Neste comunicado poñemos o foco na última, que resulta quizais a máis grave, pois implica directamente á unha das concelleiras do equipo de David Castro, Sofía Núñez.
Durante o punto de rogos e preguntas David Castro confirmou que a empresa AGRONUMA realiza traballos de mecánica de diversa maquinaría agrícola para o Concello. Ademais, tal como explica Oubiña, “esa empresa está entre as primeiras empresas locais en facturación, unha facturación que agora haberá que mirar con lupa”.
Que unha empresa local facture servizos ao Concello non ten nada de negativo, salvo que como neste caso a empresa sexa dunha concelleira. Oubiña demostrou documentalmente dúas cousas, que Sofia Núñez é a apoderada da empresa referida, onde un dos seus irmáns figura como administrador, e que falseou a declaración de bens e intereses que é obrigatorio cubrir antes de acceder ao cargo de concelleira.
“A lei de incompatibilidades e a LOREG son claras. Un concelleiro ou unha concelleira non poder ter cargos de responsabilidade nin moito menos ser administradoras ou apoderadas de empresas que manteñan relación directa co Concello. Sofia tiña tres posibilidades en xuño de 2019: non recoller a acta de concelleira, desvincularse da empresa antes de coller a acta de concelleira ou que a empresa renunciase a prestar servizos ao Concello. Pois fixo todo ao revés, ocultou a súa situación na declaración de bens, continuou durante catro anos como apoderada desa empresa e esa empresa seguiu traballando para o Concello e facturando”.
Ante esta evidencia, Oubiña advertiulles da ilegalidade manifesta a David Castro e a Sofía Núñez e pediulle a dimisión inmediata a concelleira ante a gravidade do asunto.
Pola nosa banda, non podemos permitir é que haxa dubidas sobre o uso dos cartos públicos nin moito menos que se favoreza a unha empresa e por extensión neste caso a unha concelleira e a súa familia, dende o goberno local. Neste aspecto estamos analizando as medidas que debemos tomar, pero parécenos inaceptable de David Castro manteña no cargo e na súa lista electoral para as próximas eleccións a persoas que se están enriquecendo a conta do Concello.
Unha familia e un grupo pouco exemplar.
Dáse a circunstancia de que o administrador da empresa referida, irmán da concelleira, foi o que atacou xunto a outro individuo a Enrique Oubiña diante da súa casa en xuño de 2021, un comportamento que David Castro presenciou primeiro, e xustificou despois. Non esquezamos que ese episodio levou á oposición a unirse e forzar un pleno onde David Castro volveu xustificar o uso da violencia, e en concreto o uso da violencia contra os cargos públicos, e onde foi reprobado por toda a oposición, el e o seu equipo de goberno. No pleno do xoves volveuse reafirmar nesa cuestión, acusando a Oubiña de crear crispación, cinco minutos antes de que unha persoa do seu entorno político e persoal máis próximo montara unha tangana contra outra persoa do equipo de Somos Ribadumia, con amezas e insultos, en pleno salón de plenos e ante a súa impasividade.
“Xa poucas caretas poden quedar. Neste último pleno ficou claro que as persoas que acompañan a David Castro, usan o Concello para gañar cartos, e usan a violencia para xustificarse. Esta xente non pode gobernar Ribadumia”.
Sobre a peineta de Sofia Núñez
“ Estivemos agardando a ver se Sofía tiña a ben desculparse, ou se asumía as súas responsabilidades, pero resultou que non, nin asume o erro, nin dimite, nin David Castro toma medidas”. Enrique Oubiña non quixo que dende Somos Ribadumia expresaramos unha posición ata ver como se desenvolvía a mañá do venres e parte da tarde, logo de que a peineta de Sofía Núñez, realizada e emitida na canle de youtube do Concello xusto antes de celebrarse o pleno no que o noso voceiro poría de manifesto que é apoderada de pleno dereito da segunda empresa local en facturación ao Concello, mais os feitos acaecidos non nos deixan máis opción que decir algo.
Esa peineta dirixida á camara que grava os plenos, ou sexa á veciñanza de Ribadumia, realizada nos momentos previos do inicio dun pleno no Salón de Plenos Municipal dentro da Casa do Concello é outro exemplo do nivel político desa concelleira. Pola nosa banda o problema non está en si se emitiu ou non, o problema é o feito.
Que a concelleira que figura como apoderada dunha empresa que factura miles de euros ao ano ao concello, ou sexa a toda a veciñanza, teña esas actitudes chulescas e de desprezo cara todo o mundo no concello, onde non é unha máis, é totalmente inaceptable. Que desta hora non se teña desculpado publicamente e presentada a súa dimisión, resulta indignante.
Outro tanto David Castro, que no canto de actuar como alcalde ante a situación e os actos desa concelleira, protéxea e busca culpables fora. “A traballadora que puxo a cámara a gravar non ten responsabilidade de nada como non a ten o concelleiro que o xoves fixo pública a situación de ilegalidade manifesta na que se encontra esa concelleira. A responsabilidade tena quen fixo a peineta e quen pasa facturas cada mes ao concello, non sabemos se correctas ou algo emulsionadas, e quen sabendo que isto estaba pasando, por que David Castro era coñecedor da situación, mira para outro lado”.
Para Somos Riadumia, quen protexe a unha persoa que actua fora da lei, é cómplice. Quen protexe a unha persoa que se ríe da veciñanza da súa cara, estase rindo tamén.
David Castro debe dar exemplo e cesar de xeito inmediato a Sofía Núñez. Ou dimitir el mesmo se é incapaz de xestionar o seu equipo.