Lamentamos a mala xestión de David Castro do Trofeo Concello de Ribadumia de fútbol.

- A proba contaba de maneira habitual coa participación dos clubs locais. Dende que David Castro ten a maioría, converteuse nunha ferramenta de división entre clubs e aficións.
- Unha proba pagada con fondos municipais, pensada para promover os clubs locais e axudarlles a recadar fondos, pero na que non se conta co Xuventude Sisán, o club máis novo.
- David Castro incapaz de mediar entre direccións e xestionar este evento deportivo, para que as aficións dos diferentes clubs locais puideran participar e gozar del.
O Trofeo Concello de Ribadumia, que este ano alcanzou a súa trintava edición, era ata o ano pasado unha proba emblemática do noso concello, ao contar de maneira habitual, pois ese era o seu cerne, cos dous clubs locais, o C.D. Ribadumia e Umia C. F., ao que este ano debería sumárselle o Xuventude de Sisán C. F.. Porén, no canto de avanzar nos valores positivos do deporte e da sá competitividade , David Castro transformou coa súa acción partidista este evento deportivo nun elemento de división entre clubs, de tal xeito que, ao final, cando debíamos ter un torneo con como mínimo tres equipos locais, por segundo ano topámonos con que só participa o club que carga coa xestión do evento, que ata agora foise alternando entre Umia e Ribadumia.
As filias e fobias futbolísticas de David Castro e de boa parte do seu equipo de goberno non son nin novas nin descoñecidas para a veciñanza, e aínda que dende Somos Ribadumia non imos valorar as prioridades persoais de ninguén, hai un problema moi grave a nivel de xestión política cando esas prioridades no persoal saltan ao ámbito político. Pasou antes con outros gobernos e volve pasar agora con David Castro, só que agora dun xeito nada disimulado.
Xustamente esa falta de capacidade para separar o ámbito persoal do político, sumado á xa endémica incapacidade de xestión de David Castro, foi o que levou a está situación, pois ao non ser capaz de abstraerse e actuar como corresponde a un alcalde, David Castro permitiu que as diferenzas entre as direccións de dous clubs, que non imos valorar por non ser do noso ámbito de actuación, impediran que por segundo ano consecutivo o Trofeo Concello de Ribadumia fora o que deberá ser.
Tal como explica o noso voceiro “precisamente para evitar estas situacións aprobouse en Pleno Municipal un regulamento para o Trofeo Concello de Ribadumia, no ano 2017. Un regulamento que deixa moi claro que ese evento é de responsabilidade exclusivamente municipal, que se fai cargo de todos os custes, e que unicamente deixa en mans dos equipos locais, de maneira alterna, a súa xestión deportiva, así como os beneficios económicos que poidan repercutir. Tamén quedou moi claro, e David Castro e o seu equipo estiveron moi de acordo nisto, en que aínda que os clubs tiñan liberdade organizativa e de elección de equipos, o Trofeo debería contar prioritariamente cos clubs locais, no formato competitivo que o club organizador decidise, pero respectando este principio que debía servir para poñer en valor os principios de convivencia no deporte local, da sá competitividade, e para establecer lazos de unión entre aficións. Nada diso acontece dende que David Castro se agarrou á súa maioría absolutista”.
E non só iso. Dende Somos Ribadumia entendemos que habendo un novo club futbolístico, xa non diremos antes, pero unha vez superada a súa primeira tempada e xa asentado na competición deportiva, o normal sería que dende o goberno se lle dera a oportunidade de organizar o Trofeo Concello de Ribadumia este ano, para axudarlles no posible a saír adiante nestes primeiros momentos. Pero David Castro non só non tivo este xesto, senón que directamente ignorou a existencia deste club e da súa afición, como testemuñan as súas declaracións na presentación do Trofeo a semana pasada, onde non se fixo nin unha soa mención a este club, mentres se poñen escusas que ninguén creu para xustificar a ausencia do Umia no evento e a inexistente intermediación de David Castro para evitar este bochorno.
Lamentamos esta pésima xestión no ámbito deportivo do goberno local nun evento que ínsistimos é de responsabilidade municipal, e agardamos que de cara ao ano próximo o goberno que haxa en Ribadumia teña algo máis de capacidade de goberno. Dende logo se nós estamos nese goberno o que se mirou nestes dous últimos anos non se vai repetir. E aínda que somos moi comprensivos e respectuosos coas decisións das directivas deportivas dos nosos clubs, agardamos tamén que esas directivas volvan ser conscientes da importancia da imaxe que trasladan, e tamén da importancia de que haxa competicións de ámbito local que unan aficións, onde se participe con deportividade e exemplaridade, e que axuden a construír un concello dende o respecto e os valores positivos do deporte, máis aínda nun Concello onde os clubs deportivos non teñen instalacións propias e deben usar instalacións de propiedademunicipal, construídas e mantidas cos impostos de todos e todas as ribadumienses, incluídos os que non gustan do fútbol.
Dende Somos Ribadumia seguiremos traballando para que o goberno local deixe de usar interesadamente ás entidades deportivas e aumente as partidas económicas onde corresponde, buscando acordos e mellorando as bases de reparto, para que os clubs teñan acceso a máis recursos municipais, un aumento dos recursos que David Castro leva bloqueando dende o ano 2017.