PEDIMOS A DIMISIÓN DA CONCELLEIRA DE SERVIZOS SOCIAIS.

- Perdeu unha subvención de máis de 115.000€ por non querer contratar unha mestra.
- O teléfono de atención por COVID está desviado para a secretaria persoal do alcalde
- O departamento de servizos sociais está ao límite., con presións aos traballadores e usos politizados do servizo.
No pleno celebrado este xoves púxose de manifesto, a expensas das preguntas de Enrique Oubiña, a situación dramática que vive o departamento de servizos sociais, que dende o noso punto de vista é totalmente inaceptable, por varios motivos.
A cuestión xurdiu a raíz da pregunta realizada polo noso voceiro, relativa a unha subvención para programas de integración, repartidos en tres anualidades de 36.547,66€ no ano 2019, 21.049,86€ no 2020, e 57.599,52 € no 2021, que supoñen un total de 115.197,04€, que o concello perdeu logo de térselle aprobado. “Falamos dunha liña de axudas para programas de integración da poboación migrante, que permitiría contratar durante tres anos a unha persoa no departamento de servizos sociais sen que ao concello lle constara nada, e reforzando así un departamento que con todo o que fixemos no mandato anterior, sigue precisando persoal e recursos, máis dende a chegada da pandemia”.
Que se perda unha subvención non é algo raro nun concello, ben por non reunir os requisitos ou, en moitos casos, por agotamentos das partidas. O que non é normal é que un concello presente solicitude para unhas liñas destas características, para as cales cómpre presentar proxecto, e logo de aprobadas se desista. Para Oubiña “o máis sorprendente foron as escusas da concelleira, Sofía Nuñez, declarando que como había que contratar unha educadora, decidiron non facelo”. A concelleira, que se negou, como a maioría do resto de concelleiros do equipo de goberno a poñerse diante cámara que gravaba o pleno, declarou posteriormente, coa axuda do alcalde e da concelleira de contas, que tiñan dúbidas sobre se podían cumprir cos requisitos da subvención. Dende Somos Ribadumia estamos o suficientemente informados, tanto do proxecto presentado, que era do máis interesante, como dos motivos reais polos que se desistiu “ que foron os que se lle escaparon á concelleira, que era que non podían contratar a quen a eles lles daba a gaña, e preferiron perder 115.000€ antes que contratar unha persoa que non fora posta por eles”.
O segundo punto, da máxima gravidade, que saíu a relocer no pleno, foi que o teléfono de atención a persoas confinadas pola covid-19 que o concello dispuxo para a veciñanza, non deriva ao departamento de servizos sociais como sería o normal, nin está atendido por persoal cualificado, se non que o contesta directamente a secretaria persoal do alcalde.
“Esta persoa, que leva dende o 2016 saltando duns contratos a outros, acolléndose as diferentes plans de contratación, pero sempre realizando as mesmas funcións, que son as de secretaria persoal do alcalde, e de persoa de confianza do goberno, non debe atender a ese teléfono, porque ese teléfono debe ser atendido por unha persoa que garanta, por formación, por categoría profesional e por neutralidade política, que quen chame ten os seus datos completamente protexidos. E nos temos constancia de persoas que chamaron, e cuxos casos foron comunicados como mínimo ao alcalde. Isto é un uso político das institucións públicas que non se pode aceptar, e incluso é unha actuación de todo incorrecta dende o punto de vista laboral, ao ter á mesma persoa ao cargo dun servizo de atención pública as 24h do día os 7 días da semana dende marzo do ano pasado”.
O terceiro punto, que nos levou a pedir a dimisión da concelleira é a situación xeral do departamento de servizos sociais. O abandono das instalacións, o uso de persoal de confianza da alcaldía para tentar controlar quen acude aos servizos sociais, ou as presións exercidas máis ou menos veladamente sobre o persoal profesional das diferentes áreas do departamento, non son algo que pase desapercibido, menos tendo en conta que nós xestionamos esa área catro anos e sabemos moi ben como funciona”.
Ribadumia é un concello moi pequeno, e por moito que o alcalde pense que o que non se fale en público non se sabe, non é así. Dende Somos Ribadumia temos coñecemento de veciños que xa prefiren que os atendan noutro concello, porque cando chegan ao departamento de servizos sociais en Ribadumia topan persoas que xeran desconfianza pola súa proximidade a cargos políticos, algo que antes non pasaba porque Enrique Oubiña era moi escrupuloso con esas cuestións. Que o presidente de IR gaste a metade do seu tempo en merodear ao redor das instalacións tampouco xera moita confianza.
En resumo, tal como expuxo Oubiña no pleno, non sen escoitar as faltas de respecto dos Independientes, expertos en tensionar e enlamear os plenos, “dende 2015 a 2017, os dous primeiros anos estando eu de concelleiro, os investimentos en políticas sociais cuadriplicáronse, démoslle ao departamento novas instalacións, aumentamos o persoal e os recursos, sumámonos a programas contra a violencia de xénero como a campaña En Negro, e demos apoio para que fora posible a creación da primeira asociación de axuda a vítimas de violencia de xénero da comarca, puxemos en marcha programas de apoio aos fillos das vítimas de violencia, e tamén un programa de prevención de acosos escolar e violencia entre os nenos, gracias ao cal, pasamos de ter unha media de 12 nenos e nenas con asistencia psicolóxica municipal, a ter 0, démoslle unha volta ao fogar dos maiores reducindo a taxa dos 80€/mes aos 10€/ano, e creamos o club senior, melloramos con recursos, fondos e xestión, algunhas das actividades que se viñan facendo de antes, como a festa da familia ou a xuntanza dos nosos maiores. Isto en so dous anos, e gracias á axuda inestimable deses traballadoras é traballadores que levan anos realizando labores nesa área que van moito máis lonxe do que lles corresponde por contrato e sempre de maneira voluntaria e poñendo moito máis do que reciben, e que son os mesmos traballadores que agora o goberno de David Castro despreza e maltrata. Logo fixéronse máis cousas, algunhas moi importantes, pero basicamente a liña de traballo quedou marcada. Con Sofía Núñez de concelleira, en 2 anos perdeuse unha subvención xa concedida de máis de 115.000€, e seguramente algunha máis, que eu aínda non mirei, deixáronse degradar as instalacións de servizos sociais, o departamento chegou ao extremo de ter ao persoal de baixa, por razóns que non vou comentar pero que teñen moito que ver coa xestión política, e aínda non contento o goberno local usa os recursos do concello para facer política e mercadeo de votos á conta das persoas que padecen covid, e tamén do resto de persoas que se ven obrigadas a facer uso dos servizos sociais do concello, algo que é vergoñento e inaceptable”.
Dende Somos Ribadumia non somos partidarios de pedir dimisións de concelleiros, salvo casos moi graves, pois defendemos o funcionamento democrático, pero vémonos obrigados, á vista da situación dramática e inaceptable que vive o departamento de servizos sociais, o máis importante de todos os departamentos do Concello, a pedir a dimisión da concelleira das súas responsabilidades nesta área e que o goberno local dispoña ao cargo desa concellería unha persoa capacitada para darlle a volta a esta situación.