A gran noticia sobre a legalización do folla redonda é que non hai nin noticias, nin legalización.

- David Castro non cumpriu ningún dos compromisos adquiridos por el mesmo no 2018 ante a Consellería de Medio Rural, deixando morrer a cuestión, e o PP non ten moito interese na legalización.
- 5 anos despois de anunciar o inicio do proceso, resulta que está sen iniciar. David Castro enganou aos colleiteiros e a todo o mundo, tamén nisto.
- É posible legalizar o folla redonda, pero non con David Castro na alcaldía.
En 2018, estando Somos Ribadumia no goberno local, e logo de moitos anos de anuncios baleiros de contido, puxemos a primeira pedra firme no camiño da legalización do tinto Barrantes, ou folla redonda.
Nese momento, tal como explica o noso voceiro, Enríque Oubiña, “David Castro fixo uso das súa posición de alcalde para erixirse no gran defensor da legalización do folla redonda, acusando ao PP de non facer nada en anos anteriores, e presumindo dunha xuntanza coa Conselleira de Medio Rural naquel momento, Ángeles Vázquez, á que acudiu David Castro collido da man de Gonzalo Durán. E por suposto, fixo moita campaña ata as eleccións do 19 co discurso de que el ía lograr o que non fixo antes Salomé”.
Nas conversas con Medio Rural, tanto na que se fixo pública como noutras xestión de despacho, David Castro cedeu ante o goberno da Xunta, que se negaba a realizar os traballos técnicos necesarios para iniciar o proceso burocrático de legalizacion.
David Castro asumiu o compromiso nese momento de crear unha mesa de traballo entre os concellos e a Mancomunidade para avanzar nos trámites. E nós, vendo a incapacidade David para lograr algo máis sólido do PP, aceptamos que se fixera así, e que os Concellos asumiran todo o proceso inicial. Pero había que facelo.
Porque ese é o problema, que ata este xoves nunca máis se supo do tema, nin se fixo nada. “Coñecendo os ritmos de traballo de David Castro, que aburren ás moscas, e da propia Mancomunidade, era de agardar que mentres non pasaran as eleccións de maio do 2019, e se conformara nova Mancomunidade, non se movera moita cousa. Pero por desgracia para viticultores, hostaleiros e consumidores, nin antes nin despois. En cinco anos non se moveu unha folla: nin se creou a mesa de traballo mancomunada, nin se iniciou o proceso científico, nin se fixo nada en ningún ámbito de actuación. Quedamos estancados no mesmo punto en que estabamos no 2018, e só hai un responsable deste abandono, que é a persoa que asumiu a responsabilidade de realizar as xestións pertinentes e non fixo nada: David Castro”.
Este xoves, todo foron anuncios. “Pero é que son os mesmos anuncios, palabra por palabra, que os feitos no 2018, é tamén no 2019, cando David Castro, xa con maioría absoluta prometeu que no 50 aniversario da festa, o tinto sería legal”. Os procesos necesarios para lograr a legalización do folla redonda son exactamente os mesmos que no 2018, e requiren, tal como a prensa explicou moi ben, un proceso de cando menos catro anos para poder completar os estudos necesarios “Que agora enterámonos que está sin iniciarse”.
David Castro leva catro anos mentindo e enganado aos colleiteiros, hostaleiros e consumidores, asegurando que se estaba facendo algo cando non se estaba facendo nada, e prometendo unha legalización cuxo proceso está sin iniciar, polo que unha vez máis temos que ver como o proceso de legalización do folla redonda, que podería significar un importante revulsivo para a economía de Ribadumia e dos concellos limítrofes, se ve retrasado sine die o polo desinterese do Partido Popular e, de maneira moi particular, pola desidia de David Castro,” que está resultando ser o maior bluff e a maior estafa da política ribadumiense”.
Dende Somos Ribadumia temos claro que a legalización do folla redonda é viable, pero tamén que non vai ser unha realidade con David Castro na alcaldía. E este pasado xoves tivemos a evidencia máis absoluta. Para que a legalización sexa unha realidade, temos claro que debemos estar no goberno nós, como estivemos no inicio cando se conseguiron dar os primeiros pasos reais, que ata agora foron tamén os únicos.
Pero, mentres tanto, David Castro anda a facerse fotos nas parras e nada máis, e 50 anos despois da primeira festa do tinto de Barrantes, ese sigue sen legalizarse.