David Castro confirma a perda dos fondos Pirep. Adeus á posibilidade de acceder a 6 Millóns de euros.

  • Podendo solicitar ata 3M por cada unha das 2 liñas de axuda dese plan, solicitou 120.000€ a só unha delas, e nin así logrou os fondos.
  • Admitiu a renuncia á segunda liña por non saber para que pedir os fondos.
  • David Castro ocultou a perda das axudas e mentiu ao intentar xustificar os motivos polos cales non solicitou a segunda liña.
  • David Castro, o alcalde que non sabe en que investir medio millón de euros.

    David Castro sabía dende novembro que perdera o acceso á liña 1 dos fondos, pero non deu conta de nada, el que tanto lle gusta dar conta nos plenos doutros temas bastante menos importantes. Fixémolo público dende Somos Ribadumia, e aínda tardou unha semana en encontrar os papeis que segundo el demostran que si solicitou as axudas do Plan Pirep, un plan que permitía a rehabilitación de instalacións públicas e ao cal podían presentarse proxectos, por un valor de ata 3Millons de euros por cada proxecto. De feito concellos veciños como Sanxenxo presentaron e lograron proxectos por valor de máis de 3’5 Millóns de euros.

   Non constaba nos datos aos que tivemos acceso, pero David Castro declarou que unicamente se presentou a liña 1 dese plan, con un pírrico proxecto de 120.000 € para arranxar a praza de abastos. Para Oubiña “ ten que ser unha broma. Aparece unha liña de axudas para proxectos de envergadura, ata 3 Millóns de euros  con financiamentos de ata o 100% do custe da obra, e David Castro presenta unha proposta de só 120.000€, unha cantidade á que pode perfectamente facer fronte con fondos propios, ou a través do Plan Concellos da Deputación. E non contento con iso, declara que en Ribadumia non hai posibilidade de enfrontar investimentos de máis de medio millón de euros, nin moito menos de 3 Millóns. Este é o alcalde que temos”.

    Non contento con ir á prensa a poñer escusas, David Castro aínda tivo a cara dura de mentir no relativo aos condicionantes do proxecto. Tal como recolle a Orde TMA/178/2022, publicada no BOE o 11 de marzo de 2022, as condicións para acceder á liña 2 do Plan Pirep Local non era unicamente presentar proxectos de máis de 500.000€, algo que tampouco debería ser un problema. A condición era que se cumpriran 2 de 3 requisitos: superar o importe de 500.000€, que a superficie sobre a que se fora actuar superara os 1000 m2, ou que o custe da obra superase os 500€/m2. Para o caso, se David Castro nos tivera consultado, nós teriámoslle explicado gustosamente cantas e cales das instalacións municipais superan os 1.000 metros cadrados de superficie, de partida calquera dos pavillóns deportivos municipais, ou actuacións que se poderían levar a cabo con estes recursos. De feito, tendo en conta a situación de pavillóns como o de Barrantes, ou mesmo a necesidade de reforma da casa consistorial, por poñer dous exemplos, cumprir os requisitos non era un problema. “O problema foi a incapacidade de David Castro, que leva oito anos de alcalde e aínda non sabe cales son as problemáticas de Ribadumia, ata o punto de que aparece unha importante liña de axudas, de ata 3 millóns, e non sabe que facer, e só lle dá a cabeciña para pedir catro pesos para reformar a praza de abastos, logo de deixala abandonada catro anos”.

Máis aló do dito, dende Somos Ribadumia, consideramos que gastar cartos da Deputación na elaboración dun proxecto que por dimensión poden perfectamente elaboralo os técnicos municipais, é outro exemplo de como non se deben xestionar os fondos públicos, e do perdido que anda David Castro.

   A día de hoxe, David Castro foi incapaz de conseguir nin unha, soa de todas as liñas importantes de financiamento aparecidas ao longo da lexislatura, que permitirían realizar investimentos por varios millóns, e a única que logrou perdeuna posteriormente por mala xestión. Recapitulemos: plan Ágora: 600.000€, Plan ReacPon: 771.000€, Liña 1 do plan Pirep:  3M € (solicitou 120.000, e non os consigueu), liña 2 do plan Pirep: 3M €. En total, nós dixeramos que David perdera a posibilidade nesta lexislatura de realizar investimentos por valor de máis de 5 Millóns de euros, pero a realidade é que a cifra supera moi amplamente os 7 millóns de euros perdidos.

Ribadumia non pode permitirse seguir perdendo fondos e oportunidades desta maneira.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s