Queixas pola falla de limpeza nas instalacións municipais.
- Dende a organización dun dos campus de verán informan de que durante o mes de agosto o concello non se fixo cargo da limpeza do pavillón onde se realiza.
• Outras entidades tamén criticaron a mala xestión da limpeza en diversas instalacións municipais.
• Preocúpanos que ante o inminente inicio do curso escolar goberno local, que ten as competencias na limpeza do colexio, non actúe coa necesaria previsión.
Nas últimas semanas vimos comprobando como a xestión municipal no relativo á limpeza das instalacións municipais, en particular as que se están utilizando para os campus de verán ou son compartidas con entidades e clubs, xera críticas e queixas por parte de usuarios e organizacións.
Dende Somos Ribadumia entendemos que a situación é complexa e que hai unha sensibilidade cidadá con respecto ás medidas de precaución e de hixiene moi elevada. Por ese motivo non entendemos que o goberno local non actúe con máis dilixencia e evite situacións como a do pavillón de Sisán, onde se realiza un dos campus de verán, cuxos organizadores denunciaron que os equipos de limpeza municipal non pasaron no mes de agosto, obrigándolles a asumir eles mesmos esas tarefas por responsabilidade.
Tanto nese caso como no resto de instalacións, debemos recordarlle ao goberno local que, por moito que pretenda fuxir das súas responsabilidades obrigando ás entidades a asinar documentos pretendidamente exonerantes, as instalacións municipais seguen pertencendo ao concello, e as obrigas de correcto mantemento e limpeza tamén.
Ás críticas e queixas pola limpeza súmanse a inacción durante todo o verán ante a situación na praia fluvial de Cabanelas, de competencia municipal, que xerou conflitos entre os deportistas de O Muiño e as persoas usuarias da desa zona de esparcemento, motivadas basicamente pola falla de correcta sinalización e delimitación dos espazos, un problema vello pero que este ano se veu agudizado polo aumento de persoas que ante o peche da piscina optaron por usar a zona fluvial.
En xeral, este verán quedou en evidencia que a política de “ botar balóns fora” de David Castro crea máis problemas dos que soluciona, polo que emprazámolo novamente a recuperar senda do goberno responsable da lexislatura pasada. Un goberno que, agora vese con total evidencia, tiña coa man de Enrique Oubiña outro carácter, enfrontaba os problemas e plantexaba solucións.
Para a nosa formación, ver como se enfrontan dende o goberno os problemas derivados da covid 19 ten unha gran importancia, e preocúpanos especialmente, pois ante a chegada do novo curso escolar, o goberno non está xerando ningunha confianza ao respecto de como se vai facer fronte ás necesidades de limpeza das instalacións. Descoñecemos se hai algún planeamento específico ou se se elaborou algún tipo de protocolo, nin como vai afectar ao resto de instalacións municipais un máis que previsible aumento das horas dedicadas ao colexio. Ao goberno xa lle transmitimos en diversas ocasións a nosa vontade de colaborar e axudar, pero dado que David Castro se nega aceptar a nosa axuda, e insiste en manter unha actitude opaca e obscurantista, máis preocupado da crítica que lle poidamos facer que de solventar problemas, cando menos agardamos que deixe de improvisar sobre a marcha e actúe cun mínimo de previsión, ante un reto que non é nada pequeno, e que vai requirir unha gran capacidade de xestión, esa que ata o de agora non se notou.