Comunicado conxunto Somos Ribadumia /PSdeG Ribadumia en referencia á xestión municipal das multas dentro de núcleo.
Nesta semana tivemos, coñecemento, tanto Somos Ribadumia como a agrupación local do PSdeG , por boca de varios veciños e veciñas da localidade dunha situación que está ocasionando máis de un trastorno, e que se está dando pola maneira en que o goberno local, en mans de David Castro, xestiona as multas que a garda civil pon dentro dos núcleos urbanos.
O primeiro que hai que recordar que en casos como o de Ribadumia, onde non hai policía local, é a Garda Civil quen, tanto no desenvolvemento habitual do seu traballo, como a peticións do propio concello cando hai problemas nunha zona determinada, redacta as denuncias, na súa inmensa maioría por mal estacionamento dos vehículos, unha situación recorrente no centro de Barrantes debido á escaseza de prazas de aparcadoiro. Estas sancións son remitidas ao concello que é quen finalmente emite as pertinentes multas, asinadas polo alcalde, que é o máximo responsable nestas cuestións.
A cuestión que nos leva a actuar, presentando esta mañá un escrito conxunto no concello, é que o goberno local non está emitindo as multas na orde en que a Garda Civil as fai chegar, se non que acumula unha serie delas, descoñecemos se un lote determinado ou por un período de tempo, e logo emíteas todas xuntas. Dáse a circunstancia de que cos procedementos actuais mediante os cales a Garda Civil non está obrigada a deixar copia da denuncia, a maioría dos infractores descoñece que foi denunciado ata que recibe na súa casa a correspondente multa. E o que está acontecendo é que algunhas persoas están recibindo varias multas xuntas, supoñendo en conxunto cantidades económicas importantes, que ao seren emitidas polo goberno local no mesmo día teñen todas o mesmo prazo de pago.
E máis alo do dito, hai que ter en conta que se o que se pretende cando se solicita a presencia da Garda Civil nunha determinada zona é lograr un efecto disuasorio que faga que as persoas opten por aparcar correctamente, ese efecto perdese por non saber os propietarios dos vehículos que foron sancionados ata semanas ou meses despois, polo que a medida solo serve para engordar as arcas municipais.
Por este motivo presentamos escrito solicitando do goberno municipal que de xeito inmediato se modifique a formula de actuación, e as multas sexan emitidas polo goberno na orde na que a Garda Civil as vai trasladando, sen agardar a acumular un determinado número ou a completar lotes. E por outra banda solicitamos tamén que se establezan fórmulas extraordinarias de fraccionamento do pago nos casos onde, por mor da actuación municipal, se teñan acumulado varias multas dunha mesma persoa e se emitiran todas xuntas, pois entendemos que os veciños e veciñas non deben pagar os pratos rotos da mala xestión do goberno municipal.
Comisión Executiva de Somos Ribadumia.
Agrupación local do PSdeG de Ribadumia