Propoñemos un plan integral da xestión do lixo, e un punto limpo que funcione como debe funcionar.

- O problema do punto limpo non é o seu tamaño, é a mala xestión de David Castro.
- 330.000€ para cambiar os contedores de sitio, pois na práctica non aumenta o espazo de almacenaxe, só o de manobra para os camións.
- Os nosos compromisos: ampliar o horario do punto limpo en cando menos dúas tardes pola semana, unha correcta xestión do mesmo (como a que acadamos na lexislatura pasada) e un plan de xestión de residuos para mellorar a recollida selectiva e impulsar a compostaxe co obxectivo de conxelar e despois poder ofrecer rebaixas na tarifa do lixo.
David Castro ven de anunciar en plena precampaña un investimento de máis de 300.000 € Para ampliar o punto limpo, dos cales 200.000 € vainos poñer o Concello fundindo a metade do plan Concellos deste 2023, e outros 130.000 a Xunta. Tal como explica Oubiña “non sei se estes serán os investimentos que o PP lle ofreceu a David a cambio da alcaldía, pero dende logo moi pobre me parece o pago se dous terzos da obra ten que saír da carteira do Concello, que nin do Concello son, pois a aportación faina a Deputación. En calquera caso eses cartos estaban moito mellor investidos nun camión novo de recollida de lixo, por exemplo, algo que si é necesario e mesmo urxente”.
Este é o segundo anuncio que fai, o primeiro foi de 70.000 € nunha partida que incluíu a todo correr no orzamento do 2022 logo de que apareceran unhas pancartas no propio punto limpo criticando o seu estado e pedindo a dimisión de David Castro. “Pasar de 70.000€ a 330.000€ debería estar xustificado dalgunha maneira, mais parece que aquí a clave é “canto máis gasto mellor”, como nos vellos tempos previos á crise do 2008, cando se facían aeroportos sen avións ou máis localmente barbaridades como o nudo de Curro”.
Dende o noso punto de vista, este investimento non era imprescindible nin sequera prioritario, e dende logo un investimento dese tamaño parécenos algo esaxerado para realizar unha dársena e unha rampa. O punto limpo recibiu unha actualización na lexislatura pasada, e conta con superficie suficiente para atender a veciñanza ribadumiense. Ademais, o proxecto presentado non aporta na práctica moito máis espazo de almacenaxe de materiais, so unha colocación distinta dos seis contedores que xa hai actualmente, e nin sequera prevé realizar un peche perimetral en condicións, que evite as continuas entradas a roubar que padece a instalación. En resumo, Un investimento suficiente para facer unha vivenda completa metido nun pouco formigón, e outras urxencias como a compra dun novo camión, sen atender.
Dende Somos Ribadumia temos moi claro que o problema do punto limpo é a xestión que se fai del. “De nada vai servir recolocar os contedores e facer rampas, se despois os contedores seguen como ata agora, sen recoller ata que a broza sae por enriba do tellado da caseta. O que hai que facer é mudar a xestión do servizo, manter o punto limpo en condicións, e abrilo máis días”.
As nosas propostas.
Dende Somos Ribadumia temos claro que a xestión dos residuos, que ten máis patas que o punto limpo, require dun plan de xestión integral do lixo. Os nosos compromisos para o caso de acceder ao goberno van nese sentido: de partida actualizar todo o servizo de recollida, comprar un novo camión, renovar os contedores, e poñer ao día o punto limpo, para o caso de que esa obra que lanzou David Castro non saia adiante, pois a día de hoxe, coa experiencia previa que temos, non podemos confiar en que nada do que David Castro anuncie se realice. Sexa co punto limpo actual ou con el reformado, o que si faremos será sacar a licitación o servizo de recollida e valeirado do mesmo, tal como estivo ata 2019, para non depender de recollidas puntuais. Tamén ampliaremos o horario de atención ao público un mínimo de dúas tardes máis ao longo da semana, mantendo por suposto a mañá dos sábados.
Por outra banda, compre mellorar e impulsar a recollida selectiva, e tamén a compostaxe, para adecuarnos as novas lexislacións medioambientais e para poder conxelar o custo da recollida e xestión, e mesmo reducilo a parámetros que eviten ter que subir o recibo, ou incluso que permitan co tempo unha redución. “A cousa é así, todo o que se recicla ten un valor, e o que se composta non vai á planta de SOGAMA e polo tanto non hai que pagar por queimalo. O camiño entón pasa por vender o material de reciclaxe e reducir a través da compostaxe o número de toneladas que mandamos a SOGAMA. Se conseguimos isto, e coa correcta xestión pódese facer, poderemos encaixar os custes da xestión sen ter que enfrontar subas no recibo, e no medio prazo poderíamos lograr que a xestión do lixo fora rendible economicamente e polo tanto reducir o recibo. Pero iso require tempo e boa xestión. Tempo levamos perdido moito, e coa xestión actual isto que propoñemos non vai acontecer. Quen teña dúbidas, que se pase polo punto limpo, ou mire o estado no que están moitos dos contedores que temos polo concello adiante, os problemas coa recollida ou o estado lamentable do camión.”.