A incorporación da nova facultativa no centro de saúde de Ribadumia será efectiva nos próximos días.
- Coa incorporación á súa praza da facultativa, o centro de saúde de Ribadumia recupera parcialmente a normalidade.
- As xestións de Enrique Oubiña e Somos Ribadumia ante a xerencia do EOXI, permitiron que nestas últimas semanas non tiveramos complicacións.
- Non nos conformamos, seguiremos traballando para recuperar a normalidade no servizo de pediatría, imprescindible no noso concello, e a ampliación do servizo de medicina familiar ao terceiro facultativo.

Enrique Oubiña, Ricardo Fontán e Lorena Rodriguez xunto á doutora Margarita Vidal e varias veciñas e veciños durante unha das concentracións realizadas en fronte ao centro de saúde.
Nos próximos días, está previsto que unha nova facultativa, María Teresa García, asuma a praza que quedou vacante logo da xubilación dunha das dúas médicas que desenvolvían o seu traballo no centro e saúde de Ribadumia. Con esta incorporación ponse fin a unha situación de inestabilidade que viñamos arrastrando dende o verán, e que supuxo deixar durante varias semanas o centro de saúde cunha única medica atendendo, a saturación do centro e unha merma importante na calidade da atención sanitaria aos nosos veciños e veciñas.
Dende Somos Ribadumia consideramos que é positivo que se poña fin a esta mala situación que estabamos vivindo, que se viu mitigada logo da xuntanza mantida entre Enrique Oubiña e o xerente do EOXI, Jose Ramón Lopez , a principios de outubro e que rematou co compromiso do xerente de manter o centro de saúde con dous médicos ata que a praza quedase cuberta.
Con todo, inda que celebramos este regreso parcial a normalidade, non podemos estar satisfeitos pois seguimos tendo outros problemas. O primeiro é a cuestión do pediatra. Dende Somos Ribadumia non imos aceptar que, como acontece con concellos próximos ao noso, o servizo se traslade a outro entro asistencial. Consideramos que as nosas veciñas e veciños teñen dereito a que se lles atenda no centro de saúde de Ribadumia, e non ter que trasladarse nin a Cambados nin a ningún outro lugar.
Para nos unha cuestión primordial para que un concello poida medrar, e a prestación de servizos. Calquera persoas que estea buscando asentarse e formar unha familia hoxe en día valora moito a calidade e proximidade dos servizos públicos, e dende logo ter preto a un medico e un pediatra, ou un bo colexio, non é cuestión menor a hora de decidirse por un concello ou outro. No seu día a saturación do centro de saúde de Ribadumia xunto a que o centro de Cambados ofrecía asistencia de tarde, provocou que moitas veciñas e veciños pediran asistencia no concello veciño. Esta situación queda moi en entretido co recorte de servizos acometido no centro de saúde de Cambados- ao que nos opuxemos apoiando aos compañeiros de Somos Cambados nas súas reclamacións – e volven facer necesario que en Ribadumia se amplíe o servizo cun terceiro facultativo. Esta ampliación necesaria tamén eliminaría problemas dos últimos veráns, cando a falta de facultativos, auspiciada pola mala xestión do SERGAS e pola degradación do sistema público de sanidade ao que nos está sometendo o PP, provocou o colapso do centro de saúde.
Sen novas da recollida de sinaturas promovida por David Castro.
Con todo, non esquecemos que no concello quen ten a máxima responsabilidade de dar a cara pola veciñanza é o alcalde de turno. De David Castro dende o pasado verán solo sabemos que auspiciou unha recollida de sinaturas que non entregou en ningún lado, e que segundo el foi a reunirse coa xerencia do EOXI e conseguiu un número de teléfono. Oubiña recórdalle a David Castro que “un é alcalde para algo máis que entregar trofeos e ir a xantares, e o feito de non ter competencias non exime da responsabilidade de velar polos intereses da veciñanza de Ribadumia e dar a cara pola nosa xente cando sexa preciso, con independencia de quen sexa o partido que estea na administración correspondente”.
Dende Somos Ribadumia seguiremos traballando para mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza en todos os aspectos, con todas as ferramentas políticas das que dispoñamos.
One comment