A hipocrisía de David Castro: ilumina o Concello de azul mentres recorta o convenio con BATA.

- Logo de intentar liquidar o convenio con BATA, o goberno di que se solidariza con este colectivo.
- Pedimos menos hipocrisía e máis acción política, e que David Castro recupere o convenio anterior con BATA, promovido no 2016 por Enrique Oubiña.
- En política falan os feitos: con Oubiña ampliouse o convenio con BATA, con David Castro recortouse ao mínimo. E a Concelleira de política social, desaparecida.
Unha nova data relevante, e un novo exemplo do goberno hipócrita que temos en Ribadumia, máis pendente da propaganda que de gobernar para a veciñanza e de avanzar no apoio aos colectivos máis desfavorecidos. .
O pasado sábado celebrouse o Día Mundial do Trastorno do Espectro Autista, este ano co lema “unha feliz viaxe pola vida”, a, través do cal se pon o foco no dereito das persoas con TEA e das súas familias a gozar dunha vida feliz. E o Concello este ano, a diferencia do ano pasado, onde pasou a data por alto, decidiu sumarse en parte ás campañas de concienciación deste día nas redes sociais e alumeando a casa consistorial de azul.
Dende o noso partido, por suposto estamos a favor de calquera campaña deste tipo e, de feito foi con Oubiña de Concelleiro que se comezaron a realizar accións deste tipo, pero estamos máis a favor de que as administracións e as forzas políticas que as xestionan foran máis alá das campañas de concienciación, e no caso do goberno local ribadumiense agradeceriamos que David Castro fora algo menos hipócrita.
De partida xa non foi ben a campaña nas redes, onde tiveron que mudar de foto de perfil ata tres veces en tres horas porque aparentemente non acertaban coa foto correcta, e realizaron unha publicación bastante discutible e discutida -e en parte corrixida posteriormente – por errónea ao tratar ás persoas con TEA como persoas que “padecen esa enfermidade”, cando xa fai anos que non se considera dese xeito senón como un trastorno ou unha condición neurolóxica.
Pero máis aló disto, nós queremos poñer o foco na acción política, porque dende a nosa formación entendemos que en política os que falan son os feitos e as medidas políticas. E o goberno de Ribadumia cos seus feitos vai no camiño contrario ao que pretende vender.
O concello de Ribadumia leva dende o ano 2012 colaborando con BATA, unha entidade que traballa pola integración deste colectivo. No ano 2016, con Oubiña ao cargo de política social, o Concello aumentou o convenio de nove meses ata convertelo en anual, dando así un importante paso na integración destas persoas, que de facto pasaron a formar parte do equipo de xardinería municipal.
Foi o goberno de David Castro o que posteriormente pretendeu liquidar este convenio o ano pasado e deixar fora de Ribadumia a este colectivo. Ao final, gracias á presión pública e da nosa formación, e a que David Castro non é capaz de xestionar co persoal existente o mantemento das zonas verdes do Concello, rectificou en parte, e mantivo o convenio, pero reducido a metade.
A finais do verán pasado dende Somos Ribadumia presentamos unha moción para recuperar o convenio anual, que os Independientes tumbaron chegando a poñer en dúbida o traballo desas persoas, e no debate orzamentario deste ano volvemos insistir, e os Independientes volveron rexeitar a nosa proposta a pesar de verse obrigados pola situación insostible das zonas verdes a realizar contratos puntuais con esa entidade, argumentando que BATA funciona como unha empresa e que polo tanto xa non é unha entidade que traballe pola integración. Escusas absurdas que en todo caso só serven para visibilizar unha posición política de desprezo cara este colectivo e a verdadeira cara dos Independentes, que non queren a BATA en Ribadumia, nin moito menos persoas desas características traballando no Concello.
Para Oubiña “luces azuis acéndeas calquera, sobre todo dende que o goberno local puxo uns focos led alumeando a fachada do concello é so hai que darlle a un botón para que muden de cor. Pero non hai foco capaz de tapar a hipocrisía, a demagoxia, e o desprezo de David Castro polas persoas con TEA. Que se deixe de tanto aparentar, e que demostre con feitos o que predica”.
Dende Somos Ribadumia insistimos en pedir a recuperación do convenio anual con BATA, un trato digno e integrador para esas persoas por parte do goberno local, e menos hipocrisía política. E dende logo volvemos pedir que se asuman responsabilidades políticas a todos os niveis. As redes sociais do Concello, cando non se usan para facer campaña partidista énchense de mensaxes confusas ou claramente erróneas, que dan unha pésima imaxe do noso Concello e nalgún caso crean un xustificado malestar, e iso é inaceptable.