O anuncio do reforzo do bombeo de Cabanelas nin é novidoso nin conta con proxecto nin orzamento.

  • Falta de respecto institucional  de David Castro e Gonzalo Durán ao reunirse co delegado da Xunta para tratar o tema dos verquidos ao Umia sen convidar ao Concello de Cambados e á Mancomunidade.
  • A obra de ampliación da captación do piorno xa foi anunciada no ano 2016, sen que a Xunta chegara a levala a cabo.
  • Pedimos que se actúe de xeito mancomunado, a Durán que deixe de enredar, e a David Castro que deixe de seguirlle o xogo.

“David Castro e Gonzalo Durán suman esforzos para anunciar fume de leña verde”. Así se refire Enrique Oubiña ao anuncio feito polos alcaldes de Ribadumia e Vilanova de Arousa logo de reunirse co delegado da Xunta, supostamente para tratar o problema dos verquidos ao Umia do bombeo de Cabanelas.

   De partida dende Somos Ribadumia queremos deixar claro que calquera solución que se leve a cabo para rematar cos verquidos no bombeo de Cabanelas serán benvidos. O que non recibimos ben son os manexes políticos de Gonzalo Durán, aos que David Castro, para vergoña do noso concello, parece non ter reparos en sumarse, nin moito menos que se fagan anuncios de obras de xeito repetitivo, pero sen avanzar, sen proxectos redactados nin partidas orzamentarias.

   A obra para reforzar o bombeo de Cabanelas  por 800.000 € foi anunciada por Durán e Augas de Galicia en marzo de 2016, logo do enésimo episodio de verquidos ao río Umia e de que dende Somos Ribadumia e da agrupación local do PSOE, promoveramos unha actuación conxunta entre o Concello e a mancomunidade, e se trasladara a  Augas de Galicia esta problemática. O anuncio feito este pasado luns repite o do 2016, coa novidade de que non hai novidade, pois nestes cinco anos nin tivemos novas do proxecto – cuxa redacción licitouse en agosto de 2017 – nin moito menos se orzamentou, e dende logo non hai nada contratado. Isto significa que este anuncio, no caso de ter proxecto non tardaría seis meses en ser unha realidade, se non que como mínimo tardariamos un ano en ver as máquinas traballando. Polo tanto “ hai que lamentar que o PP e o noso alcalde nos vendan fume a cambio dunha foto, mentres os tubos seguen contaminado o río”.

O 4 de agosto de 2017 publicabase o orzamento para a redacción do proxecto de mellora do bombeo de Cabanelas. Nunca máis noticias tivemos.

   Ademais, Gonzalo Durán e David Castro esquecen na súa posta en escena o traballo feito. Xa no 2015 e 2016 se pediron informes de cales eran as causas dos desbordes do bombeo de Cabanelas, e a propia empresa adxudicataria trasladou claramente que parte do problema se debía as malas conexións de saneamento. “Na lexislatura pasada, dende a concellaría que eu xestionaba, e para cumprir os compromisos adquiridos dende o noso concello,  fixéronse importantes actuacións de corrección na liña de saneamento, para evitar as entradas de augas pluviais, sobre todo no polígono dea Grenla, que tiña as liñas de saneamento e pluviais intercambiadas, así como diversas actuacións en todo o concello. Todo iso no nresolveu o problema , pero serviu para retrasar o ciclo de sobrecarga do bombeo, que antes das nosas actuacións desbordaba coas mínimas choivas e agora aguanta varios días de choivas continuas sen verter ao río. Quen non moveu un dedo para solucionar os problemas no seu concello e solo se dedicou á propaganda foi Gonzalo Durán, como para que agora veña a darnos leccións de nada”.

   En realidade, este anuncio feito é unha manobra de Gonzalo Durán para tratar de desprestixiar á presidenta da mancomunidade do Salnés. Para Oubiña “Durán non da puntada sen fío, e como non pode evitar actuar de xeito misóxino, precisamente o 8M sacase da manga unha xuntanza co delegado da Xunta, que en realidade so busca deslexitimar á presidenta da mancomunidade por terra mar e aire, neste caso coa colabroación do Delegado Provincial da Xunta e de David Castro, que unha vez máis volve dunha xuntanza do mesmo xeito que foi: sen solucións concretas”. Dende Somos Ribadumia o que máis lamentamos é a falta de respecto institucional ao deixar fora desta xuntanza ao Concello de Cambados e á Mancomunidade do Salnés, cando esta cuestión  que tamén lle afecta polas súas características a estes dous organismos. E dende logo, temos que criticar “a irresponsabilidade de David Castro, que evita por todos os medios relacionarse coa mancomunidade da que o noso concello forma parte, pero non ten problemas en facerlle de Sancho Panza a Gonzalo Durán na súa particular guerra contra o PSOE.”

  Dende Somos Ribadumia, sumámonos aos colectivos e entidades que levan anos pedindo solucións e non anuncios, e solicitamos do noso alcalde e de Gonzalo Durán que se deixen de xogos políticos e actúen con responsabilidade e seriedade, e que este asunto tan grave se xestione de xeito mancomunado, presentando ante Augas de Galicia e o goberno de Núñez Feijóo unha posición conxunta, e por suposto, tanto ao goberno da Xunta, como a Augas de Galicia, que deixen de marear e aporten xa dunha vez as solucións necesarias.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s