Lamentamos que o goberno de David Castro estea máis polo ataque á oposición que por solucionar os problemas creados pola súa xestión.
- A medida anunciada de permitir o fraccionamento do pago, sendo positiva, non soluciona o problema da chegada retrasada e acumulada de multas.
- O convenio da FEMP non libera ao goberno local da súa responsabilidade na xestión das multas.
- Lamentamos que o goberno local centre o seu discurso en tentar desacreditar aos partidos da oposición no canto de solucionar os problemas da veciñanza.
O primeiro que queremos declarar dende Somos Ribadumia é a nosa satisfacción por que o goberno local rectificara parte da súa actuación e anunciara medidas de fraccionamento nos casos de acumulación das multas, que poden axudar a aquelas persoas que se topen coa sorpresa de recibir unha carta con varias infraccións, das que seguramente non tiveran nin coñecemento.
Poren, hai que aclarar que esa medida, sendo positiva, non supón unha solución á problemática creada coa xestión das multas. Tal como está anunciado, as multas vanse seguir enviando en lotes, o cal significa que todo o expresado anteriormente vai seguir acontecendo. Para Enrique Oubiña “ o máis grave está nesta maneira de xestionar. En Barrantes hai dúas ou tres zonas complexas, onde moitas persoas optan ante a falta de aparcadoiro próximo por estacionar de xeito irregular. E o goberno actúa solicitando a presencia da Garda Civil para que recolla as infraccións co obxectivo de animar a todas esas persoas a estacionar correctamente. O problema que parece non ver David Castro, é que a medida, ao chegar as multas seis meses despois, perde todo carácter disuasorio, é convértese nunha medida puramente recadatoria.”
Por outra banda, temos que referirnos ao convenio coa FEMP ao cal fixo referencia David Castro- e que podedes ler aquí – acusándonos de mentir é de ser coñecedores e cómplices da súa actuación. O convenio referido, efectivamente aprobado en decembro do 2018, non é un convenio de xestión a través dunha empresa externa. Nin moito menos. O convenio asinado é un convenio marco, que non establecía nin as fórmulas de xestión das multas, nin o seu proceso, nin moitísimo menos un mecanismo polo cal as multas tardan meses en chegar. Ao contrario, o convenio era, tal como o seu nome indica, para a “prestación de servizo de asistencia técnica e colaboración para a xestión, recadación voluntaria e executiva das multas de tráfico”. Explica Oubiña que “ o convenio asinado procuraba axudar a xestionar correctamente dende o concello. A nos ninguén nos dixo en ningún momento, nin o documento o recolle, que este convenio implicaría que as multas estarían xestionadas por terceiros. Só era un convenio para que a FEMP axudase á administración local na súa xestión, e por suposto que estivemos a favor. Pero en ningún caso ese convenio é un eximente das responsabilidades do goberno local que, en caso de ver que a xestión non vai correctamente, debe actuar, non mirar para outro lado. .”

o propio convenio explica que se trata dun pacto para dar asistencia técnica ao concello, non para asumir a responsabilidade sobre a xestión das multas, que segue sendo do goberno local, mal que lles pese.
Dende Somos Ribadumia insistimos en pedirlle ao goberno local que deixe de marearnos coa dialéctica política, que á veciñanza pouco lle importa, e que vaia a raíz do problema e modifique a formula de xestión das multas, xa que a problemática creada non solo afecta as persoas sancionadas, se non tamén a peóns e propietarios de vaos, que están totalmente indefensos ante determinadas actuacións, como cando un coche aparca enriba dunha beirarrúa bloqueando o paso ou diante dun garaxe con vao. Tamén insistimos na necesidade de dar outro tipo de solucións aos problemas do centro de Barrantes, que non pasen por andar a multar de xeito continuo, unha medida claramente inadecuada, máis cando as multas non chegan.
Faltas de respecto.
Debemos lamentar que os argumentos do goberno local se baseen en intentar largar balóns fora e disparar contra a oposición, chegando á falta de respecto e ao desprezo ao traballo dos outros partidos políticos, cando non aos concelleiros , unhas provocacións nas que non imos caer.
Pola nosa banda temos claro que non estamos casados con ninguén máis que coa nosa veciñanza, e que imos seguir realizando o noso traballo, gústelle a David Castro ou non lle guste. Neste aspecto, vemos como algo positivo que en cuestións como esta, que afectan a tanta xente, poidamos concordar posturas co PSOE, e pensamos que a veciñanza tamén ve con bos ollos que haxa entendemento entre forzas que, sendo moi distintas, temos principios políticos similares, similitudes que aumentan no ámbito local. Outros terán que explicar como en tan pouco tempo se puxeron do outro lado da corda, e mudaron o suposto interese xeral polo evidente interese partidista.