Un contundente informe do Defensor do Pobo deixa en evidencia a David Castro.

- O Defensor do Pobo emite un informe que tumba todos os argumentos cos que David Castro pretende bloquear o dereito de Enrique Oubiña a acceder ao rexistro municipal.
- O informe deixa claro que Enrique Oubiña ten dereito a consultar o rexistro, ata o punto de que nin sequera precisa a autorización da alcaldía.
- Pedimos a David Castro que desista de entorpecer o noso traballo e cumpra coa legalidade, tal como lle recomenda o Defensor do Pobo.
O pasado venres chegaba ao Concello e a Somos Ribadumia un informe do Defensor do Pobo claro e conciso en relación ao acceso ao rexistro que David Castro mantén bloqueado dende fai ano e medio.
(Podes consultar o informe completo aquí)
Porque a cousa ven de atrás. En concreto dende que a principios de outubro do ano 2020 Oubiña solicitou acceso ao rexistro municipal. A negativa de David Castro dende o primeiro momento a que o noso voceiro poida acceder a esa información rematou por desembocar nunha solicitude de amparo ante o Defensor do Pobo. Esa solicitude foi aceptada e un ano máis tarde, logo de media ducia de manobras dilatorias por parte de David Castro, este organismo emitía o seu informe. Tal como explica Oubiña “nese momento David Castro saíu todo fachendoso anunciando que o Defensor do Pobo había informado en contra nosa, cando o único que fixo ese organismo foi clarificar a legalidade e os dereitos e obrigas dos cargos públicos a este respecto, así como as fórmulas correctas para solicitar e acceder a este tipo de información sen xerar dúbidas , o argumento co que David Castro estivo enredando un ano, pedindo informes a canto organismo encontrou tentando inutilmente que algún lle dera unha xustificación coa que evitar que exercera os meus dereitos como concelleiro”.
Tal é así, que un mes despois de pecharse ese expediente en outubro de 2021, e logo de que comunicaramos ao Defensor do Pobo que Oubiña seguía sen poder acceder ao asento de entradas e saídas do rexistro municipal, o Defensor do Pobo abriu un novo expediente, dentro do cal, logo de varios intentos dilatorios de David Castro, ese órgano emitiu un informe que non deixa lugar a dúbidas.
O informe emitido polo Defensor do Pobo tumba todas as escusas que David Castro puxo para non darlle acceso a Oubiña á información municipal, dende a suposta sobrecarga do persoal municipal a un suposto problema informático, e deixa ben claro nun extenso documento onde repasa toda unha serie de artigos legais e sentencias xudiciais que Oubiña, en calidade de cargo electo, ten dereito a acceder a ese tipo de información, ata o punto de que nin sequera debe pedir autorización á alcaldía para facelo. No só iso, senón que o propio informe afea as actuacións dilatorias de David Castro, e recoméndalle en base á legalidade vixente – o Defensor non pode obrigalo – que dea acceso inmediato a Enrique Oubiña á información solicitada.

O silencio de David Castro.
O informe chegou o pasado venres. Dende entón David Castro, que faltoulle tempo semanas atras para ir correndo á prensa á falar dunha suposta queixa interposta ante o Defensor do Pobo da que hoxe aínda non temos constancia ou para emitir comunicacións con información falsa e deturpada do contido de reunións coa Valedora do Pobo, non tivo tanto apuro por ir aos medios e colgar nas redes o contido deste informe, nin para asumir as súas responsabilidades.
Pola nosa banda, seguimos traballando. “O mesmo venres, unha vez recibida a comunicación do Defensor do Pobo, púxenme en contacto coa Secretaría Municipal, para informarlle que á vista do informe, que despexa calquera dúbida, e en particular deixa claro que o goberno local non pode interferir no exercicio dos meus dereitos, en canto a miña situación laboral mo permitise, pasaría polo Concello a consultar a información tal e como a teño solicitada”.
Dende Somos Ribadumia non agardamos que David Castro teña a deferencia que debería de comunicarlle a Oubiña que unha vez aclarada a cuestión non porá máis atrancos, que sería o correcto, pero si agardamos que non haxa máis problemas. Porque dende logo, se David Castro persiste en bloquear o traballo do noso voceiro, chegados á este punto non nos quedaría máis opción que acudir á vía xudicial, unha vía que vimos evitando dende o principio, sabendo que sería máis rápida que andar meses enleados co Defensor do Pobo, para evitarlle ás arcas municipais os custes deste tipo de accións.
“David Castro que non se trabuque con nós. A nosa senda é a do diálogo, pero esa senda ten marxes. Senón nos deixa máis opción que acudir á vía xudicial para defender os nosos dereitos e para poder realizar o noso traballo, farémolo. E será David Castro o que teña que explicarlle á veciñanza de Ribadumia os seus actos e o custe dos mesmos, tanto no económico como de imaxe pública”.