David Castro utiliza recursos municipais para favorecer a unha familia particular.

  • Mentres o resto de nais e pais debe pagar un taxi para poder desprazarse entre o CRA e os servizos de conciliación, David Castro dálle ese servizo a unha familia por  conta do Concello.
  • Irresponsabilidade manifesta do goberno local ao usar un vehículo do concello para cuestións que non están autorizadas nin cubertas por ningún seguro.
  • A mesma familia xa foi favorecida ao incluírse á nena na escola de verán sen cumprir os requisitos para participar, mentres outros nas mesmas circunstancias quedaron fora.

   Dende o inicio do curso escolar, unha furgoneta do Concello, conducida por persoal municipal, está dando servizos particulares a unha familia, levando cada día a un neno a unha das aulas do CRA. O servizo ademais é personalizado, pois uns días recólleo na casa e lévao ao CRA, outros días recólleo antes e lévao primeiro ao plan madruga, e despois vai levalo ao CRA, segundo  as circunstancias da familia dese neno.

   Mentres isto acontece, outros pais e nais están pagando un taxi para poder usar os servizos de conciliación, ou non poden facer uso deles. Polo tanto, o primeiro que hai que dicir, e así o expuxo Oubiña no pasado pleno, estase creando un agravio comparativo co resto de nais que pagan ese taxi para poder facer uso do servizo de conciliación, centralizado en Barrantes, e tamén cos que non poden permitirse o luxo de pagar un taxi e teñen que buscar outras solución mentres a un neno, por decisión do alcalde, o colle un coche municipal na porta da casa todos os días e o leva a escola”.

  As mentiras de David Castro no pleno.

   Dáse a circunstancia de que a nena referida, este verán pasado estivo asistindo á escola de verán sen reunir as condicións para facelo. Compre recordar a este respecto que en pleno municipal o pasado 5 de novembro cando eu mesmo lle preguntei ao alcalde , cito literalmente: aceptouse ou non se aceptou algún neno ou nena na escola de verán que non cumprirá cos requisitos establecidos para todos os demais?,  a resposta do alcalde foi taxante e contundente: Dixo que NON. Polo que o noso alcalde non so actúa dunha maneira totalmente censurable, senón que ademais ten a desfachatez de mentir nos plenos municipais”.

   E non foi a única mentira sobre este tema. Para tratar de xustificar o inxustificable, David Castro asegurou que as nais e pais do CRA estaban de acordo con esta maneira de actuar, cando a realidade é que a directiva da ANPA do  CRA, e a maioría de nais e pais non tiña coñecemento de que se estivera dando este servizo a unha familia. Non so non tiñan coñecemento, senon que nos expresaron o seu malestar por esta actuación, que ademais, segundo o propio alcalde declarou no pleno, xa se realizou o curso anterior con outra familia . A ANPA do CRA leva dende a súa fundación solicitando poder dispor dun servizo de transporte para poder usar os servizos de conciliación municipal, ou algunha outra alternativa que os igualase en condicións cos nenos que viven en Barrantes, e cuxos pais teñen a posibilidade de deixar os nenos atendidos toda a xornada laboral.

Tal como explicou Oubiña no pleno “non se pode poñer, por cuestións legais, unha furgoneta calquera a trasladar nenos. Pero é que para o caso, se David Castro fixera público que estaba disposto a dar un servizo de transporte gratuíto aos nenos matriculados na aula de Lois, non tería problemas para encontrar seis ou sete familias dispostas, ademais de actuar dun xeito transparente e igualitario. Sen embargo, optou pola cacicada e o trato de favor”.

A incompetencia de David Castro.

“Cando deixamos o goberno en 2019, enriba da mesa do alcalde quedou  un informe de viabilidade e custes de dar os servizos de conciliación familiar nas aulas do CRA, e evitar ter que trasladar nenos, que resulta máis complexo de xestionar e caro que dar os servizos nos propios centros”. Dito informe deixaba claro que era asumible economicamente e posible de xeito inmediato , que  en todas as aulas do CRA, salvo Ribadumia que precisaría realizar unha pequena obra de adecuación –aínda que hai alternativas temporais – , ofrecer os servizos de conciliación. De feito, dispor ese servizo dende o inicio do curso 2019/20, era un dos compromisos de Somos Ribadumia, e tamén unha das cuestións que vimos pedindo incluír nos orzamentos cada ano.

  Porén, David Castro decidiu demostrar a súa incapacidade para xestionar recursos públicos, e gobernar de maneira completamente irresponsable, actuando como se o Concello fora a súa casa e non unha institución pública, e comprometendo a unha traballadora municipal e á propia administración local. De feito, dubidamos que a furgoneta que se está utilizando teña tan sequera os amarres  isofix requiridos para transportar nenos, e dende logo non está autorizada para o transporte de persoas alleas ao Concello, nin moito menos para ofrecer un servizo de taxi,  cuestión que no caso dun accidente ou de ter calquera problema ese neno mentres está dentro desa furgoneta, pode ter  consecuencias legais e económicas para o concello moi graves. Ademais, dentro ou fora da furgoneta, en caso dun susto ou dunha desgracia ao recoller e deixar a nena, a persoa que realiza esa función quedaría coa carga moral, pero tamén sen protección legal, pois esas funcións non están recollidas nas fichas de traballo, nin están autorizadas ou cubertas polas aseguradoras.

   Esta maneira de actuar é totalmente inaceptable e non pode ter cabida nun goberno municipal, por ese motivo no pasado pleno pedimos ao alcalde que de xeito inmediato deixase de dar este servizo, cando menos do xeito que se está dando, que cumprira a legalidade, e que deixara de favorecer a unhas familias por enriba das demais, pois “os nenos que se inscriben nas aulas do CRA teñen todos os mesmos dereitos, e vale tanto o que primeiro se anota como o último”.

    Tamén pedímoslle a David Castro que emita un comunicado desculpándose por esta actuación, que non so presenta problemas legais, senón que supón un agravio comparativo inaceptable entre as familias que favorece o alcalde e o resto de familias, moitas das cales teñen moi difícil conciliar a súa vida laboral e familiar e agardan das institucións solucións que sexan  igualitarias, non que favorezan a quen teña a casa con máis votos que meter na furna.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s