David Castro reparte cortauñas no Día da Muller e a culpa é de Enrique Oubiña.

  • Os argumentos usados para xustificar que nun acto do Día da Muller se regalaran cortauñas ás mulleres, están totalmente fora de lugar.
  • Tanto David Castro como Sofía Núñez volven agóchanse detrás doutras concelleiras.
  • Recordámoslle a David Castro que é alcalde dende o 2015, e polo tanto o máximo responsable de todo canto acontece no goberno local dende ese ano.
  • Pésima imaxe pública do noso Concello a nivel estatal.

  Á vista das declaracións verquidas nunha canle de tv e nas redes sociais polos Independientes, non nos queda outra opción que aclarar un par de cuestións, e de paso facer algo de pedagoxía cos Independientes, que é evidente que isto do feminismo quédalles, como todo o relacionado coa política, algo grande.

  No ano 2018, o goberno que tiña ese momento Ribadumia, do que David Castro, a pesar de que agora non o recorde, e a maior parte do equipo actual dos Independientes formaban parte, tomou a decisión, certamente por iniciativa do noso voceiro Enrique Oubiña que era tamén responsable das áreas de política social, de modificar o enfoque que dende o goberno local se viña dando nos últimos anos ao Día da Muller e aos actos e actividades que se celebraban con motivo do 8M, e levouse a cabo a través de varias accións.

  En primeiro lugar modificouse o acto de homenaxe ás mulleres, despolitizandoo logo de moitos anos de uso partidista do PP,  e  establecendo unhas bases obxectivas que permitían que cada ano unha muller recibira un recoñecemento simbólico extendido a todas as mulleres de Ribadumia. E este acto complementouse con dúas accións simbólicas máis, que buscaban recoñecer e por en valor o papel da muller na sociedade. Tal como explica Oubiña “Por unha banda estableceuse o envío cada mes de marzo dunha postal a cada fogar ribadumiense, onde se recordara e se recoñecera a labor das mulleres. Non podemos esquecer que a maioría das mulleres do noso concello non participa nos actos ou actividades que se poidan levar a cabo cada ano, pero non por iso teñen un papel menos relevante na vida e na sociedade, nin se debe recoñecer menos. E ademais consideramos nese momento que era positivo realizar accións que axudaran a que as mulleres tomaran conciencia plena do seu papel na sociedade, en particular aquelas que polas súas circunstancias non teñan moito tempo para pararse a pensar nestas cuestións.

    E isto complementábase cunha segunda acción o día do Acto de Homenaxe as Mulleres de Ribadumia: a entrega dun detalle na mesma liña, axudar a través dalgo meramente simbólico á creación dunha conciencia social e  colectiva – esta era a clave – de empoderamento feminino”.

   No ano 2018 ás mulleres que asistían a ese acto, por todo o dito, efectivamente entregóuselle un pequeno agasallo recordándolle de paso a importancia do seu papel na sociedade, “cousa tamén moi importante, porque se senón se recoñece o papel da muller, e se a muller non asume ese papel e o seu significado, non será fácil recoñecer por fin e dun xeito real, a través de políticas e avances sociais, os seus dereitos en todos os ámbitos da vida”.

   Ese agasallo foi un pequeno colgante. No ano 2019, optouse por algo igual de simbólico, unha peza de tea dunha cor que encaixara na gama de cores, dende o rosa ao violeta escuro,  que simbolizan as diferentes loitas das mulleres. A peza escollida foi un fular, pois ten o mesmo papel simbólico que as habituais pulseiriñas ou lazos, pero dentro dun auditorio daría maior visibilidade e reforzaría a mensaxe que se pretendía dar. E ademais non é unha peza exclusivamente feminina.

  Nada se fixo no 2018 e 2019 ao azar. Todo este tipo de actividades e accións fixéronse logo de darlle moitas voltas, de traballalas ben e de valoralas co persoal de servizos sociais e do CIM, que entenderon a idea que se quería trasladar dende a concellería que dirixía Oubiña e deron todo o apoio a esta maneira de actuar.

  A nosa pregunta, logo de explicar isto é: que simboloxía transmite un cortauñas, e ademais entregado unicamente ás mulleres nun acto do 8M??? 

Para nós, tal como explica Oubiña, a resposta é “Ningunha, e en todo caso ningunha boa. Os Independientes transformaron un acto de enorme carga simbólica nun aguinaldo de Nada con carga machista e denigrante para as mulleres. E ademais facendo gala da súa completa ignorancia, saen na tele usando o socorrido argumento de  “e Enrique facía o mesmo”. O mesmo non, parecido e á vez moi distinto. Por suposto que entregamos un foular e un colgante, pero fixémolo por un motivo e obxectivo moi concreto e traballado, asesorados polo CIM e o persoal de servizos sociais, non compramos a primeira cousa que topamos no catalogo que nos parecía que podía quedar ben e sumar votos”.

    Dito todo isto, temos que lamentar que David Castro actuara con total covardía, ocultando a súa responsabilidade  con actitudes e declaracións que dan vergoña allea, saíndo nunha canle de nivel estatal – por segunda vez en menos dun ano, a primeira foi polas festas na súa casa en pandemia – dicindo que ese set de manicura era algo que habían escollido as concelleiras dando a entender nun exercicio de puro machismo que o feminismo é cousa de mulleres, e que el non tiña nada que opinar. Tamén hai que lamentar que Sofía Núñez se oculte da opinión pública, e teña que ser outra concelleira a que faga declaracións ante a prensa.

   Sobre outras cuestións, como sacar a relucir as declaracións da ministra de igualdade, cuxo partido non garda ningunha relación con Somos Ribadumia, pouco podemos opinar. Pero dende logo temos moi claro que unha cousa é  sexualización de determinadas cores ou xoguetes nas idades infantís, e o debate que poida darse sobre iso, que nos parece moi interesante, e outra moi distinta o uso dunha cor como representación dun colectivo ou da loita social deste. Lamentable, pero tamén moi definitorio,  que a muller que leva as redes de Independientes por Ribadumia non coñeza nin entenda esas diferenzas.

  En resumo, por segunda vez o noso Concello sae na prensa a nivel estatal por mor das malas actuacións dun alcalde desnortado, que se cree por enriba do ben e do mal, e que pensa que todo canto el faga está ben feito, e que se recibe criticas o malo é sempre o que critica, nunca unha mala actuación súa, ata o punto de buscar culpables en todas partes menos no espello.

  Pola nosa banda so podemos insistir en pedir responsabilidades políticas ante uns feitos que deixan quedar a Ribadumia, catro anos despois de ser un referente en políticas a favor da igualdade e da muller, nunha posición de vergoña.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s