O Concello de Ribadumia leva meses co acceso ao servizo de Axuda no Fogar bloqueado.

  • Veciños e veciñas de Ribadumia coa Axuda no Fogar concedida, non poden acceder ao servizo debido á desidia do goberno, que ten atascado o funcionamento do servizo.
  • Inaceptable situación que afecta a varias familias dende o mes de xuño.
  •  Os atrasos na convocatoria do novo concurso provocaron que a empresa adxudicataria quedara nun posible limbo legal ao estar dando servizo sen contrato en vigor.
  • Preguntado en pleno, o goberno non foi quen de dar unha resposta por esta situación.
  • Como sempre, fainas o alcalde, pero áganas os veciños e veciñas de Ribadumia.

   No pleno celebrado onte púxose de relevancia unha situación tan inaudita como inaceptable. Tal como explica o noso voceiro, “resulta que o goberno local permitiu que varias familias do noso concello non puideran acceder ao servizo de Axuda no Fogar tendoo xa  concedido porque David Castro non tivo a ben facer o posible por ter un acordo coa empresa adxudicataria dese servizo, cuxo contrato venceu o pasado mes de febreiro, un acordo que permitira, cun mínimo de garantías legais, manter o servizo sen incidencias ata que se resolvera o novo concurso, que acumula meses de retraso”.

  O problema da desidia do goberno local, unicamente preocupado á vista do vivido no pleno de onte pola vida privada dos concelleiros da oposición e polos titulares de prensa , é que esas familias, logo de moito loitar por lograr acceso a un servizo tan fundamental como é a axuda no fogar, un proceso burocrático complexo e longo que moitas veces chega xa tarde, atopáronse con que o goberno local non lle proporcionaba o servizo que xa tiñan concedido, tal como é a súa obriga. Non só iso, tamén se encontraron co silencio da administración local, que non deu resposta aos requirimentos para solventar a situación.

Oubiña preguntou por esta cuestión no pleno na noite de onte e a resposta foi o silencio, “unha vez máis, o goberno local non está cumprindo coas súas obrigas, ademais nalgo tan importante como isto, pero ninguén sabe nada, e David Castro sabe aínda menos”.

A situación roza ademais o esperpento no legal. Oubiña preguntou pola situación legal das relacións entre concello e empresa adxudicataria. A resposta da Secretaria Municipal foi que as prorrogas estaban esgotadas pero que a empresa debía manter o servizo de xeito extraordinario ata que se resolva o novo concurso. Pero esta situación non esta nada clara. “Esta maña volvín dirixirme á Secretaria co contrato na man, e resulta que segundo ese contrato, que se formalizou sendo eu concelleiro, no 2017, a empresa non debería estar prestando xa servizo ao esgotarse todos os prazos, incluído o prazo extraordinario. Parece que agora o Concello fixo consultas legais ao respecto, porque non está claro se a empresa pode deixar de dar servizo e este debe pasar ao Concello, ou esta obrigada a seguir con el. Pero mentres esas dúbidas se resolven, dende xuño non se dan altas novas no servizo, o goberno local mira para outro lado e as familias pagan o pato”.

   Dende Somos Ribadumia temos claras dúas cousas. A primeira que agora quen cargara coas culpas serán a empresa primeiro e Enrique Oubiña e Somos Ribadumia despois. A segunda que pola conta que lle ten ao goberno, unha vez feita pública a situación, esta resolverase , e de feito Oubiña fixo un rogo neste senso no pleno, co obxectivo de que esas persoas teñan o servizo que lles corresponde por dereito de maneira inmediata, e vimos de ter constancia, non polo goberno precisamente, que onte só estaba preocupado por saber que usuarios e usuarias se habían posto en contacto con Somos Ribadumia, de que a situación vaise resolver nos próximos días ou semanas.

Esta non é a primeira vez que o Concello deixa de lado as súas obrigas cos servizos básicos. A mesma situación deuse coa gardería municipal, que o goberno local se veu obrigado a asumir , cando a empresa adxudicataria, con todas as prórrogas do contrato esgotadas , e cansa da falta de resposta  por parte do goberno de David Castro, deixou de prestar o servizo no pasado mes de maio.

  Dende Somos Ribadumia lamentamos que pola desidia do goberno local, que sabendo que os contratos se ían esgotar non atendeu as súas obrigas nin asumiu as súas responsabilidades , os nosos veciños e veciñas paguen os pratos rotos. Agardamos que a situación se normalice canto antes e pedimos a David Castro que, aínda que sexa na parte final do mandato, xa que non foi antes, deixe de mirar para outro lado e cumpra co mandato da cidadanía, que é gobernar.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s