Indignante: o goberno local regalou ás mulleres sets de manicura nos actos do 8M.

  • Á entrada do Acto de Homenaxe ás Mulleres de Ribadumia, o goberno entregou a cada muller un detalle consistente nun set de manicura.
  • Indignante elección do detalle, sexista, misóxino e denigrante.
  • A concelleira de igualdade debe dimitir de inmediato.

  Dende Somos Ribadumia non quixemos distorsionar os actos e actividades que neste mes se realizaban en toda a comarca con motivo do Día Internacional da Muller, pero unha vez pasada a maior parte de actividades, debemos por de relevancia un feito tan alucinante como indignante.

   O pasado 13 de marzo tivo lugar, dentro das escasas actividades programadas polo goberno local para conmemorar o 8M, un acto de Homenaxe ás Mulleres de Ribadumia. Non imos entrar a valorar o acto, de por si retorcido ata convertelo nun absurdo, pero non podemos deixar pasar por alto algo que pasou nel.

   Á entrada dese acto o goberno local entregou un detalle ás mulleres asistentes (só ás mulleres) . Cal foi a nosa sorpresa e indignación ao comprobar que o detalle en cuestión era un set de manicura. Dende a nosa formación non podemos saír do noso asombro ante o feito de que nun acto público, e para máis inri nun relacionado co 8M, onde os discursos, as accións e toda a simboloxía debería xirar ao redor do moi necesario empoderamento feminino, do camiño cara a rotura dos teitos de cristal e acadar cotas de igualdade en todos os ámbitos, o goberno de David Castro, que conta cunha concellería de igualdade, regala ás mulleres un set de manicura, que ten a mesma carga simbólica denigrante que regalar unha plancha da roupa, unha fregona ou un xogo de sarténs.

   Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar estes comportamentos sexistas e misóxinos, que afondan nunha imaxe estereotipada e denigratoria da muller asimilándolle uns roles que non se corresponden cos dunha sociedade igualitaria. E menos podemos aceptar estes comportamentos, na liña do que promulgan no estado forzas de ultradereita que queren ás mulleres relegadas á cociña e ás tarefas do fogar e cría de fillos, no goberno local de Ribadumia, que xustamente debería traballar para dende o político eliminar estes estereotipos e ideas prefixadas do papel da muller na sociedade, e traballar para darlle a volta a esa visión.

  Ademais, o goberno local non ten escusa. Se a concelleira de igualdade non ten capacidade para asumir as bases e principios da loita feminista, ou non sabe como enfrontar este tipo de accións, conta con todo o apoio, ademais do persoal de servizos sociais de Ribadumia, do CIM mancomunado, e con concelleiras e alcaldesas comprometidas e con conciencia feminista en toda a comarca. Mesmo hai libros de temática feminista na Biblioteca Municipal. E dende logo, en Somos Ribadumia, que tivemos a responsabilidade desas áreas na lexislatura pasada, convertendo a Ribadumia no referente para a comarca que xa non é, sempre estivemos dispostos a colaborar neste tipo de cuestións.

  Este despropósito non é un erro puntual, é unha mostra máis da carga ideolóxica deste goberno, que se suma a actitudes e accións políticas ao longo da lexislatura. Dende o controvertido cartel do 8M, que ía estar segundo o goberno en redes toda unha semana e durou 24 horas, á renuncia de 115.000€ en axudas para plans de igualdade, e da maior parte de outros 13.000€ este ano para plans de loita contra a Violencia de Xénero, que o goberno ocultou dos orzamentos, e anteriormente chegando a desacreditar o Punto Morado que sendo Oubiña concelleiro se colocou na Festa do Viño, ou a anulación do plan de apoio e axuda a vítimas de violencia de xénero Conta Comigo Ribadumia.

  É evidente para nós que o goberno de David Castro, e en concreto a concelleira de igualdade, Sofía Núñez, non ten o máis mínimo interese nas cuestións das que é responsable, e que ademais  fai ostentación duns principios ideolóxicos totalmente alonxados do feminismo, por moito que despois se enchan á boca, ela e o resto do goberno local, nós actos públicos ou cando encontran un micrófono diante do que falar. Polo tanto, e logo desta última acción, totalmente inaceptable, indignante denigrante para as mulleres, consideramos que a concelleira de igualdade debe dimitir de xeito inmediato, ou debe ser cesada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s