Cal é a situación  real do suministro de auga en Ribadumia?

  • David Castro un día asina un comunicado pedíndollle a veciñanza precaución no uso da auga pública e que non se enchan as piscinas con ela, e ao seguinte di nos medios que Ribadumia ten os depósitos cheos e hai auga suficiente.
  • Todos os Concellos da contorna agás Ribadumia toman medidas de restrición nos usos municipais da auga (regadío de zonas públicas, limpeza, etc).
  • Oubiña: “porque David Castro ocultou o comunicado que asinou con Cambados, Meis e Meaño? ” .

   Dende Somos Ribadumia queremos amosar a nosa preocupación pola extraña situación que vive o noso Concello, aparentemente o único da comarca que non ten problemas de abastecemento de auga pública.

  O noso Concello abastécese da depuradora de Treviscoso, ao igual que outros concellos da comarca, como Cambados ou Meis, cos que ademais Ribadumia comparte liñas de abastecemento. Porén, mentres en Cambados e Meis e o resto da comarca levan xa semanas tomando medidas de control sobre o uso da auga pública, en Ribadumia, tal como explica o noso voceiro “ vivimos nun aparente oasis de fartura de auga, coas rotondas mais verdes e con mais abundancia de rego da comarca, sen medidas de ningún tipo, nin tampouco chamamentos á cidadanía en favor dun uso responsable”.

Ribadumia aparentente ten tanta dispoñibilidade de auga que nalgunha rotonda, como a dos Castaños, régase o cespede e régase tamén o asfalto.

   Por se a cuestión non era bastante confusa, encontrámonos coas incoherencias de David Castro. O 3  de agosto, co deposito de Ribadumia en mínimos,  os medios facían público un comunicado conxunto de Ribadumia, Cambados, Meis e Meaño no cal os alcaldes e a alcaldesa deses concellos, incluído David Castro, facían un chamamento ao uso responsable da auga e a non utilizar a auga pública para usos non prioritarios, como encher piscinas, lavar os coches ou regar xardíns. Porén, mentres o resto de concellos emitían bandos municipais e compartían comunicados a través das redes  informando da situación e pedíndolle á veciñanza o uso responsable da auga, e ao tempo poñían en practica restricións de carácter municipal no rego das zonas públicas e outros usos como  limpeza viaria, restricións que seguen mantendo no día de hoxe, Ribadumia fixo como que non pasaba nada, seguiu usando a auga pública para regar as zonas verdes do concello e para todo o que considerou aparentemente sen mirar o consumo, e non fixo ningún tipo de advertencia á veciñanza, nin sequera compartiu o comunicado conxunto nas redes, un silencio co que pretendía evitar que a veciñanza tivera coñecemento dese comunicado.

   Este pasado mércores, nunhas declaración a un medio de radio, David Castro dixo que Ribadumia, a diferenza do resto de Concellos, non ten problemas de auga de ningún tipo e  asegurou que non é necesario tomar ningún tipo de medida restritiva. Declaracións que van no sentido oposto ao comunicado asinado por el mesmo días antes e ás declaracións de todos os alcaldes da comarca que advirten de que aínda que a captación vai tirando, a situación non é boa e pode empeorar nos case dous meses que aínda quedan de verán, e  polo tanto hai que ser comedidos no uso de auga.

Con regas diurnas e nocturnas. En plena e dura seca Ribadumia é o Concello da comarca coas rotondas mais regadas.

    Dende Somos Ribadumia non entendemos dúas cousas. Por un lado, “como pode ser que un día nos diga á veciñanza , aínda que coa boca pequena, que temos que pechar as billas que hai pouca auga, e ao seguinte nos diga que podemos abrir sen medo que hai auga abondo?”. Por outra banda, non comprendemos como pode ser que abastecéndonos todos os concellos da mesma depuradora, Ribadumia, que  ademais non ten máis fonte de suministro que esa, non teña ningún tipo de problemas de abastecemento e o resto de Concellos teñan que estar con medidas de control para evitar ter que tomar medidas  restritivas para á cidadanía.

  Tal como o expresa o noso voceiro, “David Castro ou ben esta mentindo novamente, ou ben está sendo un completo irresponsable. As medidas que tomaron o resto de concellos están pensadas para evitar tomar outras máis restritivas e que afecten á veciñanza se a situación de seca se agrava, mentres que o noso alcalde usa a estratexia da cigarra, vivir ao día destragando auga sen medida. Iso, ademais de ser pouco ético, pois os concellos deben ser os primeiros en facer un uso responsable da auga, con seca ou sen ela, e de ser moi pouco solidario co resto de concellos, pon en risco o abastecemento de auga potable de toda a veciñanza, a nosa e a do resto de concellos, así como das empresas e centros de atención á cidadanía, como os centros de saúde ou as garderías”.

   Dende Somos Ribadumia pedímoslle a  David Castro que aclare a situación, e que explique, ante unha seca innegable, que esta facendo o Concello de Ribadumia para controlar o seu consumo de auga, ou no seu caso que  vai facer se por mor de non tomar medidas preventivas a situación se agrava.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s